Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio
Sukha Funk, o restaurante vigués que nos cativou coa súa explosión de cores e sabores hai un ano, acaba de pechar o seu local de Tomás Alonso para dedicarse exclusivamente aos eventos e o servizo a domicilio. Hamburguesas, sushi, tequeños e gyozas nada convencionais seguen sendo o centro da súa cociña artesanal.
Un ano despois da apertura do seu restaurante, Videlva Fariñas decide apostar por un novo formato centrado no servizo a domicilio e recollida, sen comedor propio. Esta nova cociña “pantasma” está ubicada no local da Morada, un espazo que Videlva coñece ben, pois leva colaborando coa cooperativa en diversos eventos desde hai dous anos. Deixar atrás o servizo de sala permite á cociñeira optimizar o seu tempo, adaptarse ás novas tendencias de consumo e centrarse ao máximo no que de verdade desfruta do negocio, a creación de pratos ricos e divertidos.
A carta permanece prácticamente igual e tanto o sushi como as hamburguesas continúan a ser as protagonistas. En ambos casos de xeito moi pouco convencional e unha presenza colorida e impactante. Neste artigo de 2023, Fariñas comentaba orgullosa: «Non me interesa facer cociña tradicional». Por iso o seu sushi é azul e non leva peixe e as hamburguesas veñen tinguidas con estrelas e caras sorrintes. Os sabores tamén son moi orixinais. Videlva utiliza ingredientes galegos, asiáticos e caribeños (facendo gala da súa orixe venezolana) e experimenta co produto. As hamburguesas, por exemplo están feitas cunha mestura caseira de carne de tenreira, porco, chourizo, criollo e cuscús. Como entrantes destacan as gyozas vexetais e os tequeños, pauciños de queixo moi populares en Venezuela. Próximamente atoparemos na carta packs que combinen varios dos produtos da súa carta, especialmente gyozas e takoyakis (boliñas xaponesas de polbo fritidas) con sushi.
As cores vibrantes, os sabores únicos e a experiencia gastronómica divertida seguen sendo os piares fundamentais do proxecto. Ademais dunha experiencia estética, Sukha Funk ofrece cociña caseira de calidade. Os rolls están feitos no momento; o pan é caseiro e elaborado con fariña dun muíño local; e a materia prima é, na medida do posible, galega. Outra das súas máximas é que calquera poda comer no seu restaurante polo que case todos os pratos contan con variante vegana e sen glute. Nesta nova etapa a cociñeira quere apostar por reforzar a súa carta vegana, especialmente no apartado de sushi onde xa conta con moitas clientas fixas que repiten os seus pratos. Videlva viu como a clientela que non quere animais no prato aumentou nos últimos meses, especialmente tras a súa participación na ferira Vegana.gal, onde incorporou produtos como as gambas veganas á súa carta de sushi.
A partir de agora podemos pedir a Sukha Funk a través das plataformas Uber Eats, Just Eat, ou encargar a través de Instagram e WhatsApp para recoller a comida no local da Morada. O horario é de 17:30 a 22:30 de mércores a venres e de 14:00 a 22:30 os sábados e domingos.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Alium, con gusto e sen glute - 7 Decembro, 2024
- 70 anos de sabor: Pereira publica un receitario creado por Rafa Centeno e Inés Abril - 4 Decembro, 2024
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024