Dez plans para esta fin de semana chuviosa en Vigo
Parece que volveron as chuvias, pero aquí vos deixamos dez plans ben diferentes para a fin de semana do 10 ao 12 de marzo en Vigo. Música, teatro, presentacións de libros, humor, cine e tradición para estes días chuviosos. Isto é só unha pequena selección do que se move na cidade nos próximos días, pero podes atopar todos os eventos na axenda da A Movida.
Rayden presenta a súa primeira novela – Venres ás 20:00h
Baixo o título de “Rayden (De la canción a la novela)”, o cantante e produtor musical David Martínez Álvarez, máis coñecido como Rayden, falará da súa primeira novela, El acercamiento de la mujer cactus y el hombre globo, unha luminosa historia de amor entre opostos que se atraen, sen relacións tóxicas. O encontro será no MARCO.
Histérikas Histórikas con Tamara Novoa e Luca Chao – Venres ás 20:00h
Tamara Novoa, directora de A Movida, e Luca Chao, escritora e Doutora en Ciencias Sociais, son as convidadas do podcast feminista Histérikas Histórikas, conducido por Priscila Retamozo e que se grava en A Morada, con público en directo.
Mofa & Befa presentan a obra ‘Pirolíticos’ – Venres, sábado e domingo ás 20:00h
O dúo cómico composto por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira estrea nova peza. Cunha estrutura en sketches, como é habitual en Mofa & Befa, escenifican situacións ben recoñecibles polo público, co fin de conseguir unha mellor comprensión da “Guía Rápida para unha Correcta Pirólisis”. Na Sala Ártika.
O cómico Pepo Suevos trae o show ‘Á Caida’ – Sábado ás 20h
Nin guión, nin límites,nin regras… Así é o novo espectáculo do actor galego Pepo Suevos que tirará de improvisación para facer rir ao público do Centro Cívico de Teis.
Visita guiada ao roteiro feminino – Sábado ás 11:00h
María Casar guía este percorrido por quince puntos situados fundamentalmente no casco histórico da cidade, nos que, dun ou doutro xeito, as mulleres deixaron a súa pegada e a súa contribución á identidade de Vigo, aínda que a propia historia da cidade as teña silenciadas. Saída desde o Paseo de Alfonso XII.
Cine mudo con música en directo: ‘O gabinete do doctor Calighari’ – Sábado ás 19:00h
Caspervek, agrupación dedicada a musicar películas de cinema mudo en directo ofrece o en MUTA cinema-concerto desta grande obra do cinema clásico de Robert Wiene. Ademáis dos habituais integrandes da formación, Brais González ao piano e Blas Castañer á percusión, nesta ocasión tamén soben ao escenario Mario Peris, profesor de violín, Virginia Lis, profesora de clarinete e Millán Abeledo, chelista.
Concerto do cantautor Pedro Guerra – Sábado ás 21:30h
‘Pídeme en Salas’ é un proxecto no que o público que asiste ao concerto pode pedir, no momento de comprar a entrada, a canción de Pedro Guerra que quere escoitar e o artista constrúe o repertorio con esas cancións. De forma que cada concerto é diferente e exclusivo. En La Pecera.
Concerto da artista Kora – Sábado 11 ás 21:30h
Grazas a Girando por salas a artista catalá presenta na Sala Kominsky o seu primeiro disco: ‘Fuera de lugar’. Un traballo no que combina rexistros que van do jazz como da bossa nova, o blues, a electrónica e o pop.
XXV Aniversario de O Fiadeiro – Domingo 12 ás 18:30h
Neste espectáculo no Teatro Afundación a asociación folclórica repasa estes vintecinco anos de traxectoria combinando a proxección dunha curtametraxe cunha coidada posta en escena.
Teatro infantil ‘A cazola de Lola’ – Domingo 12 ás 18:00h
Tanxarina presenta este espectáculo de monicreques dirixido ao público familiar dentro da programación de Vigocultura, no Auditorio Municipal. Cóntannos a historia de Lola que non se sabe moi ben por que sempre arrastra tras dela un cazo. Un cazo que fai que non sexa de todo como os demáis e que as veces complícalle a vida.