Luis Campos: “A maioría dos artistas din que queren volver a tocar no festival”
Se hai un evento cun magnetismo especial ese é o Festival Sinsal, que este ano volve á Illa de San Simón os días 23, 24 e 25 de xullo. A súa fórmula non é ningún secreto, pero o seu cartel si, pois ninguén do público saberá que bandas van actuar ata desembarcar no arquipélago. Falamos con Luis Campos, director do certame, para coñecer un pouco máis sobre esta edición denominada “Esencial” e sobre a súa filosofía de traballo.
O Festival Sinsal volve á súa esencia, ou o que é o mesmo, á Illa de San Simón. Un lugar único, cunha historia fascinante, que fan del o protagonista deste evento. Iso si, non pon nada fácil as cousas: “Se xa facer un evento en terra firme é complexo, imaxina facelo nunha illa con pouca infraestructura na que hai que levar todo o material a través de medios mariños”, conta Luis Campos, director do Sinsal e, polo tanto, un dos grandes artífices desta bendita tolemia. Aínda que o festival volta á illa, haberá uns cantos cambios obrigados pola situación sanitaria: os concertos só serán de tarde e nun só escenario, haberá poucas actividades paralelas e non existe a opción de mercar abonos para os tres días.
Con todo, as entradas voaron nada máis saír, algo habitual sempre que se poñen á venda: “Estamos moi limitados en canto a espazo, e tampouco é o noso obxectivo medrar e traer moita máis xente, pero si que nos dá carraxe que a xente se quede fóra”, explica Campos, quen admite que a cantidade de xente que traballa para albergar a 500 ou 800 persoas na illa podería valer para facer un festival de 3000 persoas. Admite tamén que están na procura de novos espazos e alternativas para complementar San Simón, onde poder realizar eventos de máis aforo pero “sen volvernos tolos e sen pretensión ningunha de convertirnos nun evento multitudinario”.
A resposta do público xa sabemos que é do máis positiva, pois iso queda demostrado na velocidade á que se esgotan as entradas ano tras ano. E os artistas, que opinan? “A maioría din que queren voltar ao festival. Cando unha persoa se atopa nese lugar tan marabilloso con esa carga histórica e emocional é difícil non sentirse partícipe. Algúns confesan que coas vistas que hai desde o escenario cústalles concentrarse. Existe unha forte comuñón e complicidade entre os artistas e o público ao tratarse dun evento de carácter familiar”, cóntanos Campos.
Algo que veñen pedindo os diferentes organizadores de actividades en San Simón e outros colectivos é a súa maior utilización para eventos de carácter cultural, como poden sen o Sinsal ou o Encordass. Luis súmase a esta petición: “É unha demanda da sociedade. É certo que desde hai uns anos existen viaxes das navieiras á illa para coñecela mellor, pero tamén o é que está moi limitada e se podería facer moitas máis cousas das que se fan”. Malia que admite a complexidade de organizar alí un evento, pensa que é un lugar fantástico que merece ser coñecido por toda a cidadanía. O que si é descoñecido é o cartel do festival, unha característica que se lles ocurriu hai moitos anos e que outos festivais comezan a coller prestada, síntoma do seu gran éxito.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024