CAMELIAS MASCOTAS

La Bien Querida: “Dentro de min hai moitas mulleres”

Ana Fernandez-Villaverde, coñecida artísticamente como La Bien Querida, actuará este sábado no Vive Nigrán, previa ao concerto de Rigoberta Bandini. A vizcaína, de voz balsámica e ideas claras, leva en activo desde 2009, cando decidiu cambiar a pintura pola música, e neste tempo publicou seis discos e unha ducia de singles e colaboracións. Falamos con ela antes da cita en Nigrán.

Sobre os escenario chámaste La Bien Querida, de onde sae o teu nome artístico?

Inspireime no título dunha película mexicana, La malquerida, pero eu quero que me queran ben, non mal, e creo que as palabras e os pensamentos teñen o poder de proxectar os nosos desexos. Ademais naquela época escoitaba moita música popular e quixen poñerme un nome que soase popular.

Quen son os teus referentes?

Na música, e salvando as distancias, ocórreseme Lana del Rey. Como artista para min é un gran referente Alsaka, unha muller que segue activa desde os 80, elegante e interesante.

O teu maior hit, ‘Dinamita’, ten unha mensaxe clara que chama á rebeldía. A música é para desfrutar ou para trasladar unha mensaxe?

A música é para trasladar emocións. Todas as miñas cancións teñen un transfondo, as veces máis reivindicativo, outras quero que sexan terapéuticas para min e quen as escoite.

Cal sería o trasfondo do teu último sinxelo, ‘La perra del hortelano’?

Quixen explicar que dentro de cada un viven e conviven moitas persoas. Dentro de min hai moitas mulleres e conto quen son elas.

https://www.youtube.com/watch?v=-OngUma0isc

A túa popularidade disparouse cando Dinamita apareceu en series como Paquita Salas e Élite. Ten algún lado negativo que te coñezan por outros?

REVISTA NOVEMBRO

Só coñezo a parte positiva que é inmensa. Que Los Javis se interesen pola miña música para os seus proxectos é un afago que ademais vén ben para crecer. No caso de Paquita Salas a música é importantísima na serie e a canción é un personaxe máis dentro do capítulo. ‘Dinamita’ e ‘Los abriles de marzo’ escóitanse de principio a fin, non é unha música de fondo, e iso sempre me gusta agradecerllo a los Javis. Ademais tamén saio eu na serie.

Que encontraremos no concerto do sábado no Vive Nigrán?

Farei unha traxectoria por toda a miña discografía porque sempre intento tocar os temas que lle gustan á xente e non necesariamente os meus preferidos. ‘Dinamita’ seguro estará.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.