REVISTA ABRIL

Renovarse ou morrer

REVISTA ABRIL

A pandemia puxo en evidencia algo que xa sabiamos: o comercio online veu para quedar. As plataformas de venda a domicilio aumentaron as vendas de forma exponencial durante os meses de confinamento, e, ao tempo, feixes de plataformas xurdiron ao ver un filón en tempos nos que facer diñeiro cada vez é máis difícil. Facer a compra a golpe de clicou atopar case calquera cousa que precisemos sen saírmos da casa é cómodo e aforra tempo. Mesmo os máis reticentes ás novas tecnoloxías acaban por repetir cando xa picaron no comercio electrónico. Pero a quen beneficia ese aforro? Estaremos acabando co comercio de toda a vida?

Ante estes ventos de mudanza, están a xurdir plataformas que queren contribuír a que o pequeno comercio se modernice asumindo as novas tecnoloxías. Unha destas iniciativas  pioneiras é DBarrio, nada en Vigo hai un lustro. O seu creador, Pablo Sánchez, canso de ver como medraba na súa zona o número de baixos comerciais baleiros e vendo que un dos principais problemas do pequeno comercio era a falta de dixitalización, puxo en marcha unha web que servise como escaparate para o produto local. A base de ensaio e erro, no ano 2019 viu a luz dbarrio.com, pero foi na primavera deste ano cando despegou. Neste caso, o confinamento foi o pulo definitivo. «Ao termos que quedar na casa, moitos comercios pequenos viron en DBarrio unha opción para sobrevivir. De feito, hai tendeiros que nos recoñeceron que non seguirían abertos de non ser por nós», explica Pablo. DBarrio pasou en poucos meses de 150 a 800 comercios inscritos, e de Vigo deu o salto a outros concellos de Galicia e doutros puntos do Estado: Cantabria, Talavera de la Reina, País Vasco… e moi pronto aterrará en Madrid. En sintonía cos valores que promove a plataforma, é xente local a que se encarga de xestionar a operatividade de DBarrio en cadanseu lugar. «Nós facilitámoslle a tecnoloxía e todo o coñecemento que nos foi dando a experiencia e que sabemos pode axudar», engade o director da plataforma viguesa. Sánchez desmárcase das grandes plataformas cun par de argumentos máis: «As comisións que lles cobramos aos comercios son do 5%, moi por debaixo das que esixen as multinacionais e só traballamos con repartidores que son autónomos de verdade: eles marcan o prezo e o horario do seu traballo».

A Movida tamén se suma ao berro de axuda polo comercio de proximidade. Para iso creamos a plataforma Eu regalo local (euregalolocal.amovida.gal), onde se reúnen moreas de propostas para o consumo local durante estas datas, contribuíndo a avivar o pequeno comercio. A través das pantallas podemos dar un paseo virtual polos escaparates vigueses. Do outro lado sempre haberá alguén cun sorriso de verdade. Unha acción coa que imos da man doutras empresas que queren amosar o seu compromiso coa cidade: Cervexas Nós, Garpe e Sémola. Este Nadal, comercio local.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.