CASAACUNHA

Irene (Furious Monkey House): “Algunha xente pensa que por ser adolescentes a nosa música non merece o mesmo respecto”

Furious Monkey House, a banda adolescente da cidade de Pontevedra, non para de pechar bocas. O grupo está a ter gran éxito xa sexa polo seu estilo ou pola actitude sobre os escenarios. Este venres, 2 de agosto, tocará xunto a Vetusta Morla e Xoel López no Auditorio de Castrelos. A banda, dos non tan nenos, rompe cos prexuízos sociais. Falamos coa guitarrista do grupo, Irene.

Irene é a cuarta comezando pola esquerda

Quen sodes Furious Monkey House?

Somos unha banda de adolescentes da cidade de Pontevedra e facemos música cañera como o rock.

Só hai que escoitar temas por exemplo Little Noisy Bunny para notar que non estamos ante unha banda influenciada por artistas tipo Justin Bieber. Que grupos influíronvos máis?

(Risos) Pois sobre todo artistas ou grupos como Nirvana e Red Hot Chili Peppers.

A banda empezou no 2014, pensastes nestes 5 anos en disolvervos ou facer un descanso para compatibilizar a banda cos estudos?

Realmente non, porque a nós desde un principio deixáronnos claro que isto sería un hobby. O primeiro de todo, son os estudos, senón cumprimos neles isto acábase.

É difícil compaxinar os estudos coa banda?

Non moito. É o que che dicía anteriormente, nós coñecemos e sabemos dabondo cales son as nosas responsabilidades e en que debemos cumprir. Se non damos resultados nos estudos, non imos poder facer nada coa banda así que a todos interésanos compaxinalo ben e temos claro que o primeiro é o primeiro.

O 2 de agosto estaredes a tocar no Auditorio de Castrelos xunto a Xoel López e Vetusta Morla. Tocarades alí antes?

Si que tocaramos antes nunhas festas na cidade, pero claro, nada comparable co do venres que imos tocar xunto a uns artistazos como son Xoel López e Vetusta Morla.

Estes 5 anos deron para moitos concertos, cal foi o lugar que máis vos gustou e gozastes ata o momento?

Creo que todos estarían de acordo conmigo en que o concerto do Circo Price de Madrid foi incrible e inigualable. Case todo o público que había alí sabíase as cancións e sentímonos moi acollidos, simplemente foi unha experiencia incrible.

Se puidésedes compartir cartel ou escenario con algún artista, con quen o faríades?

Creo que estariamos de acordo en dicir algún dos anteriores por exemplo Red Hot Chili Peppers. A verdade é que sería incrible, oxalá.

Vos infravaloraron algunha vez a vós ou á vosa música polo feito de ser tan novos?

É certo que á hora de tocar nun sitio, nunca tivemos problemas, a propia organización dos sitios sempre nos trataron moi ben. Pero si é certo que sabemos que hai xente que o pensa, que polo feito de ser adolescentes nosa música xa non merece o mesmo respecto ou valoración. Pero a nós dános igual, sabemos que estamos a facer o que nos gusta e aprendendo e iso é o máis importante.

No grupo tedes un mono, quen é? Como é compartir experiencias detrás e sobre o escenario con el?

O mono é o noso profesor, quen nos ensina todo o que sabemos. Cando fixemos o grupo, el quixo poñerse unha máscara porque era algo que nos diferenciaba do resto de bandas e a idea gustounos. Tamén debo dicir que o mono máis que un profesor converteuse nun amigo.

Hai 3 anos fixestes unha campaña contra o acoso escolar, por desgraza é un problema do que non se salva ningún colexio ou instituto. Como foi poder realizar un proxecto destas características?

En canto nos propuxeron facer a campaña dixemos que si sen pensalo. Foi máis que unha experiencia, eu creo que nos serviu para comprender e poder axudar a quen o sofre. Por desgraza son feitos que aínda existen e tivemos a oportunidade de concienciar á xente de que o abuso escolar existe. Queriamos polo menos tentar frealo. Foi súper reconfortante.

Agora a nivel individual. Irene ti es unha das guitarristas do grupo, tes algún referente, alguén ao que admires ou queiras seguir os seus pasos?

Non teño unha influencia directa dalgún artista, pero si que é certo que se tivese que elixir a alguén sería ao guitarrista do grupo británico Buzzcocks. Escoiteinos no Portamérica, cando aínda se realizaba en Nigrán, e pensei nada máis velo que quería ser como el.

Que supuxo o feito de poder formar parte de Zipi e Zape e a illa do capitán, realizando a BSO?

Ao principio, cando nos deron a noticia, non nolo criamos e de feito pensabamos que era unha broma. Cando chegou o día démonos conta de que non unha broma, era todo moi real ( risos). A verdade é que todo isto foi unha experiencia única, tivemos a sorte de coñecer a todo o reparto e fixémonos moi amigos de Teo Planell, Zipi na película. Tanto é así que desde entón vémonos como mínimo 3 veces ao ano, ben sexa porque Teo vén visitarnos a Pontevedra como porque nós imos a Madrid.

Sodes bastantes no grupo, encargádesvos todos de escribir e compoñer ou hai alguén que predomina sobre o resto?

Sempre tentamos facelo entre todos pero realmente á hora de escribir Mariña, a cantante do grupo, é quen ten máis peso xa que é importante que adapte a canción e poida sentirse cómoda á hora de cantar.

Á semana cantas veces adoitades ensaiar?

Durante o curso adoitamos ensaiar 3 veces por semana, 2 de ensaio normal e 1 de clase particular. No verán tentamos ensaiar máis aínda que tamén depende un pouco da semana.

Cancións como With my hands xa conta con case 800 mil reproducións en Spotify e un millón de reproducións en Youtube. Como vivides dentro da banda toda esta gran acollida?

Banner A Movidiña

É unha tolemia, simplemente incribl É moi gratificante ver como a xente nos apoia. Simplemente incrible, de verdade.

Sacastes hai moi pouquiño un novo single, Echoes, quere dicir isto que hai novo álbum á vista ou é un secreto?

(Risos) A verdade é que de momento non se pode dicir pero como ben dixeches ti o 25 de xuño sacamos Echoes que é un adianto do que está por vir.

(GMT+01:00) Parque Castrelos

The following two tabs change content below.

Uxia Soliño

Iniciou os seus estudos na Filoloxía Hispánica na USC pero abandonouno cando se deu conta que a súa vocación era o mundo audiovisual. Estudando Comunicación Audiovisual na UBU e compatibiliza con UBURadio, onde dirixe e locuta Que me estás cantando. Escribiu o guion da curtametraxe 3:03 que foi galardoada a Mellor Curtametraxe de Ficción no Festival Creando 2019. Amante da fotografía, da radio, da música, dos seus e dos cans. De maior quere ser como Ángel Carmona ou Wilma Lorenzo aínda que se conforma con ser ela mesma, é fan da música e dos concertos improvisados na ducha.