REVISTA MARZO

APAMP inaugura un novo espacio de arte coa exposición VINOBIC

A APAMP, Asociación de Familias e persoas con Parálisis Cerebral, presentou o 17 de marzo, no centro de atención integral en Navia, un novo espazo expositivo de arte en Vigo. A primeira exposición mostra 33 retratos dos protagonistas da serie Fariña, feitos con viño e bolígrafo Bic.

Obras de Abel Barandela e Chus Guedella

O proxecto Navia, espazo de arte nace para poñer en valor e dinamizar a vida cultural e social do barrio, convertendo o espazo común, de aproximandamente 300 metros cadrados, do Centro de día nun lugar no que dar difusión e visibilidade á gran obra artística existente na nosa comunidade, espazo que será xestionado e dinamizado polos integrantes do taller artístico da entidade. A asociación defende que “vivimos un tempo de amplos horizontes para a creación, para a expresión artística. E esa creatividade necesita un espazo, un lugar no que as e os artistas vexan recoñecido o seu traballo e onde o poidan compartir co mundo”.

A iniciativa tamén vai dirixida a que a cidadanía tanto próxima como afastada entre nos centros APAMP, os coñeza e se senta cómoda compartindo o intercambio cultural e artístico. Unha maneira de ademáis saldar unha conta pendente, xa que en Navia non existía un espazo dedicado á arte. En todas as exposicións que acolla a entidade, sempre destacarán valores como: a creatividade, o afecto, a conectividade, a liberdade, a superación e a dignidade.

Primeira exposición

Abel Barandela e Chus Guedella son os artistas que inauguran este espazo expositivo desde o 17 de marzo ata o 28 de abril, coa exposición VINOBIC, composta por 33 retratos dos personaxes da popular serie Fariña. A serie, baseada no libro do mesmo nome do escritor coruñés Nacho Carretero, trata sobre o narcotráfico en Galicia nos anos 80. O título da exposición fai alusión aos materiais utilizados por ambos artistas, o viño e o bolígrafo Bic, na realización dos retratos.

Banner A Movidiña

Abel Barandela, nacido en Ourense e afincado no Salnés, é coñecido como “o pintor do viño”. Empezou a utilizar esta bebida como pigmento para as súas obras case por casualidade e aos poucos foi perfeccionando a técnica. Consiste na redución do viño tinto mesturado con acrílicos ou acuarelas, unha vez que se desenvolve a oxidación do viño, como material orgánico que é, fíxase con goma laca e látex concentrado.​ Abel necesita entre 25 e 30 horas para realizar un retrato debido a que a técnica co viño tinto é algo complexa e necesita máis tempo de secado. Podemos atopar a obra de Abel Barandela realizada sobre madeira, paspartú, papel ou lenzo, calquera soporte é válido para a utilización desta técnica.

Chus Guedella, asómbranos co seu hiperrealismo utilizando o bolígrafo Bic, de toda a vida, na súa obra. Nos seus retratos podemos ver como o trazo da liña achéganos á parte máis íntima do personaxe, descubrimos, a través da mirada, o interior da persoa pero… de quen se trata, a quen nos mostra Chus Guedella, á persoa ou ao personaxe que representa? Cando Chus Guedella comezou este proxecto leváballe uns tres meses realizar un retrato pero, con esforzo, foi reducindo ese tempo ata chegar a realizar a obra en tres días.

​A exposición VINOBIC nace da xenerosidade destes dous artistas que doaron a súa obra a APAMP. Hai copias das obras de arte expostas á venda na propia galería. Tamén existe a posibilidade de reservar cita para realizar unha visita guiada en grupos de 5 a 10 persoas, de luns a venres de 10:30 a 13:30. Se o preferimos, podemos visitar a exposición de forma libre tanto en horario de mañá como de tarde.