Ángel Martín: “No teatro se algo non funciona hai un silencio que te rebenta por dentro”
Pasou de ser guionista en 7 vidas e monologuista en Paramount Comedy a convertirse nun dos cómicos máis famosos da súa xeración. Ángel Martín (Barcelona, 1977) revolucionou o entretemento televisivo fai doce anos con Sé lo que hicisteis… (2006-2011), ben acompañado por Patricia Conde, Miki Nadal, Pilar Rubio, Dani Mateo, Berta Collado, Alberto Casado ou Róber Bodegas. Posteriormente, entre outros proxectos, presentou o programa de ciencia Órbita Laika en La 2 e creou a súa propia páxina de humor, Solocomedia. Na actualidade, ademais de presentar Wifileaks con Patricia Conde en #0, volveu a subirse aos escenarios co seu espectáculo Lo de hablar 2, que visita o Teatro Salesianos este venres 19. Podes mercar aquí as entradas.
Os teus comezos na comedia foron facendo monólogos en Paramount Comedy, e despois dalgúns anos sen facelo, volviches aos escenarios. A que se debeu esa ausencia?
Pois á vagancia. A maioría de cómicos tratamos de inventar escusas, pero pódenos a vagancia. Estase moi cómodo na casa bebendo cervexa. En ocasións é preciso desconectar un pouco para saber en que lugar estás ti. Moitas veces comezas moi cedo na comedia e escribes textos que están acorde a túa maneira de pensar naquela época, polo que é preciso reconfigurar a túa cabeza e ver se o que estás a contar é o que pensas ou é o que pensabas aos vinte ou aos trinta. É necesario facer un balance.
“Facemos demasiado caso á xente que se ofende”
Qué podemos esperar de Lo de hablar 2, o teu monólogo deste venres?
Grosería e honestidade. É o resumo máis claro. É o monólogo no que menos piedade tiven. Neste espectáculo decidín quitar algunhas das miñas manías. Moitas veces coidas a linguaxe porque pensas no que pode molestar a uns e a outros, pero chega un momento no que tes que decidir que é o que che apetece facer realmente. Se fas as cousas pendente dos demais pérdese parte da enerxía da comedia. Estamos a vivir un momento no que lle facemos demasiado caso á xente que se ofende, e nos esquecemos de que hai xente que non se ofende tan facilmente. A min persoalmente gústame máis esa xente, a que entende que as bromas son bromas.
É enriba dun escenario onde podemos ver ao Ángel Martín máis puro, sen filtros?
Sempre fun bastante puro, pero esta vez nin sequera coidei a miña linguaxe. A xente ten que vir mentalizada de que no escenario non van ver ao Ángel Martín de Sé lo que hicisteis…, Wifileaks ou Órbita Laika, senón ao Ángel Martín que fai monólogos.
Dicías hai uns anos que para facer comedia en televisión tiñas que aceptar unha serie de regras que non dependían dun mesmo. Segues pensando o mesmo a día de hoxe?
Si. Cando entras na televisión tes que asumir que hai unhas normas e decidir se estás disposto a cumprilas ou non. É verdade que fai anos non existía unha plataforma como #0, que dá moita liberdade aos cómicos, pero tes que entender que cada medio ten as súas normas de xogo: non é o mesmo o teatro, que a tele, que internet ou que unha revista. Tes que estar disposto a aceptalas se non queres desesperarte.
Qué tal a volta á televisión con Patricia Conde en Wifileaks?
Ben, moi divertida. Aínda estamos tentando de coller o ritmo. A vantaxe de traballar nunha cadea como #0 é que non tes a presión das cadeas xeneralistas e podes facer as cousas con moita máis calma e paciencia. Está a ser cansado pero divertido.
No seu día deixaches Sé lo que hicisteis… por esgotamento, entre outras cousas. Veste presentando un programa de TV durante varios anos de novo?
Pois… non o sei. Levántome polo mañá, tomo un café e penso “aguanto un día máis?”, e se vexo que si pois tiro millas. Mentres me divirta aguanto, o problema vén cando deixo de divertirme. Nese caso embárcome noutra aventura rapidamente.
“A denuncia de Telecinco foi un sopro de aire fresco”
Falando de Sé lo que hicisteis… chegástes a plantexar cancelar o programa despois da denuncia de Telecinco?
Non, nunca. Cando viu a denuncia foi de feito un sopro de aire fresco: obrigaba a reconfigurar algunhas cousas e a tratar de ser máis inxenioso para seguir co programa. Vímolo como un reto e penso que fomos quen de facelo. Foi moi divertido.
Cres que SLQH… foi a orixe dun formato de entretemento televisivo que aínda hoxe segue a ter éxito?
Si, polo menos a linguaxe. SLQH non descubriu nada, en televisión xa está case todo inventado, pero si inventou unha linguaxe na que os presentadores rompían a cuarta parede co espectador, na que de pronto vías a uns tíos que chegaban ao programa do luns e dicían “pois dáme moita pereza vir a traballar hoxe”. Iso resultaba estraño, porque parece que a xente da tele sempre ten que estar eufórica e pletórica. A nosa linguaxe era moito máis da rúa que a que se facía ata o momento. Tamén o feito de que os cómicos puidésemos escribir o noso propio material. Antes o que se facía era fichar a cómicos para que fixeran outras cousas, e agora o que se fai e fichalos para que fagan o que a eles lles divirte, o cal ten máis sentido.
Notas moita diferenza entre aquela época e a actual á hora de facer comedia?
Non. Os temas cambian, polo que a diferenza está en como os enfocas. Ao final a comedia o que ten é que cada cómico faga o que lle divirta, polo que os cambios creo que veñen máis por aí: se che deixa de gustar algo ou se estás a buscar novas vías. En dez anos claro que houbo moitos cambios: as redes sociais, a maneira de comunicarnos… Non é tanto a comedia como o feito de axustarte aos tempos e aos intereses.
“Cando eu traballaba en 7 vidas chegaban colectivos ofendidos cada día”
Falabas antes da xente que se ofende demasiado. Por que cres que aínda non tiveches ningunha polémica forte polas túas opinións?
Bueno, prohibíronnos emitir imaxes de todas as cadeas de televisión, eu creo que si que tiven unha ben grande (risos). A nivel individual, se as tiven non fixen moito caso. Hoxe en día as cousas magnifícanse demasiado, porque ao final as polémicas son todo o polémicas que ti queiras que sexan. Con non darlle bola a maioría non trascenden. Polémica é que queiran meter no cárcere a uns titiriteiros, iso é distinto porque entra en xogo a xustiza. Pero que un colectivo se ofenda cunha broma… pois non deixa de ser iso. Cando eu traballaba en 7 vidas chegaban colectivos ofendidos cada día, o que pasa é que agora fan máis ruído. É algo que pasou sempre.
Un dos teus proxectos persoais ao longo destes anos foi a web Solocomedia, na que facías sketches de humor con outros cómicos como Marta Flich, Don Mauro, Berto Romero ou Marta Torné. Por que crees que non acabou de funcionar?
Porque son un paquete con internet, e como non teño nin a máis puta idea de como son as regras de internet, ata que non aprenda, seguirei dándome de hostias unha e outra vez. Cando algo non funciona a culpa é miña, creme. Cando non coñeces un medio é moi difícil que algo funcione, pero non me rindo. Supoño que dentro dun tempo volverei a darme unha hostia con Solocomedia. É o meu talón de Aquiles, a miña debilidade.
Despois de probar a comedia en televisión, monólogos ou ficción na internet, onde te sentes máis cómodo?
A verdade é que son un tío con sorte e sempre puiden facer a comedia que me divirte axustándoa ao medio no que estou. Cando fas isto é divertido, e ademais eu nunca notei que o meu humor non funcionase na tele, en internet ou no teatro. Síntome cómodo nos tres sitios, aínda que pode que sexa o teatro o que me custe un pouco máis. A proximidade coa xente sempre impón un pouquiño, polo menos a min. Na tele ou en internet se unha broma non funciona non te decatas, e tampouco se funciona. En cambio no teatro se algo non funciona hai un silencio que te rebenta por dentro, é unha sensación de errar no que eu pensaba que era gracioso. O teatro é o máis complicado porque é o que ten unha resposta máis inmediata.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de outubro: Os templos da sétima arte - 3 Outubro, 2024
- Kintsugi, o novo espazo de movemento para aceptar as cicatrices do noso corpo - 1 Outubro, 2024
- Os templos da sétima arte: pasado e presente dos cines de Vigo - 25 Setembro, 2024
- Crónica do Underfest Xacobeo, unha bendita loucura festivaleira - 23 Setembro, 2024
- Dez anos do Desafío Boot Camp, a carreira de obstáculos máis emblemática do noroeste peninsular - 13 Setembro, 2024