REVISTA ABRIL

Lecturas para darlle á lingua

A literatura é unha fonte inesgotable de coñecemento e sabedoría. A riqueza das verbas recollidas en libros e contos non ten parangón. Mesmo a historia en aparencia máis simple pode abranguer unha grande aprendizaxe. Apostar por un bo libro é unha garantía de que o tempo dedicado á lectura estará ben investido. Velaquí catro propostas neste mes das Letras Galegas.

Se falamos de literatura infantil e vigueses, non nos podemos esquecer do veciño e poeta Antonio García Teijeiro e mais a antoloxía Bicos e non balas (Galaxia, 2019), que acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017. Un libro con poemas, nas palabras do propio autor, sobre a «pedagoxía da paz». Ademais está ilustrado pola tamén viguesa Bea Gregores.

REVISTA ABRIL

Por outra banda, cando xuntamos a literatura coa música aparecen obras como Brinca vai! (Kalandraka, 2014), escrito por Paco Nogueiras e ilustrado por Marc Teager. «Lese, escoitase e tamén se ve», di o autor. Con cancións que teñen como obxectivo divertir a toda a familia, son capaces de abordar todo tipo de estilos musicais, do rock ao reggae, con letras que pretenden de educar en conceptos como a amizade, a igualdade, o respecto pola natureza e na querenza polas festas tradicionais galegas.

Eva Mejuto ofrécenos o conto Dez gatiñas viaxeiras (Xerais, 2019) que percorren toda Galicia en plan mochileiro a través das ilustracións do vigués Víctor Rivas. Unha viaxe que leva esta decena de miquiñas a enclaves destacados ao longo e largo do país. Con base na tradición oral e un gran sentido do humor, temos aquí unha historia ben divertida e con moito ritmo.

O ladrón de paraugas (Galaxia, 2021), escrito por Xosé Lueiro e ilustrado por Sara Valcárcel, convida á reflexión sobre a fraternidade entre culturas, un tema que cobra moita importancia no tempo tan duro que nos tocou vivir. Este libro conta as peripecias de Fazulas, un gato que quere saber de que cor é o vento. En base a isto, abórdanse cuestións como a igualdade de xénero, os conflitos bélicos ou mesmo a situación de pobreza que viven nenos no terceiro mundo, sempre desde unha perspectiva vitalista e chea de esperanza.

The following two tabs change content below.
Educadora Infantil e Educadora Certificada en Disciplina Positiva pola Asociación Española e Americana. É ademais nai de dous pequenos que, segundo di, son os que a fan medrar e aprender cada día. Encántalle a natureza e viaxar aínda que a súa maior paixón son os nenos e a infancia como demostra no seu blog Little Scaler, onde aposta pola crianza respectuosa e amosa que criar sen berros e sen castigos e posible.