REVISTA ABRIL

Andrea Martínez (Rataloka tattoo studio): ‘Non debemos ter medo á volta, senón moita precaución’

Como moitos de nós, Andrea pasaba as tardes da súa infancia debuxando. A diferencia de moitos de nós, ela non abandonou o costume de retratar o seu entorno co paso dos anos, senón que perfeccionou a súa técnica, combiou as plastidecor, polos pinceis, as tabletas gráficas e , por último, unha pistola de tatuaxe. Esta última técnica aplícaa no seu estudo Rataloka, como vos contábamos neste artigo de marzo sobre a arte de decorar a pel. Tras 60 días confinados, Rataloka abre hoxe de novo as súas portas ao público e preguntámoslle a Andrea como vive a nova etapa un negocio creativo que xoga cos corpos das persoas, nun momento no que tocarse está pouco aceptado.

Foto: Pablo Vázquez

Como vos afectou a pandemia?

Afectounos bastante, como é obvio. Ter que pechar dous meses non é doado económicamente, especialmente na primavera, unha época con moito traballo, que disminúe sempre no verán. De tódolos xeitos a reapertura está sendo moi boa. Tiñamos citas de antes que debimos adiar, pero polo xeral non se cancelaron. Eu teño xa un mes da axenda cheo, así que de momento non me podo queixar.

Como artista, invertiches este tempo en facer novas creación?

A verdade é que me veu ben. Aproveitei para pintar cadros e algunha lámina, por pracer e por encargo. Sorprendeume o ben que levei estar dous meses pechada na casa e acabei desfrutando este tempo de desconexión do traballo. Teño a sorte de que me guste moito o que fago, pero non deixa de ser traballo, cos seus momentos de estrés e rutina, polo que, a nivel persoal, fago un bo balance destas semanas de tranquilidade.

O teu negocio implica moito contacto coa xente e incluso un pequeno risco sanitario. Como afrontades a reapertura?

Temos a pequena sorte de que estamos xa afeitos a traballar con moitas medidas de protección e hixiene, polo que coido que no estrictamente profesional non imos levalo mal. Temos bastante espazo dentro, polo que a distancia de seguridade tampouco será un problema. Cita previa, desinfección constante e pantalla para todos os clientes serán as novidades da nova época. Creo que non debemos ter medo á volta, senon moita precaución e facer ben as cousas.

Que botades en falta á hora de volver ao traballo?

O máis complicado está sendo a escaseza de materiais, xa que eu doei no seu momento todo o que tiña a traballadoras dun xeriátrico. Además subiron moito os prezos, acabo de pagar 12,50 € por unha caixa de guantes que hai tres meses custaba catro.

REVISTA ABRIL

Como imaxinas o papel da cultura en Vigo neste novo escenario?

A nivel xeral non o teño nada claro. No sector da tatuaxe, percibín un pequeno cambio nas demandas dos clientes. Teño moi poucos clientes que queran tatuaxes grandes, e si moitos que virán facerse pequenas pezas. Eu ademáis non vou baixar os prezos, xa que os meus gastos seguen sendo os mesmos ou incluso, como xa dixen, maiores.

Esta entrevista forma parte da serie #HistoriasDaDesescalada, un retrato por fascículos sobre como a cidade de Vigo esperta na ‘nova normalidade’ no que aportaremos os puntos de vista dos diferentes actores culturais, desde artistas a axitadores, sen esquecer as salas e a todos aqueles que, dun xeito ou outro, fan a súa achega diaria ao ecosistema cultural vigués.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.