REVISTA MARZO

Mesturas, recuncho doce ao estilo de Nova York

Desde hai ano e medio, o inicio da rúa Fragoso recende a galletas acabadas de facer. Se unha segue o rastro guiada polo olfacto, acabará na porta dunha pastelería especializada en doces artesáns estadounidenses, Mesturas. Este templo da larpeirada é o negocio de Patricia Martins, quen, tras formarse en repostería en Italia e España, apostou por emprender o seu propio camiño.

Foi ao ver en Instagram as galletas da famosa pastelería Levain Bakery de Manhattan cando Patricia decidiu especializarse nese produto. Estas galletas, coñecidas como cookies ao estilo de Nova York, teñen varias características que as fan irresistibles: un tamaño xeneroso e unha forma redondeada, alta e gorda; un exterior levemente dourado, pero un interior tenro e manteigoso, pois, a diferenza das galletas máis planas, estas teñen un punto de cocción que as deixa lixeiramente crúas por dentro. Outra das particularidades é que a masa contén unha parte importante de manteiga, o que as fai melosas, sabedeiras e moi fragrantes. Ademais, acostuman estar recheas de chocolate ou de crema de froitos secos. Esta combinación de texturas e sabores fixo destas cookies un éxito en todo o mundo, e Mesturas non é unha excepción.

Patricia fixo ducias de probas e axustes ata que o sabor a convenceu por completo e o seu produto se vía idéntico ao que observaba na pantalla. Nun inicio, perfeccionou tres sabores: o tradicional de chocolate con leite, o de pistacho e o de cacao ao 70 %, este último o favorito da cociñeira. Hoxe en día nesta pastelería atopamos quince variedades, das que se venden catrocentas unidades a diario. A de Oreo e a de Kinder Bueno, con media barriña como chapeu e recheo cremoso de crema estilo Kinder, son algunhas das máis demandadas. Tamén as teñen de Filipinos, pistacho, torta red velvet, KitKat ou Lotus, e só durante o mes de marzo despacharán unha edición limitada con té matcha.

Ademais das súas famosas galletas, Mesturas ofrece outras larpeiradas como os crookies, un doce parisiense que tamén está a vivir o seu momento de gloria nas redes sociais e que une o mellor do croissant e das cookies: trátase dun croissant recheo de dúas galletas e crema de diferentes sabores, como pistacho, Filipinos, chocolate con leite ou Lotus. Así mesmo, elaboran unhas tortas de queixo ás que chaman Cremosiñas e que se caracterizan por unha textura cremosa e un sabor delicado. Na vitrina tamén atopamos brownie, brownie con Cremosiña e rolos de canela. Todos os seus produtos poden encargarse para levar e degustalos nas nosas celebracións.

Desde a súa apertura, Mesturas experimentou un crecemento constante. Martins atribúe este éxito a varios factores: a boa materia prima, o coidado proceso de elaboración artesanal e a constancia. A pesar da prosperidade, a pasteleira non se conforma e ten grandes plans de futuro. Entre os seus proxectos atópase a renovación do local, que no pasado era unha zapatería, para facelo máis atractivo e funcional. Tamén lle gustaría instalar unha barra na que ofrecer café para levar e complementar así a súa oferta de doces.

Avenida do Fragoso, 1 | 722 40 18 46 | @mesturass

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.