COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Chechu Sanjuán (Aphonnic): “Tocar en Castrelos é unha sensación que non se esquece na vida”

O cuarteto vigués de nu metal Aphonnic pechará a noite do The Wild Fest este sábado, 9 de xullo, no Parque Forestal de San Miguel de Oia. As entradas están á venda na web do festival. Falamos co seu cantante Chechu Sanjuán.

Chechu (con gorra) co resto de membros da banda Aphonnic. Foto: Reni Rudisin

Son a banda de referencia do metal galego desde hai máis de dúas décadas e a última banda viguesa en subirse ao escenario de Castrelos, cando telonearon a Anthrax en 2016, unha oportunidade que Chechu, o cantante de Aphonnic considera que “se lle debería ofrecer todos os veráns a moitas bandas da cidade, pois tocar en Castrelos é unha sensación que non se esquece na vida”. “É o de sempre: temos grupos do carallo que non valoramos e perdemos a cabeza polo que vén de fóra”, apostila.

Seis anos despois están en mellor forma que nunca. Algo que demostran acotío. A fin de semana pasada, no seu cuarto concerto no Resurrection Fest e despois dun inconvinte cambio de hora, non cabía un alma máis botando naquela carpa; ou na dobre data coa que celebraron á volta a normalidade na Sala Máster. Dous concertos para os que venderon máis de 500 entradas. E iso que a volta ás salas non foi doada: “Foi como cando lle abres a porta as galiñas, saímos todos en busca de bolos e colapsamos o sistema a todos os niveis”, explica o frontman de Aphonnic e lembra que a pandemia colleu á banda co seu último disco, La Reina, acabado de publicar. “Levabamos dúas semanas de xira cando nos pecharon, polo que esta gran acollida era o que necesitabamos económica e psicolóxicamente”, explica Chechu.

Aphonnic é unha banda afeita a recibir o aprezo dos seus fans, que acoden en masa cada vez que os vigueses publican un crowdfunding para producir un novo traballo. Para crear La Reina recadaron máis de 17.000 € que invertiron integramete en enxendrar o seu sexto disco. En cada disco a cantidade que o público está disposto a aportar aumenta e para Chechu isto só ten unha explicación: “levamos 10 anos publicando bos discos, por iso a xente está disposta a mercar o seguinte antes de escoitalo”.

Grazas a este crecemento a banda mellora a súa produción en cada traballo. “Estivemos os primeiros sete anos como borrachos, dando tumbos e levando paus”, bromea Chechu en referencia aos tempos nos que eles mesmos se ocupaban de todas as xestións propias de ter un grupo. Nesta nova etapa contan coa axuda do produtor portugués Vasco Ramos e unha axencia de management.

Si houbo momentos nos que o crowdfunding foi pura necesidade. “Cando publicamos Héroes intentamos que discográficas e managers nos contrataran e ninguén quixo ese disco“. Iso foi en 2013 e seguro que algún aínda o lamenta, pois Héroes contén un dos maiores éxitos da banda: “Mi capitán”, un tema de letra combativa e social, algo habitual na banda. Cando preguntamos a Chechu polos “himnos” de La Reina danos unha resposta obvia, “Ombligos”, o primeiro single do álbum; e outra sorprendente, “Crisantemos”, un tema moi melódico e afastado do son Aphonnic que conta só con teclados e voz e que pecha o álbum.

Algo curioso na banda é que todos os seus temas teñen o teclado como un dos instrumentos predominantes, pero a formación non ten teclista desde o 2012, cando Felipe abandonou. Non se plantexan buscarlle un substituto. “Somos un matrimonio de catro e meter a outra persoa parécenos demasiado risco, pois unha banda non é só tocar. Ademais estamos contentos coa solución que temos agora en directo. Tecnolóxicamente abriunos un mundo de posibilidades”, sentencia o cantante.

No concerto deste sábado a banda tocará algúns temas do último disco, pero tamén os preferidos dos traballos anteriores. Un set parecido ao que se escoitou no Resu, pero algo ampliado, pois contarán con 20 minutos máis de actuación. Sanjuán adiántanos algúnhas das cancións que seguro soarán: “Mi capitán”, “El Globo”, “Cunfía” e “Kaleborrock&roll”.

SONRIAS
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.