CAMELIAS MASCOTAS

IV Festival de Cine Inclusivo, o único “para todos os públicos”

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo (VIIFF) encara a súa cuarta edición cun programa ambicioso que inclué obras intenacionais, nacionais e locais. Terá lugar do 22 ao 26 de outubro no auditorio do Concello, agás o venres, onde as tres proxección será no Cine Salesianos.

Proxección de ‘Campeones’, na edición anterior do festival.

O IV Festival de Cine Inclusivo de Vigo inaugurarase co documental “A nosotros tu reino” sobre o campión mundial de kickboxing Simón González o martes 22 de outubro, ás 20:00 horas. Na presentación estará o protagonista, o director da longametraxe, Horacio Alcalá e a produtora executiva, Raquel Menor. Todos os pases do Festival de Cine Inclusivo de Vigo son de balde ata completar aforo. Só para asistir ao documental de inauguración precisarase convite previo.

Este ano o Festival quere poñer a atención nas Enfermidades Raras coa presenza na sección competitiva “VIG-IN DOC de documentais internacionais pola inclusión” de tres pezas sobre esta temática: Jóvenes Invisibles de Isabel Gemio; Idénticas de Luis Avilés e Todos los caminos de Paola García. Os tres directores asistirán ás proxeccións dos seus documentais para dialogar co público.

Os outros documentais que entran en competición son: O meu nome é Daniel de Daniel Gonçalves (Brasil); What it feel like de Steve Fraser (Estados Unidos) ; Irene’s Ghost de Iain Cunningham (Reino Unido); Charm city de Marilyn Ness (Estados Unidos); Who says I cant de Kristen Lappas (Estados Unidos); Peixos d’aigua dolç de Marc Serena; La promesa de Danel Aser; 26 de abril, Play Again de Guillermo Cruz e King Ray de Sergio Romero. Este ano a sección de documentais terá tamén premio do público, ademais do otorgado polo xurado.

REVISTA NOVEMBRO

En canto á sección competitiva de curtametraxes audiodescritas e subtituladas presentaranse nove pezas: La noria de Carlos Baena; Mouras de Olga Osorio; Marusía de Pedro Sancho; Soy una tumba de Khris Cembe; Una noche con Juan Diego Botto de Teresa Bellón y César F. Calvillo; Cerdita de Carlos Martínez Pereda; La tercera parte de Alicia Albarés y Paco Cavero; 16 de decembro de Álvaro Gago e Helsinki 79 de Pablo Fontenla. Entre eles atopamos presenza viguesa nos casos de Sancho, Gago e Fontenla, que se unen aos nomes de Noemí Chantada e Óscar Pardo, que proxectarán o sábado un capítulo da súa webserie Sorrisos transformadores. Podes ler as entrevistas que lles fixemos a todos eles na nosa revista de outubro.

En canto á sección “Novas miras”, este ano proxectarase a película Sordo do director Alfonso Cortés-Cavanillas, para que o espectador sinta a experiencia de “quedarse xordo”. Neste western, baseado nun cómic homónimo, un maqui queda xordo despois dunha explosión, o que fai aínda máis difícil a súa superviviencia en medio do conflito. Á presentación asistirán o guionista Juan Carlos Díaz e o deseñador de son, Daniel Rodrigo.

Nas seccións paralelas destacan Coñece!, centrada nas escolas e que porá o foco no ciberacoso a través da serie SKAM, de Movistar; a conferencia do experto en Audiodescrición, Antonio Vázquez, na Universidade de Vigo, cuxa productora Aristia traballa para a ONCE; a charla de Elisabet Serra, codirectora da Asociación Lectura Fácil que traballa por achegar a lectura a persoas con necesidades especiais; o espazo para as webseries máis inclusivas, con Sorrisos transformadores e Sitcom; e o faladoiro con AGAG (Asociación Galega de Guionistas) co título: “Frames inclusivos: Internet como ferramenta audiovisual de inclusión”.