VIALIA
PLAYDOC

Álvaro Gago comeza a rodar en Coia a súa nova curtametraxe

Na noite do martes 12 de marzo o cineasta vigués Álvaro Gago e o seu equipo comezaron a rodar a súa nova curta, 16 de decembro, no Pavillón de Coia.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Onte á noite o Pavillón Municipal do barrio vigués de Coia tiña unha actividade inusual para esas horas, xa que Álvaro Gago e o seu equipo utilizaron este espazo para comezar a rodaxe de 16 de decembro, a última curtametraxe do director olívico. Esta escena mostra á actriz protagonista Cris Iglesias adestrando a balonmán co resto das súas compañeiras (as xogadoras do Lavadores), instantes previos a emprender camiño ata o conservatorio, onde ten que recoller ao seu irmán.

REVISTA MAIO

A película, sustentada por un argumento movido polas circunstancias que rodean á protagonista, quere aproximarse ao escrito dunha maneira realista, adoptando unha posición non autoritaria e facendo uso dunha cámara que non invade senón que observa. A intención é filmar unha ficción obxectiva, desposuída de teatralidade e imposturas, para tentar capturar outro tipo de verdade.

En palabras do propio Álvaro, “O cinema que nace do cinema non me interesa. Interésame o que está na rúa e nace da realidade que rodea a un. E a miña realidade está a berrarme que o número de mulleres que vense afectadas diariamente pola violencia machista é exorbitante.”

Ademais do Gago, posiblemente o director vigués máis laureado dos últimos anos, no equipo atopamos a profesionais do nivel de Lucía C. Pan, gañadora en 2018 do Mestre Mateo á Mellor Dirección de Fotografía por Dhogs ; Cris Iglesias, actriz que participou en proxectos como Fariña; e Mireia Graell, fundadora de Ringo Media e produtora detrás de La Novia ou Estiu 1993. A curtametraxe, que conta cun presuposto duns 60.000€ (18.170€ viñeron do crowdfunding) ten prevista a súa estrea en xuño de 2019.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.