VIALIA
PLAYDOC

La Artesata, a bocadillería gourmet con alma de restaurante

La Artesata é un restaurante de bocadillos de calidade, con recheos traballados e diferentes envoltos no pan perfecto. Acaban de reabrir o local con terraza a poucos metros da Alameda.

Aínda que non sexa o primeiro que nos vén a cabeza ao pensarmos en cociña gourmet, existen cada vez máis opcións que fan que se poida considerar como un menú a escoller, máis que como unha solución rápida para calmar o apetito. Falamos de bocadillos, algo do que sabemos bastante en Vigo; tanto, que seguramente poderiamos recitar de memoria cales son os nosos favoritos.

A este podio do entrepán local temos que engadir un novo establecemento de referencia: La Artesata, unha bocatería que coida con esmero os tres piares deste alimento: o pan, o recheo e a atención. A calidade da materia prima é a máxima sobre a que traballa Jorge Caamaño, que acaba de abriu este restaurante de bocadillos despois de pasar polas cociñas de hamburgueserías, taperías e restaurantes «con estrela».

A vocación de La Artesata é a de ser un restaurante na que os pratos cómense entre dous pans, por iso as preparacións van máis aló das clásicas e introdúcense no suculento mundo dos guisos, as carnes a lume maino e os vexetais macerados e confeitados, pero «con ese último toque de prancha que nos recorda aos bocatas de toda a vida», explica o cociñeiro. «Para facer o bocata de pulled pork cociño a carne de porco alimentado con castañas durante máis de seis horas e métoa nun suave pan de brioche, que é o que mellor lle vai», como contraste, cebola encurtida e queixo San Simón con Denominación de Orixe, completan o bestseller ata o momento.

Tamén está moi demandado o Vene, un bocadillo de polo, queixo e aguacate e pan de barra que pelexa polo segundo posto co de tenreira ao estilo coreano, un guiso de carne galega aderezada con guindilla, xenxibre e salsa de soia que entrou na carta fixa por aclamación popular. «Faciámolo fóra de carta as fins de semana, pero a xente pedíao todos os días e non temos problema en ir mudando a carta». Outro deses que van e veñen é o de tenreira ao curri con sitake e cenoura agridoce. Tenro, aromático e cun logrado sabor a cociña tailandesa. Para acompañar, unha patacas acedas galegas fritidas en aceite de oliva virxe extra, algo case imposible de atopar na hostalería, acompañadas de salsas caseiras.

REVISTA ABRIL

Como dicía certa famosa cadea de comida rápida “o segredo está na masa” e aquí, de verdade. Jorge e a súa muller, quen o acompaña na cociña, pasaron meses probando, experimentando e corrixindo ata dar co pan de bocadillo perfecto, que elabora unha panadaría en exclusiva para eles. As chapatas que utilizan son de masa léveda, teñen pouca altura, unha codia fina e crocante e unha miga lixeira o que as converte no envoltorio perfecto dos recheos sen acaparar demasiada presenza. Todo un acerto que marca a diferenza.

Ademais da calidade do produto, as críticas de La Artesata nas redes destacan a amabilidade do servizo que Caamaño etiqueta como «hostalería honesta», pois traballan coa empatía e a simpatía por diante. Os bocadillos gourmet queren facerse un oco nun mercado acaparado polas súas curmás as hamburguesas e con propostas como La Artesata o éxito está asegurado.

Inés Pérez de Ceta, 2 | 654 50 27 69  | Instagram: @la_artesata | De mércores a domingo de 13:00 h a 16:00 h e de 20:00 h a 23:30; venres e sábados ata a 01:30 h.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.