REVISTA OUTUBRO

Galicia, punto vegano

A nosa cidade volve converterse en capital europea do animalismo e da sostibilidade coa celebración da feira Vegana.gal. Galicia recupera este mes un evento de dominio propio, logo de que a edición do ano pasado se celebrase en Madrid. Durante as datas do sábado 26 e o domingo 27, uns oitenta expositores chegados de diversos recunchos de España amosan produtos clásicos e innovadores, ideados para afrontar o trato que lles damos aos animais en todos os aspectos da vida.

Arte, calzado, produtos de coidado persoal, cosméticos, roupa e, por suposto, moita comida. Un evento idóneo para poñer cara a inventores de diferentes produtos, coñecer creadores de contido e tratar con artistas en persoa. Todo coa compaixón e a sostibilidade por bandeira, todo baixo a perspectiva vegana, para descubrir novas alternativas adaptadas e crear lazo con persoas que comparten os nosos valores dentro deste estilo de vida.

Ademais dos postos de empresas, a feira conta cun espazo infantil con actividades e unha pequena biblioteca. Charlas, cociña en directo, mesas redondas e obradoiros fan un total de 18 actividades para todos os públicos, ás que se suman seis presentacións de libros e tres espazos con actividades artísticas. A feira está aberta das 10:00 ás 21:00 horas do sábado, e mantén o mesmo horario de apertura ata as 20:00 horas do domingo. As entradas xa están á venda na web do evento a uns prezos moi accesibles (entre  os 4,00 e os 8,00 €, gratis para os menores de 12 anos). Visita Vegana.gal.

Coa potencia natural e o nome da árbore máis representativa de Madagascar, unha parella de Pontevedra iniciou en 2019 un micromecenadopara producir o primeiro calzado de pel vegana feito en Galicia. Aquel lanzamento inicial foi un éxito que lles permitiu coñecer o seu público e poñer en marcha a produción dun modelo de zapatillas elaboradas cun innovador material a base de materia orgánica vexetal, presentadas en sete cores diferentes. A día de hoxe o seu catálogo ampliouse a tres modelos de zapatillas, un de zapatos e un de botas e, tamén a través de micromecenado, acaban de lanzar unha nova liña de calzado barefoot, aquel que respecta ao máximo a pisada natural, deixando espazo suficiente para as dedas, que decote se comprimen nos zapatos tradicionais. A sola é especialmente fina, de tan só tres milímetros, sen desnivel, e toda a estrutura é moi flexible, potenciando a sensación dun camiñar descalzo.

Aparentan de estar feitos en pel animal, pero a realidade é que son de «pel vexetal», elaborada cunha base de millo, casca de piña, mazá e uva, e que supón arredor dun oitenta por cento menos de impacto ambiental que o uso de produtos de orixe animal. O material é impermeable, transpirable, moi duradeiro, e está tratado con tinguiduras, tamén de orixe vexetal, respectuosas coa nosa pel. O impacto positivo da marca chega alén do medio ambiente, pois Beflamboyant atende tamén ao benestar humano, garantindo boas condicións laborais para as persoas que fabrican os seus zapatos en talleres de España e Portugal. Poden adquirirse na cadea de zapaterías Krack, no propio local da marca na veciña cidade de Pontevedra ou na páxina web da marca.

Rúa do Pintor Luís Seoane, 1, baixo, dereita (Pontevedra) | beflamboyant.com | @beflamboyant.brand

A cara máis visible do veganismo é a comida, e a substitución das proteínas de orixe animal polas de orixe vexetal supón unha das principais barreiras para dar o paso cara a unha alimentación libre de sufrimento animal. Coa idea de facilitar esta transición, en 2020 naceu en Toledo un produto elaborado unicamente con soia pensado para substituír a carne de polo: Sojalitas. Porque moita xente baralla deixar de consumir produtos de base animal debido a motivacións éticas, pero botando de menos as texturas, os sabores e os pratos de toda a vida. O produto estrela de Sojalitas ten forma de pequenas láminas fibrosas, véndense secas e triplican o seu tamaño unha vez hidratadas, ben en auga, ben no prebe do prato. Hai tres tamaños diferentes cos que se poden elaborar pratos moi diversos, como ensaladas, paella, recheo para empanadas, salsas á boloñesa, salteados orientais, tacos… Case calquera prato no que se queira substituír a carne. Tanto na web como nas redes da empresa ofrécense moitas ideas de receitas.

Trátase dun produto innovador, que non existía no mercado europeo ata hai pouco. Para os seus creadores, ten varias vantaxes respecto da proteína texturizada de soia ou dos chícharos que atopamos habitualmente nos supermercados. O primeiro é que non se utilizan alcois para extraer a graxa, polo que os únicos ingredientes que interveñen na produción son soia e auga. Con isto, o produto final é máis fibroso e menos esponxoso (e, xa que logo, máis similar á carne), e non se esmigalla á hora de cociñalo, mantendo en todo o momento a forma orixinal. Acábase de lanzar ao mercado unha nova liña de aperitivos cuxa base son as propias Sojalitas, que antes de secárense son sazonadas con aceite de oliva virxe extra e unha mestura de especias que lles proporciona sabores á barbacoa e de receita campesiña. Como as patacas fritas de bolsa, pero en versión saudable e proteica. Todos os produtos de Sojalitas poden adquirirse a través de Internet na web da marca, nas tendas en liña Amazon e Miravia, e en algunhas tendas especializadas. Ademais en Vigo atopámolas dentro das empanadas veganas dos hipermercados Alcampo e nas cuncas de proteína vexetal dos restaurantes hawaianos Koa Poke.

sojalitas.es | @sojalitas.es

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.