Hendrik Röver (Los Deltonos): “Xa quixesen moitas cidades ter as bandas de Vigo”
Acompañados pola banda local The Bo Derek’s chegarán este venres 31 a La Iguana Los Deltonos, liderados por un incombustible Hendrik Röver. Nado en Alemaña pero cántabro de adopción, este currante do rock leva máis de 30 anos facendo música de raíz americana en castelán, tocando xéneros como o rock and roll, o folk, o country, o blues ou o rockabilly. Falamos con el da súa traxectoria e dos seus últimos traballos, ademais da especial relación que ten cos músicos da nosa cidade.
No últimos cinco anos sacaches tres discos con Los Deltonos e dous en solitario, un deles dobre. Atópaste no momento máis prolífico da túa carreira?
Probablemente, supoño. O cambio empezou cando descubrín o meu lado cantautor. A partir de aí creo que aprendín a optimizar os meus recursos e resúltame máis fácil acabar eses quebracabezas de letra e música que son cada canción.
E o mesmo como produtor, xa que estiveches detrás duns cantos discos de artistas como Juanjo Zamorano, Schizophrenic Spacers, Los Eternos ou The Kleejos Band.
Teño a sorte de que unha chea de grupos molones decidíronse a pasar polo meu estudio para rexistrar as súas fantásticas cancións. Se eu podo axudarlles a darlle o brillo que imaxinan, estou encantado de facelo. O mellor deste traballo é que a maioría de grupos chegan como clientes e cando se van somos familia. Van saíndo sobriños en Vigo, Grao, Barcelona, Zaragoza, etc.
Entre compoñer, tocar ou producir, onde te atopas máis cómodo?
Home, non hai nada como tocar en directo. Cada noite é distinta, nunca sabes exactamente o que vai pasar e estamos en busca do concerto perfecto que non atoparemos nunca pero esa procura é o aliciente. Compoñer e producir tamén teñen o aliciente de que te enfrontas ao descoñecido. Quizais o que máis me aburra sexa gravar os meus propios discos porque como escribín o guion, antes de ver a película xa adoito saber o final (risos).
Traballaches de maneira habitual con varios artistas vigueses como The Soul Jacket, Óscar Avendaño ou Dixie Town. Como ves a escena musical local?
Dixie están un pouco parados por cuestións de loxística pero paréceme que o pódium que dá vida á escena de Vigo e arredores confórmano Soul Jacket, Bo Dereks e os Wavy Gravys. Xa quixesen moitas cidades!
Comentabas hai tempo nunha entrevista que non adoitas ser moi autobiográfico nas túas letras, a pesar de que cancións como Salud!, Las Muchachas ou Delirium teñen toda a pinta de selo. Segues mantendo ese método de escritura?
Ceos! se Delirium fose autobiográfica estaríache a responder desde o centro de saúde (risos). As outras teñen cousas, pero son máis insinuacións ou referencias que feitos concretos. Non nego usar feitos reais, pero adoito deformarlos e crear un personaxe novo. Eu creo que a única totalmente autobiográfica é Tren [Esqueletos, 2008]. De todos os xeitos, de onde imos sacar as cancións senón da vida real.
En Vigo compartirás escenario con The Bo Derek’s. Que che parece a nova banda de Avendaño?
Se o rock and roll é diversión, iso son os Bo Derek’s. Un fantástico grupo de bar sen pretensións (dígoo sen acritude, refírome a que non parecen seriamente empeñados na procura do santo graal do rock), que revisita con toque persoal bandas como Mermelada ou Dr. Feelgood que nos gustan a todos os que nos latexa o corazón. E por suposto o bonus de cantar en castelán! Facían moita falta.
Nos teus últimos dous discos, Fuego e Vamos a Morir, vemos unha vertente moito máis rockeira que en Salud! ou Fetén/Fatal. Son cambios pensados ou simplemente te deixas levar polo que xurda en cada momento?
Digamos que me puido o pragmatismo. Se en directo o que nos mola son as cancións graxentas e con certa velocidade, por que dar un rodeo e non escribir e gravalas así directamente? De momento funcionou pero non esquezamos que “non pensar só funciona se non é premeditado” [Cita do tema ‘Homer’ de Hendrik Röver & Los Míticos GT].
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024