CAMELIAS MASCOTAS

Este Nadal apoiamos o comercio local

Nestas datas queremos reivindicar o compromiso co comercio local. Gústannos a vida e o colorido con que os pequenos comercios enchen os barrios. Agradecemos recibir un trato personalizado do panadeiro en forma dun saúdo polo nome e un pan de verdade, cocido no punto que nos gusta. Confiamos cos ollos cerrados nos consellos da
pescantina para servir a mesa cunha boa caldeirada de peixe. E iluminamos o rostro cun sorriso cando nos sacan do almacén esa camiseta da que namoramos. E por riba de todo, defendemos o comercio de proximidade por ser o modelo máis sostible, facendo unha aposta firme polos produtores do país e pola alta calidade.
Con todo, somos conscientes de que os tempos cambian e, con eles, os nosos hábitos de consumo. A supervivencia do pequeno comercio pasa pola capacidade de adaptación. No canto de loitar contra os novos modelos de negocio que viñeron para quedar, que tal se tomamos as súas virtudes para incorporalas ao noso? Con ese espírito, A Movida bota a andar a plataforma Eu regalo local.

E ti, que vas regalar este Nadal?

SEIS REGALOS DA TERRA

Asumir que o deste ano non é o noso Nadal de sempre non é doado. O repenicar das malas noticias parece superar ao das panxoliñas. Con todo, queremos seguir presentes na vida dos nosos, facelos percibir que nos importan, engalanalos co noso recordo. A pesar da distancia social, queremos que nos sintan preto. Cómpre prestar atención aos detalles. Que mellor mostra que un regalo de proximidade? A personalidade do comercio local arrequece os regalos dunha calor e unha orixinalidade que a frialdade das grandes superficies globais non é quen de ofrecer. Ademais, apostar pola economía do noso sempre ten retorno. Para nos facilitar a cousa, deseguido presentamos seis propostas con selo galego para estar tan presentes como nunca.