Aprendendo a dar a nota
CENTRO DE ENSEÑANZA MUSICAL ALLEGRO
Situado na céntrica rúa do Ecuador, Allegro leva desde 1992 formando ducias de músicos. En 2017, da man de Pili Román, Adrián Rivas e Cibrán Rey, a escola cambia de dirección para centrarse máis na música moderna e nas experiencias grupais en directo. Segundo este último, «intentamos adaptar as clases en virtude de cada alumno». Entre o profesorado atopamos membros de bandas tan variadas e destacadas como Broken Peach, Cró!, Moon Cresta ou The Soul Jacket. «Ás veces invitamos os alumnos aos concertos, para que vexan como se fai a montaxe, a proba de son…», comenta Cibrán. Ademais das clases individuais de baixo, batería, guitarra, piano ou canto, Allegro ofrece o modelo combo, onde se potencia o ensaio e a composición en conxunto. O martes 14, alumnos e profesores programan no Teatro Salesianos un concerto de fin de curso coa banda convidada The Mirror.
Rúa do Ecuador, 17 | enseñanzamusicalallegro.com | allegro.musica.vigo@gmail.com | 986 22 86 65 / 603 44 60 26 | @allegro.musica
INSTITUTO GALEGO DE MÚSICA AVANZADA
O Instituto Galego de Música Avanzada (IGMA) é a primeira academia do país especializada na formación profesional de produción musical e disc jockey, dúas disciplinas que cada vez son máis relevantes e recoñecidas no eido musical actual. A partir de outubro, o centro oferta formación superior, cursos presenciais e telemáticos en diversos campos: DJ profesional, iniciación ao DJ, produción musical e produción de música urbana son os que agora mesmo aínda teñen prazas dispoñibles. A escola está situada ao abeiro do espazo amplo e moderno dos Estudios Metrópolis. A través da metodoloxía personalizada desta escola podemos coñecer todas as claves para crear e producir diferentes estilos de música, desde o rock ao trap ou á música electrónica, ademais da maxia de mesturar música en directo diante dun público con ganas de festa.
Rúa de Llorente, 29 | igma.es | 661 38 21 29 | @igma_vigo
CONSERVATORIO MAYEUSIS
Con 35 anos de historia, Mayeusis é o único conservatorio de España no que se pode entrar desde o berce para cursar todos os estudos ata o grao superior. Dentro deste último, existen especialidades como jazz ou interpretación de piano clásico-contemporáneo, entre outras. Desde hai un tempo, a escola colabora co recoñecido pedagogo Joan Chamorro, director da Sant Andreu Jazz Band, e peza fundamental na posta en marcha da Imagine Jazz Orchestra, unha big band xuvenil que vén pisando forte. A oferta de servizos é moi ampla: conservatorio infantil, elemental, profesional, superior, escola libre e agrupacións musicais. Isto sen contar a área de danza, onde rapaces a partir dos 4 anos aprenden baile moderno, ballet ou claqué, ao tempo que desenvolven a motricidade e o sentido rítmico. A filosofía do centro é «adaptarse e acompañar ao alumnado ao longo da formación».
Rúa do Areal, 118 | mayeusis.com | 986 22 63 78 | info@mayeusis.com | @mayeusis_
Pablo Vázquez
Redactor
Esta reportaxe atópase no número de xuño de 2022 da nosa revista en papel. Podes consultala aquí.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024