REVISTA ABRIL

Escolas de portas abertas: Foresta

Durante os primeiros anos de vida resulta fundamental o xogo libre e espontáneo, ese que non é estruturado nin dirixido. Isto é o que defenden en Foresta, un espazo de convivencia con moitísimas posibilidades, onde a cativada se desenvolven formando unha tribo con outros semellantes. Nace co obxectivo de ofrecer unha extensión do fogar para unha crianza ceibe, con capacidade, consciencia e, sobre todo, felicidade. Neste lugar, a rapazada aprende xogando, experimentando co espazo natural, creando un ambiente de colaboración e compañeirismo.

Situada en Vincios (Gondomar), a escola conta con máis de 5000 m2 de exterior e 150 m2 de interior. Cativos de 3 a 6 anos comparten espazos sen seren divididos por idades. Teñen a liberdade de escoller con que materiais traballar cada día e que actividades desenvolver, dentro ou fóra. Nesta escola non hai premios nin castigos, foméntase a educación en valores. O proxecto pedagóxico do centro adopta certos aspectos de metodoloxías como Montessori, Waldorf, Pickler ou mesmo Reggio Emilia e baséase en tres puntos fundamentais: natureza, liberdade e acompañamento respectuoso.

REVISTA ABRIL

O horario é de luns a venres, das 9:00 ás 15:30 horas. Un horario flexible, ao igual que a adaptación, que a entenden como un período de acollida no que construír unha relación de confianza lonxe da obriga e do sentimento de abandono. Todo empeza na casa e depende das necesidades de cada pequeno. Para coñecer esta escola onde se espremen ao máximo os cinco sentidos nunha contorna natural, podemos asistir á xornada de portas abertas o sábado 19, ás 10:30 horas. Cómpre inscrición previa, a través do enderezo electrónico espacioforesta@gmail.com.

Portas abertas: sábado 19 ás 10:30 horas inscrición en espacioforesta@gmail.com.

Salgueiro, 36 Vincios
@espacioforesta
www.espacioforesta.com

The following two tabs change content below.
Educadora Infantil e Educadora Certificada en Disciplina Positiva pola Asociación Española e Americana. É ademais nai de dous pequenos que, segundo di, son os que a fan medrar e aprender cada día. Encántalle a natureza e viaxar aínda que a súa maior paixón son os nenos e a infancia como demostra no seu blog Little Scaler, onde aposta pola crianza respectuosa e amosa que criar sen berros e sen castigos e posible.