REVISTA ABRIL

A poesía como vínculo entre Vigo e Nova York

O Festival de poesía Kerouac de Vigo celébrase por terceiro ano consecutivo en Nova York. A cita, que comeza este martes, crece tanto en espazos coma en artistas. Os recitais e performance faranse en español, galego e inglés co fin de crear pontes entre as dúas beiras do Atlántico.

Dezanove artistas, cinco deles galegos, participan na edición neoiorquina do festival Kerouac. Entre o martes día 3 e o domingo día 8 a poesía servirá de unión entre os dous lados do Océano Atlántico. Como din Vanesa Álvarez e Marcos de la Fuente, organizadores do evento, “trátase de establecer un intercambio que provoque o fluxo de artistas e organismos en ámbolos dous sentidos, favorecendo a unión das escenas nunha acción que rompe paredes e borra fronteiras”.

REVISTA ABRIL

No festival empregaranse as tres linguas: inglés, castelán e galego. Os organizadores destacan que é moi importante reunir as dúas linguas dominantes en Nova York, inglés e español, no seu máis alto nivel: a poesía. “É necesario pór en valor o Español que nos EE.UU se presupón como unha lingua pobre e da clase baixa”, explican. Así mesmo, engaden que se senten “orgullosos e coa responsabilidade de traer a lingua Galega a Nova York”.

O evento comezará o martes en La Nacional coa presentación do libro ‘Latexo Beat’, editado por Galaxia. Participará no acto Francisco Castro, o director xeral da editorial galega, e seis dos poetas participantes, tres en inglés e tres en castelán. Cada día o festival terá lugar nun espazo diferente. Pasará polo Instituto Cervantes, a galería Arlo Soho, o Bowery Poetry e a Casa Galicia, aquí só intervirán os artistas galegos que participan no evento: Francisco Castro, Sheila Blanco, Marta López Luaces e Marcos de la Fuente. O venres, os actos terán lugar a bordo dun ferry que une Brookling con Manhattan, a semellanza da travesía que se fai entre Vigo e o Morrazo no Kerouac vigués. Os poetas recitan a ambos lados do océano nun barco que une as dúas costas.

Como xa viña anunciando dende fai tempo a organización, o festival neoiorquino crece nesta nova edición co afán de consolidarse. En outubro chega a oitava edición do Kerouac en Vigo, agardemos que coas mesmas expectativas.