REVISTA ABRIL

Cine para todos no Festival de Cine Inclusivo que comeza este mércores

A Terceira edición do VIIFF Festival de Cine Inclusivo arranca este mércores no Auditorio do Concello. Poderemos coñecer aqueles traballos audiovisuais que mellor tratan o tema da inclusión ao tempo que se reivindica a importancia de facer cine para todos.

Non todos temos a oportunidade de ir ao cine e gozar dun filme. Isto é o que reivindica o VVIIFF Festival de Cine Inclusivo de Vigo. Un certame que se celebra esta semana na nosa cidade e que reclama un cine accesible para todos. Aínda que o evento e o pase de filmes comezan o mércores no Auditorio do Concello, a terceira edición do VIIFF inaugurarase oficialmente o xoves co pase especial da película ‘Campeones’ nos multicines Yelmo. Acudirán a proxección Javier Fesser, director deste aclamado filme, Luis Manso, produtor da película e Alberto Nieto e Sergio Olmos, dous dos protagonistas. Un pase especial ao que só se poderá asistir con invitación.

Durante as xornadas do mércores, xoves e venres pola tarde terá lugar o ‘Vig-In Doc’, a sección de documentais internacionais pola inclusión. Cada unha das cintas que se proxectarán trata unha problemática ou discapacidade concreta. Así, a galega ‘Esquece Monelos’, gañadora de tres premios Mestre Mateo e nomeada a mellor documental nos premios Feroz, adéntrase na perda da memoria e en como afecta a aqueles que a padecen. Por outra banda ‘Los Niños’, fala dun grupo de persoas con síndrome de Down que teñen o desexo de pasar á vida adulta. ‘Swim Team’ e ‘Octubre’ achéganos ao autismo, tema ao que está dedicada esta edición do Festival.

O acto central do festival celebrarase o sábado pola tarde co Festival de Curtas. Trala recepción na alfombra vermella ás 17:00 horas, as proxeccións comezarán ás 18:00 horas coa estrea de ‘Pingas’, o debut como directora de Déborah Vukusic. Todas as curtametraxes están subtituladas e audiodescritas para persoas con dificultades auditivas e visuais. Trátase dunha coidada selección entre as que destacan ‘Madre’ de Rodrigo Sorogoyen, ‘Matria’ do vigués Álvaro Gago e gañador do gran premio do Xurado no Festival de Sundance, ‘Escarabana’ da actriz Sara Casasnovas ou ‘17 años juntos’ de Javier Fesser. Trala votación do público e a proxección da curta ‘Sordas’ de Génesis Lence, que se presenta fóra de concurso, terá lugar a entrega de premios e estatuíllas, realizadas pola Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra.

Un espazo para crear conciencia

REVISTA ABRIL

O VIIFF quere ser ante todo un lugar no que crear conciencia. Nas mañás do mércores e do venres a sección ‘Coñece! ofrecerá aos escolares vigueses a oportunidade de coñecer máis de cerca o autismo a través da proxección da serie ‘Atypical’ e un coloquio coas asociacións Autismo Vigo e TEAVI.

O venres pola noite preséntase a sección ‘Novas Miras’, que nace coa intención de crear un espazo de debate ao redor de aspectos pouco tratados da realidade das persoas con diversidade funcional.  A partir das 21:00 horas o profesor Robert Casas, da Universidade Hood College poñerá sobre a mesa a cuestión da sexualidade nas persoas con diversidade funcional, coa súa presentación ‘Deseos proyectados: sexualidad, empatía y reivindicaciones políticas en <Vivir y otras ficciones>’. Trala charla terá lugar a proxección da película. A cinta pon o acento na necesidade sexual e nas dificultades que atopan as persoas con diversidade funcional para satisfacela, situando ao espectador nun lugar incómodo dende o que se invita a practicar a empatía.

O sábado pola mañá crearase un espazo de debate en torno á necesidade de facer cine accesible, labor que non só implica aos propios traballadores do audiovisual, senón a toda a sociedade. A partir das 11:00 horas, a directora e guionista Julia Castro falará sobre a súa experiencia na realización da webserie ‘Generación wifi’. Os asistentes gozarán da proxección da serie, protagonizada por Valeria, unha trintañeira en paro enganchada ás novas tecnoloxías. A acompañarán, entre outros, un colega do traballo con síndrome de Down, a súa mellor amiga que é cega, e o seu veciño, un rapaz xordo. Entre todos axudarán a Valeria a ver a vida dende outra perspectiva. A continuación, o profesor da Universidade de Vigo Pablo Romero, director do novo observatorio galego de accesibilidade aos medios (GALMA), ofrecerá unha charla sobre cine accesible. Nela se presentará a iniciativa accesible filmmaking (produción cinematográfica accesible), que consiste na integración da tradución e a accesibilidade como parte do proceso de produción cinematográfica.

(GMT+01:00) Auditorio Municipal do Concello


(GMT+01:00) Auditorio Municipal do Concello


(GMT+01:00) Multicines Yelmo


(GMT+01:00) Auditorio Municipal do Concello


(GMT+01:00) Auditorio Municipal do Concello


(GMT+01:00) Auditorio Municipal do Concello


(GMT+01:00) Auditorio Municipal do Concello