REVISTA ABRIL

Íñigo Bregel (Los Estanques): “Estamos moi orgullosos de poder tocar para moita xente sen renunciar á música que nos gusta”

Los Estanques é unha das bandas máis orixinais e inclasificables dos últimos anos no panorama estatal. O grupo cántabro, co multiinstrumentista e produtor Íñigo Bregel aos mandos, logrou o respecto da crítica e o agarimo do públimo en só un lustro. Este ano formaron un tándem artístico coa malagueña Anni B Sweet, culminado coa publicación do disco Burbuja cómoda y elefante inesperado. Este sábado actúan á hora do xantar no Vibra Mahou Fest, no Auditorio Mar de Vigo. Falamos con Íñigo Bregel sobre esta inesperada colaboración.

Anni B Sweet e Los Estanques, con Íñigo Brugel no centro da imaxe | Sergio Albert

Non foi doado contactar con Íñigo Bregel, lider de Los Estanques, pois xunto co resto da banda estivo ensaiando toda a tarde do xoves para preparar o concerto deste sábado no Vibra Mahou Fest. “Eres máis difícil de localizar que Unabomber”, comenteille en broma despois de deixarlle varias chamadas perdidas. Ana Fabiola López, coñecida como Anni B Sweet, era seguidora da música da banda cántabra. Pola contra, Bregel recoñece que ata o ano pasado nunca escoitaran as cancións da malagueña: “Cando a escoitamos flipamos. Coa súa música, coa súa voz e, unha vez a coñecimos, con ela”, admite o músico.

REVISTA ABRIL

Foi o seu manager quen os puxo en contacto, e dese primeiro encontro xurdiu ‘Tu pelo de flores’, unha composición de Anni arranxada nunha soa noite por Íñigo. Despois chegou ‘He bebido tanto (que…)’, polo que a pregunta era obrigatoria: “Imos a polo disco ou que?”, díxolle Bregel. O resultado, que leva por nome Burbuja cómoda y elefante inesperado, conta con 13 composicións, sete obra do santanderino e seis da malagueña. É evidente que non perderon o tempo, pois o multiinstrumentista admite que xa teñen feito parte do segundo álbum.

Este ímpetu compositivo non é nada novo para Los Estanques, pois o deste ano é o seu quinto traballo nun lustro:“Eu vivo enriba do local, polo que estou practicamente todo o día compoñendo e gravando”, explica. Acostumado a ser quen leva o peso compositivo, traballar con outra creadora como Anni B Sweet “foi unha experiencia moi bonita. Ana non só é unha das mellores cantantes de España, se non que ten uns temas e unha letras moi boas. Ana confiou moito en min desde o principio porque lle gustaban moito Los Estanques e deume toda a liberdade”, comenta. Igual que a burbulla do título, afirma sentirse moi “cómodo” neste proceso.

O pop rock e a psicodelia son as mellores etiquetas para definir as súas creacións, pero quedan insuficientes. Malia o cóctel de sons e a complexidade dalgunhas cancións, estas rara vez superan os catro minutos de duración: “É un exercicio bastante divertido intentar construír unha bomba de reloxería en só catro minutos. A estructura é moi clásica (estrofa-retrouso-estrofa-retrouso-ponte) pero gústanos explorar todas as súas posibilidades”, explica. Sobre o que podemos esperar da actuacións deste sábado, Bregel conta que o proceso de adaptación dos temas do estudio ao escenario supuxo “moito traballo, pero no fondo é o que nos gusta e todo ese sacrifcio é moi reconfortante. Estamos moi orgullosos de poder estar xirando con isto por aí, tocando para moita xente e sen renunciar á música que nos gusta”, finaliza.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.