REVISTA ABRIL

Cinco ideas de regalo local para este Nadal

No pequeno comercio vigués atopamos propostas orixinais de papelería, roupa e complementos, gastronomía, material deportivo e xoiería coas que desbotar de vez as compras superfluas en grandes comercios, con opcións máis impersoais e menos orixinais. Aquí as ideas de cinco comercios de Vigo para os regalos deste Nadal.

ALFAR VIGO

Alfar Vigo | rúa de Hernán Cortés, 4 | 604 06 28 33 | alfarvigo.shop | @alfarvigo

Unha xoia ou unha peza de cerámica son agasallo perenne cos que sempre se acerta. Este Nadal apostamos por Alfar Vigo e o seu amplo catálogo de xoiería, adornos e complementos para todos os gustos. Montse creou esta tenda a finais do século pasado coa idea de axuntar olería de diferentes pobos. Co paso dos anos, a idea inicial foi mudando ata centrarse na xoiería de autor, sen deixar de lado a cerámica contemporánea. Alfar prima o deseño e a orixinalidade das pezas grazas a artistas de Alemaña, Francia, Grecia, México, Polonia, Portugal e por suposto o talento local.

A colección Leaves, inspirada nas follas das árbores, é obra da deseñadora e ourive polaca Anna Król. Esta artista caracterízase por facer deseños vangardistas; desta colección realizada en prata con toques de ouro, é difícil resistir á elegancia da Gargantilla Leaves (379,00 €).

Os coloridos chaveiros con iniciais (14,00 €) elaborados pola artista barcelonesa Mireia Segura son a escolla perfecta para non perder de vista as chaves do noso prezado fogar. Estes chaveiros están realizados en metacrilato e teñen unhas cores vibrantes que namoran a todo o mundo.

En Alfar gústalles traballar con factorías de proximidade como Joyas de Papel, de Diego Ante, con pezas tan prezadas como o broche Elefante (29,00 €), realizado por este artista en Nigrán. Este broche elaborado seguindo a técnica xaponesa do origami é unha pequena xoia de papel que se ofrece en distintas combinacións de cores. Un amuleto para levar prendida a boa sorte.

LE MARCHÉ DE RACHEL

Le Marché de Rachel | rúa do Carral, 15 | 986 43 86 71 | lemarchederachel.com | @lemarchederachel

Coa idea de que a vida é curta de máis como para levar roupa aburrida, na encantadora tenda de roupa e complementos de muller Le Marché de Rachel, rexentada por Mariló, atopamos pezas coloridas coas que dar unha nova vida ao armario e estrear combinacións canda o ano.

A marca Manitas de Plata está formada por deseñadoras de xoias e complementos baseados en ilustracións. A bolsa de algodón orgánico Amigas é un complemento imprescindible hoxe en día, dentro podemos gardar de todo grazas a súa gran capacidade. Que mellor que saír á rúa levando a amizade por bandeira? (42 cm x 40 cm | 21,00 €).

A cunca Amigas está decorada na súa totalidade co mesmo motivo da bolsa de tea, é divertida e fará dos almorzos un momento de ledicia para comezar o día de bo humor (9 cm de alto x 11 cm de diámetro | 29,00 €).

Para poñer o ramo, aconsellamos o broche Noria Gatuna (45,00 €), unha orixinal peza de 7,5 x 6 cm broche deseñada por Laliblue e realizada en madeira ilustrada con acabado brillante e metacrilato con detalles pintados á man. É idóneo para adornar un abrigo ou mesmo para facelo lucir nunha bolsa de tea. Os gatos do deseño balancéanse co movemento, coma se fosen na nora do Nadal de Vigo.

PEREIRA

Pereira | avenida da Beiramar, 59 e rúa da Ronda Don Bosco, 41 | 986 20 00 33 | tienda.pereira.es | @pereiratiendas

Calquera que durante o mes de decembro pase polas tendas do Grupo Pereira acaba preguntando o mesmo: «Por que sempre hai tanta xente?» A resposta é ben sinxela: porque o produto é moi bo. Tras falar con moitos dos seus clientes, en Pereira elaboraron unha listaxe de motivos polos que comprar nas súas tendas.

  1. De confianza, por calidade.
  2. Do barco á túa casa.
  3. Produtos saudables de alta calidade.
  4. Asesoramento personalizado.
  5. Pola súa situación céntrica.
  6. Gran variedade de produtos.
  7. Fábricas de elaboración propia.
  8. Amplo horario, adaptámonos a ti.
  9. Prezos competitivos.
  10. Esmerada presentación de produto.

Son motivos máis que suficientes para investir en marisco galego, non si? Confiar en Pereira é apostar polo seguro. Esta empresa leva flotando desde hai máis de 65 anos, e fai posible que o peixe e o marisco conxelado cheguen ás casa nunhas condicións de calidade e sabor ótimas. Pereira volve á casa por Nadal para homenaxear A cociña galega de Álvaro Cunqueiro, onde non falta un prato de vieiras. Para contar cunha garantía de calidade en produtos do mar, aconsellamos acudir a Pereira.

Durante todo o período festivo pódense mercar unhas exquisitas vieiras (4,95 €/kg) nas tendas físicas e na web. E para unha aposta de luxo, están as vieiras premium (7,95 €/kg). A cociñar!

Pata de polbo refrixerado 25,95 €/kilo (véndese nun estuche dunha pata entre 300/500 gramos)

Langostino Nº2 y Nº3 7,95 €/Kilo (véndese en estuches de 2 kilos)

TERRA DEPORTE

Terra Deporte | terradeporte.es | rúa de Pi i Margall, 53 | 986 43 94 31 | @terradeporte

A chegada do frío fai que botarse ao monte precise dunha boa equipación. Por sorte, Terra Deporte Aventura prepararanos para a dificultade do desafío, pois na súa tenda atoparemos todo o necesario para saír a facer senderismo, escalada ou a dar un bó paseo. Ademais, neste tipo de prácticas na natureza, a calidade na escolla dos produtos é fundamental, pois é a propia saúde o que está en xogo. Un calzado inapropiado, un mal abrigo ou accesorios de escalada inadecuados poden converter unha fin de semana no monte ou na neve nun pesadelo, polo que a opinión previa dun experto é de máxima relevancia. Máis aló da ampla variedade de produtos en materia de deporte de montaña, o máis apreciado pola clientela ao longo destes trinta e catro anos é o asesoramento de Luis Arocas, que rexenta Terra canda Erea, súa filla e Juanma. En 1989 abre as súas portas na actual localización, pero coa metade de espazo. E hoxe en día é un punto clave para
calquera amante da aventura na nosa cidade.

REVISTA ABRIL


Para protexer os pés nas andainas deste Nadal, unha boa opción son as botas TX4 MID GTX de La Sportiva. Unhas zapatillas realizadas en pel da colección de aproximación Traverse X con membrana impermeable e transpirable GORE-TEX, deseñadas para a aproximación en roteiros técnicos, vías ferratas e hiking, cun peso lixeiro, confortable e cun look derivado dos pés de gato. Serán a elección ideal para os amantes da montaña.

Todo bo montañeiro sabe que a chuvia non é escusa para quedar na casa, pero hai que protexerse. O impermeable Arc Eco Jacket de Rab é unha chaqueta de tres capas moi duradeira, versátil e elaborada con materiais reciclados. Ideal para actividades ao aire libre de pouco impacto.

Cando baixan as temperaturas é importante protexer a cabeza para que non se nos conxelen as ideas. En Terra atopamos o Gorro Knitted & Fleece Beanie de Buff. Un gorro groso con volta, forro polar moi cálido e de aire invernal, que ademais foi fabricado de maneira sostible en talleres de Barcelona.

PANDA BOHÈME

Panda Bohème | rúa de María Berdiales, 15 | 604 01 74 16 | pandaboheme.com | @pandaboheme

Ana e Álvaro consideran que a denominación «papelería gourmet» coa que definen o negocio é moi acaida, xa que nos andeis de Panda Bohème non atopamos paquetes de folios barateiros ou bolígrafos xenéricos, senón o mellor papel para escribir con pluma ou os bolígrafos máis cómodos para as xornadas maratonianas de preparar unha oposición. Aquí selecciónanse produtos exclusivos, de alta calidade, que non son fáciles de atopar noutros sitios, sendo nalgúns casos o único punto en España onde se poden atopar certas referencias. Esta papelería céntrase en produtos de papel e escritura, e as marcas coas que traballan proceden de puntos xeográficos tan dispares como Corea, os Estados Unidos, Taiwan ou o Xapón.

Para regalar materiais de escritura que estean á altura dos grandes creadores recomendamos pasar por Panda Bohème, que nunca decepciona. As taiwanesas plumas estilográficas Twsbi (desde 28,90 €) destacan por basearse nun deseño transparente que deixa ver o mecanismo interior da carga. A maioría non levan cartucho, senón que se cargan directamente desde o tinteiro, o que permite que teñan moita máis capacidade. Trátase dun elemento de gozo para os tolos que aínda escribimos con pluma. Para quen se asuste porque o mecanismo poida ser difícil de manexar —que non o é—, o negocio dispón de titoriais en YouTube, e proximamente organizaranse encontros entre usuarios de estilográficas para resolver dúbidas.

Na papelería de María Berdiales este ano hai máis axendas que nunca, como as coreanas axendas Iconic (desde 8,90 €). Para organizar o 2024 desde o primeiro, estas axendas contan con gran variedade de deseños e formatos para poñer sobre o papel ideas, plans e propósitos. Talvez nos dea por pensar que non hai maneira de organizarse, pero isto é só porque descoñecemos todas as posibilidades que existen. Iconic ten axendas enfocadas a diferentes gustos (para ambientes profesionais ou informais, axendas ilustradas, para afeccionados ao journaling…). Os interiores son maioritariamente semanais, pero cada serie ten as súas particularidades. Como punto forte a ter en conta, todas as encadernacións, tanto as de cuberta flexible como as de tapa dura, permiten unha comodísima apertura de 180 graos sen incómodas argolas.

E non nos esquezamos da posibilidade de levar todos estes produtos a nonde queiramos. Para iso contamos coas mochilas Doughnut (desde 74,95 €). Esta marca de Hong Kong fabrica unhas mochilas que son un modelo de conxunción entre conxugan calidade e deseño, con combinacións de cores moi atractivas e materiais ultrarresistentes, moitos deles reciclados. Ademais, varios dos modelos son veganos. E un dato importante para esta terra nosa: son impermeables! A serie Macaroon está dispoñible en tres tamaños, con mochilas perfectas para a vida na cidade!

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.