Vigo, fogar de panxoliñas

Admitámolo. A ninguén lle gustan as panxoliñas. Esas melodías de sobra coñecidas por todos e todas, cantadas por voces excesivamente agudas e que, por se fose pouco, temos que escoitar obrigatoriamente pola rúa durante o Nadal. Por sorte, algúns artistas locais, invadidos polo espírito natalicio, dan renda solta á súa creatividade co fin de aliviar os nousos ouvidos nestas datas tan sinaladas.

Broken Peach no escenario onde gravaron o directo de Nadal

SINIESTRO TOTAL – “A FUN FUN A FAN FAN”

MILLO VERDE

O grupo máis famoso da cidade compuxo esta particular panxoliña para o seu primeiro disco, ¿Cuándo se come aquí?. O motivo foi que a súa discográfica daquelas, Dro, realizaba un disco deste tipo de cancións a finais de ano, e aproveitaron os tres días que pasaron nos Estudios Colores de Madrid gravando o LP para rexistrar este tema.

THE SOUL JACKET – “JINGLE BELLS”

A banda viguesa, con Toño López á voz, foi a encargada de versionar, co seu recoñecible estilo, esta clásica panxoliña no anuncio de Nadal de Estrella Galicia no 2017.

ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS – “NO PENDELLO”

E falando de anuncios, a marca galega Deleite escolleu a Eladio e os seus para realizar esta versión da nosa panxoliña No pendello, filmada na Casa de Arriba.

TONY LOMBA & ELIO DOS SANTOS – “VIVO LA NAVIDAD”

Seguindo con Eladio, cada Nadal nos trae unha nova canción xunto co seu fiel camarada Tony Lomba. A do ano pasado é especialmente propicia para estas datas.

OSCAR AVENDAÑO E LOS WAVY GRAVIES – “XA CHEGOU O NADAL”

No 2017 o selo Xonix Records lanza Nada (L). 13 Panxoliñas Orixinais de 13 Bandas Galegas Actuais, co fin de actualizar o cancioneiro natalicio. Neste proxecto participou o músico local Oscar Avendaño acompañado de Los Wavy Gravies, cos que na actualidade forma a banda Bo Derek’s, cunha panxoliña do máis rockeira.

INDY TUMBITA & THE VOODOO BANDITS – NAVIDAD ON FIRE

Tanto no 2019 como no 2020, esta banda de surf rock maiormente instrumental lanzou senllos EP con panxoliñas titulados Navidad On Fire. O primeiro contén versións de “Last Christmas”, “Fum Fum Fum” e “Blanca Navidad”, mentres que o segundo volume contén “Ya vienen los RRMM”, “Jingle Bells” e “Campana sobre campana”.

DENIS CARBALLÁS – “SALVAR LA NAVIDAD”

O cantautor vigués, membro de The Riggos, tamén é un habitual neste tipo de composicións. No 2018 lanzou as cancións “Fotosensible” e “Ya llegó la Navidad”; no 2019 “Escaparme en Navidad” e “Yo era Papá Noel”; e este ano compuxo “Salvar la Navidad”, un tema de candente actualidade.

BROKEN PEACH – CHRISTMAS SPECIAL

É habitual que o grupo vigués publique unha panxoliña por estas datas, mais a novidade neste 2025 foi que o tema é de composición propia.

CORO MERAKI – “THAT’S CHRISTMAS TO ME

Meraki é un coro de xóvenes músicos da zona de Vigo e arredores, formado en decembro de 2019 e dirixido por Juanjo Rodal. A pesar de non poder debutar aínda en concerto debido á pandemia, non queren perder a oportunidade de compartir a súa música cos demais.

OESTE – ME DA IGUAL, ES NAVIDAD

Os músicos vigueses Luis Basilio (Los Nastys) e Antía Van Weill (Bifannah) publicaron hai uns anos esta relaxada panxoliña.

Dous dos artistas máis salientables do panorama galego, Iván Ferreiro e Guadi Galego, publicaron a finais de 2024 esta versión de ‘Fairytale of New York’ de The Pogues con numerosas colaboracións.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.