F**k this Studio, o novo fogar da arte alternativa
A finais do pasado mes de xuño naceu F**k this Studio, un pequeno lugar para crear, expoñer e promocionar diferentes propostas artísticas experimentais ou alternativas. Ou como elas mesmas o definen, un “espazo creativo aberto a ideas tolas e movidas varias”.

F**k this Studio nace da man de Marta Valverde e Paula Rodríguez, aínda que pouco despois uniuse ás súas filas a ilustradora Andrea Costa. A pesar de que Marta traballa a cabalo entre Bilbao e Madrid no audiovisual e Paula dá clases de arte na China, a imposibilidade de volver aos seus lugares de traballo foi a que desembocou nesta iniciativa conxunta. Este pequeno espazo situado ao fondo das Galerías Plata (Urzáiz 83), preto da praza de Fernando el Católico, funciona pola semana como o seu estudio persoal onde realizar os seus propios proxectos, mais tamén colaborando e intercambiando opinións entre elas.
Mais durante as fins de semana a cousa cambia. As portas abren de par en par para dar cabida especialmente a artistas emerxentes, sexa cal sexa a súa disciplina. A frecuencia destes eventos será cada dúas semanas, pero non descartan variala no futuro. Aínda que polo de agora só levan realizada unha exposición, a do fotógrafo analóxico hyper.view, xa teñen programados diferentes actos ata finais de setembro. O máis próximo será esta finde con yatir meets von, unha exposición do traballo artístico de Yatir Fernández ambientado coa música de VON, que presentará o seu novo disco Neverland.
Haberá diferentes quendas de capacidade máxima reducida para visitar o estudio: o sábado 25 ás 12:00 e 13:00 (horario vermú) e de tarde ás 18:30 e 19:30 (horario merenda); o domingo só habería a dobre quenda de tarde, xa que na anterior exposición constataron que “a xente os domingos pola mañá prefire durmir”. Para anotarse a estas visitas cómpre enviar unha mensaxe privada ao seu instagram (@fuck_this_studio) e indicar o horario escollido.
Polo de agora móstranse sorprendidas coa recepción que está a ter a iniciativa: “na primeira expo pensamos que estariamos as tres aquí soas ou que só virían os nosos amigos, pero enchéronse todas as quendas e mesmo quedou xente fóra”, comenta Marta. A labor destas tres rapazas non reside unicamente en prestar o espazo aos artistas, senón que exercen a función de comisariado, escollendo e distribuíndo as pezas para adaptarse a obra en cuestión. Na última mostra, por exemplo, as fotografías estaban colocadas dunha maneira pretendidamente caótica, tecendo unha relación co estilo e temática das imaxes.
Inciden tamén na súa predisposición a colaborar con calquera proxecto ou iniciativa cultural que consideren interesante e, por suposto, realizable a nivel loxístico e económico. Xa que o futuro de Marta e Paula semella estar lonxe de Vigo, a súa intención é que máis persoas se sumen ao estudio, a modo de co-working, e que as actividades non cesen aínda que elas non poidan estar presencialmente.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Editorial Galaxia: 75 anos creando porvir para a literatura e a cultura galega - 13 Maio, 2025
- Sementar e recoller tradición - 1 Maio, 2025
- Fernando Castro Paredes gaña o Premio Galaxia de Novela 75 Anos coa súa obra ‘O lanzador de coitelos’ - 23 Abril, 2025
- Galerías Fetén, moda singular no corazón da cidade - 9 Abril, 2025
- Veciñanzas: As Travesas - 25 Marzo, 2025