O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa
A editorial Galaxia continúa a apostar pola literatura musical, neste caso cun completo ensaio sobre a contracultura dos anos oitenta en Galicia. Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo, Underground de Fernando Fernández Rego, repasa unha década que esperta paixóns e odios por partes iguais, e pon o foco noutras escenas que tiveron menos percorrido mediático que a famosa Movida Viguesa. Falamos co seu autor, o máis activo da literatura musical galega. Preme aquí para mercalo.
A toda aquela persoa que estea interesada na música galega seguro que xa oíu falar de Fernando Fernández Rego. O ferrolán é un dos creadores do selo discográfico independente Ferror Records e o autor das biografías de Los Contentos, Andrés do Barro e Suso Vaamonde, ademais doutros libros de temática musical. Entre eles destaca o monumental Unha historia da música en Galicia, no que repasa sete décadas da música propia e que vén de reeditarse hai pouco, tras esgotar todos os exemplares da primeira edición.
Foi xustamente escribindo aquel libro cando pensou que quizais precisaba de máis espazo para contar como era debido unha década tan importante na historia da música galega como a dos oitenta: “É o momento no que empeza a haber un crecemento exponencial de grupos en Galicia. Nas décadas anteriores había unha chea de orquestras, pero a democratización do pop rock non chega ata os oitenta“, explica o seu autor. Iso non quita que fose un proceso moi gradual, xa que daquelas moito do equipamento musical era caro e difícil de conseguir e non existía unha infraestrutura (selos, estudios, locais de ensaio, salas de concertos, festivais…) como a de agora.
Dicía Julián Hernández, de Siniestro Total, que os oitenta estaban a durar máis que ningunha outra década da historia. Razón non lle falta, pois é unha étapa (e non só a nivel musical) que aínda hoxe segue a dar moito que falar e segue a sacar réditos a base de tributos, remakes e outras formas de reciclaxe creativo. Fernández Rego concorda co músico: “É a etapa máis nostálxica da historia. Pensa no cine: E.T., Regreso al futuro, Los Goonies, Cazafantasmas… seguen a estar presentes nas nosas vidas. O aperturismo do país, despois dunha ditadura, axudou a todo ese cambio social e cultural. Hai moitas influencias da música anglosaxona, especialmente do punk e do postpunk”, apunta.
Pero nada disto tería permanecido no tempo se non houbese bos grupos, boa música: “É certo que hai xente que mitificou os oitenta ata niveis excesivos, pero tamén o é que grupos como Golpes Bajos, Siniestro Total, Aerolíneas Federales ou Os Resentidos son dos máis influíntes, mesmo hoxe en día o serían“, explica o escritor e mestre.
Estes catro grupos, xustamente, pertencen á coñecida como Movida Viguesa, ese movemento contracultural que xurdiu a comezos da década e que tivo unha vida corta pero intensa. Unha das teses que defende Fernando no libro é que a gran fama desta corrente eclipsou, dalgún xeito, outras “movidas” que estaban a acontecer noutros lugares de Galicia e España: “O crecemento da escena de Vigo vén pola súa conexión con Madrid. Era moi difícil triunfar sendo un grupo de provincias (utilizando o termo que se empregaba daquelas). A radio e a televisión tiñan unha influencia moi grande porque había moi poucas canles. Soar no programa de Jesús Ordovás implicaba que te escoitasen catrou ou cinco millóns de persoas“, relata. Grupos como Radio Océano, Viuda Gómez e Hijos, Los Eskizos, Los Contentos ou Cosecha Roja, por mencionar uns poucos, non lograron ter tanta notoriedade e as súas traxectorias foron bastante breves.
Sobre a escasa duración da maioría de proxectos nados nos oitenta (a excepción dalgúns poucos, como Siniestro Total, Astarot, Los Suaves ou Los Limones), Fernando opina: “A maioría destes grupos montáronse cando os seus membros tiñan vinte e pico anos e a maioría deles non podían vivir da música. Cando non se vive profesionalemente de algo, iso sempre pasa a un segundo plano”, explica. Pero hai outra situación, por sorte xa superada, que fixo estragos nas bandas daqueles tempos: o servizo militar obrigatorio. A súa duración, 18 meses, fixo que para moitos músicos fose “a maior putada que lles fixeron na vida”, cita Fernando.
Aínda que é o eixo vertebrador da obra, a música non é a única protagonista da obra. Os fanzines, a contracultura, o audiovisual, as artes plásticas ou a poesía tamén teñen unha grande importancia nesta década rompedora. Por suposto, a cultura non é allea á sociedade na que se crea, polo que tamén atopamos moitas referencias políticas e sociais (reconversión naval, paro, drogas…) que nos axudan a contextualizar todas estas iniciativas artísticas.
Comezabamos o artigo resumindo a extensa bibliografía do autor deste Anos 80. O certo é que, ata que a produción de literatura musical galega non aumente considerablemente (algo que vai acontecendo aos poucos nos últimos anos), o ambicioso traballo realizado por Fernández Rego está marcando dalgún xeito o canon da nosa música, polo menos sobre o papel: “Gustaríame que houbese moitas máis voces e moitos máis libros. É certo que temos un pequeno problema xa que non hai moita xente que se dedique a escribir sobre música galega. Ás veces teño ofertas para escribir sobre grupos de fóra, pero prefiro isto porque para min son débedas que quedaban pendentes que me gusta ir saldando na medida que podo. Hai moitas máis cousas que me gustaría facer pero non hai tempo para máis; son profesor, teño familia… é complicado”, explica. Por último, pon o foco na importancia de facer esta clase de traballos agora e non deixalos para máis adiante: “Os protagonistas van morrendo, polo que o momento de ter estas voces é agora. Xa non están Bibiano ou Germán Coppini, por exemplo, aos que tiven a sorte de poder entrevistar no pasado. Que saia o primeiro libro sobre a Movida galega corenta anos despois, cando en Madrid hai decenas, é que algo falla“, conclúe.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024