CAMELIAS MASCOTAS

Dii Feeling: “A danza implica coñecerse a un mesmo, coñecer xente nova e outras culturas”

A danza é unha sucesión de movementos que expresan o que a persoa sente e así nolo mostra Diana Ballesteros, máis coñecida como Dii Feeling. Unha mestura de coraxe, sensualidade e carisma fan de Dii unha bailarina singular e moi recoñecida no mundo da danza urbana. Bailou con artistas como Nathy Peluso ou Agoney, ensinou en Fama ¡A Bailar! pero tamén algunhas escolas viguesas como DAE ou Media Punta, na actualidade encárgase da formación viguesa que viu crecer Galirockers. Todo isto é froito de máis de 10 anos de formación e esforzo constante por aprender e perfeccionar o seu propio estilo. Esta fin de semana estará no VII Vikul.

Para quen non te coñeza, quen é Dii Feeling?

Chámome Diana Ballesteros, son unha bailarina viguesa, de estilo urbano e gústame moitísimo viaxar xa que iso permíteme crecer e coñecer outras culturas.

Que é para ti a danza?

Para min a danza implica coñecerse a un mesmo, coñecer xente nova e por tanto, outras culturas. Para min a danza é unha forma de vida que me axuda a avanzar á hora de vivila.

Como crees que se está xestionando ou se está interpretando a danza en España? Crees que se podería cambiar ou mellorar algo?

Depende do ámbito ao que nos esteamos referindo. No meu caso, a danza urbana, en España témolo moi complicado xa que non é un ambiente tan común. De feito por exemplo en cidades como Vigo, ao máximo que aspiras é a ser profesora e ás veces tes que marchar a grandes cidades para atopar maior oferta de traballo. Por sorte agora púxose máis de moda que os cantantes vaian acompañados de bailaríns, só hai que ver a Lola Índigo e iso permite dar máis a coñecer o que facemos.

Viaxaches e coñeciches moitas cidades onde a perspectiva da danza é moi distinta, que país sería un bo modelo a seguir para España e que así cambie un pouco a percepción da danza urbana?

Por unha banda creo que España podería aprender moito de Estados Unidos xa que alí o concepto de danza urbana está moito mellor visto. Sen ir máis lonxe, alí un videoclip adquire ás veces máis fama pola coreografía que ten que pola canción en si. Pero, quedándonos en Europa, países como Francia e Alemaña serían unha boa influencia para cambiar un pouco esa concepción cultural. Falta moito por evolucionar, culturalmente falando, é unha pena que tendo a grandes artistas aquí, a maioría teñan que marchar porque aquí non hai suficiente interese nin traballo.

Como profesora de baile que é o que máis te interesa ensinarlle aos teus alumnos ademais dos movementos?

Ademais de aprenderlles as nocións básicas do hip- hop tamén creo que é moi importante explicarlles os valores. Valores que deben ter cos seus compañeiros, coa comunidade e sobre todo, con eles mesmos. A danza é unha ferramenta para aprender a crecer, a respectarse, a coñecerse e a valorarse un mesmo.

Cando estás a bailar e creando os teus propios movementos cal é a verdadeira intención que te impulsa a facelo?

Pois depende do momento, o que tento é expresar o que penso e o que sinto nese instante. Tento atoparme buscando movementos que me axuden a expresar o meu interior. Creo que a danza é unha ferramenta para transformar ese pensamento nun movemento.

Sentiches algunha vez frustración, impotencia ou rabia e pensaches en deixalo?

(Suspira) Si, penseino moitas veces porque non é fácil. É moi importante sentirnos arroupados e sobre todo apoiados, por iso os bailaríns procuramos estar en comunidade. Somos conscientes de que sempre haberá opinións alleas negativas, pero iso debe facernos máis fortes. Nunca debe influírnos xa que senón deixaríamos de ser nós mesmos e pasaríamos a ser o que esas persoas alleas queren.

O sábado vas impartir un workshop xunto a Ruth Prim para a VII edición do Vikul. Que tes prepardo para quen vaia a asistir a esta clase?

REVISTA NOVEMBRO

Vou ensinarlles waacking. O waacking é a expresión da opresión, polo que eu vou tentar ensinar nocións básicas do estilo pero sobre todo o que máis me interesa é que aprendan a expresarse libremente, sen ningún tipo de presión, para que así se busquen, se atopen e sexan eles mesmos.

En Vigo hai numerosas escolas, hai varios festivais que inclúen a danza pero é certo que o Vikul céntrase única e exclusivamente na danza urbana. Cres que é unha boa ferramenta para formar aos vigueses e que así coñezan realmente esta cultura urbana?

Creo que si, xa que o Vikul desenvólvese no lugar de orixe da danza urbana, é dicir, a rúa. Aos festivais case sempre veñen amigos e familiares dos propios bailaríns pero grazas ao Vikul persoas alleas poden coñecer a verdadeira arte urbana. Ademais actúan numerosos grupos de diversos estilos o que permite que se dean a coñecer e que moitas persoas poidan sentirse identificados con algún deles.

(GMT+01:00) Príncipe

The following two tabs change content below.

Uxia Soliño

Iniciou os seus estudos na Filoloxía Hispánica na USC pero abandonouno cando se deu conta que a súa vocación era o mundo audiovisual. Estudando Comunicación Audiovisual na UBU e compatibiliza con UBURadio, onde dirixe e locuta Que me estás cantando. Escribiu o guion da curtametraxe 3:03 que foi galardoada a Mellor Curtametraxe de Ficción no Festival Creando 2019. Amante da fotografía, da radio, da música, dos seus e dos cans. De maior quere ser como Ángel Carmona ou Wilma Lorenzo aínda que se conforma con ser ela mesma, é fan da música e dos concertos improvisados na ducha.