VIALIA
bannerPicnicSesions

Aprendendo a dar a nota

CENTRO DE ENSEÑANZA MUSICAL ALLEGRO

Situado na céntrica rúa do Ecuador, Allegro leva desde 1992 formando ducias de músicos. En 2017, da man de Pili Román, Adrián Rivas e Cibrán Rey, a escola cambia de dirección para centrarse máis na música moderna e nas experiencias grupais en directo. Segundo este último, «intentamos adaptar as clases en virtude de cada alumno». Entre o profesorado atopamos membros de bandas tan variadas e destacadas como Broken Peach, Cró!, Moon Cresta ou The Soul Jacket. «Ás veces invitamos os alumnos aos concertos, para que vexan como se fai a montaxe, a proba de son…», comenta Cibrán. Ademais das clases individuais de baixo, batería, guitarra, piano ou canto, Allegro ofrece o modelo combo, onde se potencia o ensaio e a composición en conxunto. O martes 14, alumnos e profesores programan no Teatro Salesianos un concerto de fin de curso coa banda convidada The Mirror.

Rúa do Ecuador, 17 | enseñanzamusicalallegro.com | allegro.musica.vigo@gmail.com |  986 22 86 65 / 603 44 60 26 | @allegro.musica


INSTITUTO GALEGO DE MÚSICA AVANZADA

O Instituto Galego de Música Avanzada (IGMA) é a primeira academia do país especializada na formación profesional de produción musical e disc jockey, dúas disciplinas que cada vez son máis relevantes e recoñecidas no eido musical actual. A partir de outubro, o centro oferta formación superior, cursos presenciais e telemáticos en diversos campos: DJ profesional, iniciación ao DJ, produción musical e produción de música urbana son os que agora mesmo aínda teñen prazas dispoñibles. A escola está situada ao abeiro do espazo amplo e moderno dos Estudios Metrópolis. A través da metodoloxía personalizada desta escola podemos coñecer todas as claves para crear e producir diferentes estilos de música, desde o rock ao trap ou á música electrónica, ademais da maxia de mesturar música en directo diante dun público con ganas de festa.

Rúa de Llorente, 29 | igma.es | 661 38 21 29 | @igma_vigo


CONSERVATORIO MAYEUSIS

Con 35 anos de historia, Mayeusis é o único conservatorio de España no que se pode entrar desde o berce para cursar todos os estudos ata o grao superior. Dentro deste último, existen especialidades como jazz ou interpretación de piano clásico-contemporáneo, entre outras. Desde  hai un tempo, a escola colabora co recoñecido pedagogo Joan Chamorro, director da Sant Andreu Jazz Band, e peza fundamental na posta en marcha da Imagine Jazz Orchestra, unha big band xuvenil que vén pisando forte. A oferta de servizos é moi ampla: conservatorio infantil, elemental, profesional, superior, escola libre e agrupacións musicais. Isto sen contar a área de danza, onde rapaces a partir dos 4 anos aprenden baile moderno, ballet ou claqué, ao tempo que desenvolven a motricidade e o sentido rítmico. A filosofía do centro é «adaptarse e acompañar ao alumnado ao longo da formación».

REVISTA ABRIL

Rúa do Areal, 118 | mayeusis.com | 986 22 63 78 | info@mayeusis.com | @mayeusis_

Pablo Vázquez
Redactor

Esta reportaxe atópase no número de xuño de 2022 da nosa revista en papel. Podes consultala aquí.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.