Despide o ano co ritual pagán de Basanta
Este sábado 29 de decembro ás 22:30 na Sala Master Club terás a oportunidade de despedir o ano nun ritual pagán da man de Basanta. Unha mestura máxica de rock, psicodelia e folk escuro 100% made in Vigo. Entradas dispoñibles aquí ou en Discos Elepé.

Sol durante o concerto de Basanta no Rock in Río Tea 2018 | Pablo V.
Basanta é máis que unha banda viguesa, é unha tribo que se expresa a través dunha música cargada de mellotróns, fuzz, afinacións abertas e melodías cheas de luz e escuridade. Veñen de sacar este ano o seu primeiro disco Colorama, unha obra formada por 11 cancións que van desde o rock e o folk ata a psicodelia.
Un disco, que por certo, non pasou desapercibido nin para o público nin para a crítica, xa que xa son varios os medios especializados (Fantasticmag, Gravelroad76…) que mencionan este debut discográfico como un dos mellores traballos nacionais do ano. Baixo a produción do reputado Paco Loco, o son da banda demostra madurez e personalidade, algo moi meritorio tendo en conta a curta vida deste proxecto.
Para quen non os viu nunca en directo, o concerto deste sábado pode ser unha oportunidade única para levarse unha grata sorpresa, xa que en Basanta coidan tanto a imaxe como a música. Así, todos os seus membros (Sol, Azufre, Sal, Tierra y La Santa) van ataviados con máscaras, impedindo ver a cara de quen se agocha detrás dela. Ademais, o deseño de arte de Colorama, obra de Leon Ka e Eazy Fernández, conta cunha serie de ‘guías’ que propoñen unha orde concreta para a escoita das cancións, trazando así unha liña conceptual. O dito, é máis que unha simple banda.
Por se fora pouco, veñen de gañar o Premio Maketón ao Mellor Videoclip polo seu tema Gris, dirixido por Xaime Miranda. Un fermoso vídeo no que aparecen reflectidas moitas tradicións galegas relacionadas coa maxia e o misterio. O seu outro videoclip, Inferis, dirixido tamén por Miranda, é dunha factura sobresaínte, demostrando o nivel de coidado e bo facer que hai detrás das máscaras de Basanta.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Non é cidade para bibliotecas - 25 Marzo, 2025
- Sacar a lingua de viaxe - 24 Marzo, 2025
- Que queres que se faga no Teatro Cine Fraga? Estas son as peticións máis repetidas - 19 Marzo, 2025
- ACT Galicia, a canteira de intérpretes do noso audiovisual - 11 Marzo, 2025
- Novidades musicais viguesas do primeiro trimestre de 2025 - 7 Marzo, 2025