CASAACUNHA

Igualdade que vén ao conto

A neurociencia di que as ideas e os conceptos se asimilan mellor cando se integran nunha historia no canto de se expresar como pensamentos illados. Por esta razón, pódense explicar mellor certos temas acudindo, por exemplo, aos contos.

Como titores legais, é para nós un dereito e un deber dotar aos nosos pequerrechos dunha boa bagaxe literaria. Por fortuna, hoxe en día tense moi en conta legar modelos sociais sen nesgos machistas; a maioría de nós medramos rodeados de estereotipos de xénero que fomos asumindo de xeito inconsciente. Lembremos contos clásicos como A bela adormecida, Branca de Neve ou A Cincenta: as protagonistas son mulleres desvalidas que precisan dun príncipe azul que as rescate. En realidade, a heroicidade non é unha cuestión de xénero. Velaquí recomendamos tres libros que veñen ao conto da igualdade:

Daniela pirata (Nubeocho, 2020),de Susanna Isern, racha coa imaxe do rol masculino, outorgándolles ás nenas a oportunidade de se converter en destemidas corsarias. Daniela sempre se quixo enrolar a bordo do «Caimán Negro», pero o capitán dese barco pirata, ademais de botarse a rir, imponlle unhas probas moi difíciles para lle dar permiso para embarcar.

Un papá con delantal (Bellaterra, 2018),de Magela Demarco, a través dos ollos dunha nena e con trazas de humor, conta como un home é contratado por unha nai de familia para que realice as tarefas da casa. Amador centra unha historia que invita a cuestionar a división de roles que existen entre homes e mulleres á hora de levar posto o mandil.

Yo voy comigo (Thule, 2015),de Raquel Díaz Regueira, conta a historia dunha nena que, aconsellada polos seus compañeiros, vai mudando de aspecto co fin de lle gustar ao neno do que está namorada. Pero paga a pena deixar de ser unha mesma para lle gustar a un tal Martín?

Lourdes Tomé
Redactora

The following two tabs change content below.
Educadora Infantil e Educadora Certificada en Disciplina Positiva pola Asociación Española e Americana. É ademais nai de dous pequenos que, segundo di, son os que a fan medrar e aprender cada día. Encántalle a natureza e viaxar aínda que a súa maior paixón son os nenos e a infancia como demostra no seu blog Little Scaler, onde aposta pola crianza respectuosa e amosa que criar sen berros e sen castigos e posible.