ASNEVES
REVISTA MAIO

Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa»

Bruno Arias González (Vigo, 1998) acaba de ser recoñecido co Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental coa súa ópera prima: Os espazos en branco, unha peza en que indaga sobre a memoria a través da historia da súa tía, falecida cando el tiña cinco anos, a poeta Xela Arias.

Asimilándoo. Cando collín o premio dixen que tardaría uns meses en asimilar todo isto, porque cando empezamos a facer esta película non acababamos de crer que puidésemos facela nin que nos fosen dar a axuda para facela; desde aí, para min todo o que veu despois foi incrible.

Sempre tiven inquedanzas creativas e ao entrar na carreira foi medrando a gana por facer algo en formato audiovisual en relación coa miña tía. Ao primeiro quería facer unha curtametraxe, pero ao dedicárselle o Día das Letras Galegas en 2021 á súa figura, vin a posibilidade de facer algo un pouco máis grande. Pero a idea de facer algo leva comigo case desde que teño uso de razón, porque é unha influencia moi grande na miña vida.

Está moi presente en todo, porque Xela é un deses grandes orgullos da familia, sempre se falou moi ben dela. Ademais, ao ser unha figura pública, na escola, no instituto e noutros círculos falábase dela e para min era unha referencia. Non sempre do mesmo modo, pois cando era máis novo non lía tanto a súa poesía, non a entendía; a medida que fun medrando, funa entendendo máis e cóntame máis cousas.

No comezo pensabamos que tiñamos que facer unha cronoloxía obxectiva, que non deixase nada sen contar sobre ela. Segundo avanzaba o proceso, decatámonos de que o que máis pesaba á hora de desenvolver o guión, á hora de rodar e despois na montaxe, a cousa era a parte máis subxectiva e persoal. Houbo varios momentos no proceso de creación da película en que nos decatamos de que había que mirar máis cara ao fondo. Seguro que hai xente máis dotada ca min para facer unha reportaxe sobre a miña tía, alguén que contase a súa biografía desde un punto de vista máis xornalístico ou historiográfico, pero a min movéronme outras cousas.

«Todos os lugares teñen algo novo se os miras con outros ollos»

Sorprender, non me sorprendeu moito. Moitas das cousas que eu pensaba, que eu levaba no maxín adscritas a ela, funas confirmando. Refírome ao tipo de persoa que era, como coidaba da xente, a forma de ver a vida que tiña… Si que aprendín cousas máis circunstanciais, que igual importan pouco, pero que me fan ilusión. Como por exemplo, certas coincidencias que podía atopar a xente entre ela e eu. Ou que me contaran que estivo en certos espazos ou que formou parte de certos colectivos. Foi moi guai.

Diría que para a familia é para quen foi máis fácil, porque ao ser Xela unha figura pública, asumiron certa exposición desde moi cedo. Onde houbo que raspar máis foi entre as amizades; xente que se viu nunha especie de obriga histórica para compartir información que tiñan sobre ela ao saír a dedicatoria das Letras Galegas. As amizades non, pero a familia xa estaba afeita a responder a tales preguntas.

Fíxenlle esa mesma pregunta a meu pai, seu irmán, e a resposta foi que ela andaba por todas as partes. Escollín unha serie de lugares para retratar na película como a rúa de Zamora, onde Xela viviu nada máis chegar a Vigo. Nesa zona vive meu pai e é onde vivín eu case toda a vida. Tamén o IES Castelao, no Calvario, onde estudou. E intentei camiñar moito polo Vigo vello, buscando aqueles sitios polos que ela se podía mover. Ter unha nova visión da cidade a través dos espazos que a miña tía visitou ou deixou de visitar é moi bonito para min, porque ao final é onde eu medrei, e todos os lugares teñen algo novo se os miras con outros ollos.

Agora temos unhas macroestruturas que antes non había: quitáronnos o scalextric, pero trouxéronnos o Halo, ramplas mecánicas e ascensores. Tempo atrás, tiña a noción de que Vigo perdera movemento cultural, pero agora sinto que era a opinión de alguén que non estaba o suficientemente informado. É certo que Xela viviu nun momento de moita efervescencia cultural e social, pero aínda que agora non estamos nese punto, atravesamos un rexurdimento en moitos aspectos da nosa cultura. Cando estaba no instituto, eu non era consciente e sentía a necesidade de marchar fóra para buscar outras cousas; agora que estou en Santiago, boto moito de menos Vigo e noto que hai moitas cousas que se fan aquí e que eu estou perdendo por estar fóra. Non sei se é máis ou menos do que se facía daquela, porque non vivín aquel Vigo, pero dáme a sensación de que hai moita xente facendo cousas chulas e innovadoras. Por exemplo, esta revista.

Creo que non hai ningún dato, pero si que hai unha serie de sensacións que me gustaría poder vivir, pero son imposibles. Como manter unha conversa con ela e que me conte, por exemplo, o que acabamos de falar, como cambiou Vigo. Gustaríame laretar con ela un pouco sobre a vida en xeral e sentírmonos contentos polas cousas que están ben. Non é unha pregunta como tal, pero si que me quedou esa cousa, que xa tiña de antes e que nunca se irá, porque forma parte da ausencia.

Naceu polo traballo de fin de grao dunhas compañeiras miñas de promoción que realizaron a curtametraxe Dores (Coral Piñeiro, 2020), un documental sobre os campos de concentración franquistas en Galicia. Con ese traballo, empezaron a ver as moitas posibilidades que ten o audiovisual para narrar a memoria e para poñela en contacto coa xente. Elas decidiron seguir adiante coa asociación e despois metémonos un par de persoas máis a tratar a memoria, non só a memoria histórica, senón tamén a memoria local e a memoria familiar.

«A cultura é un ben en si mesmo, non ten por que resultar rendible»

Penso que iso depende de cadaquén. Hai de todo, como en calquera xeración, pero non por ser novos perdemos o interese no pasado. De feito, temos a sensación de que nos está empezando a quedar lonxe; sempre dicimos que facer memoria, especialmente memoria histórica, é unha loita contra o tempo; somos moi conscientes de que cada vez vai quedando menos xente para contar isto. E sentimos que é tarefa nosa que non se perda. Na memoria en xeral, sinto que somos un grupo de xente que percibe que non sempre hai que narrar as cousas desde o punto máis obxectivo para coñecer o mundo que temos ao noso redor; senón que conectar co mundo dun xeito máis emocional permítenos preocuparnos máis aínda polas cousas que están mal e tamén polas que están ben.

Sen a axuda da AGADIC faría outra cousa. Para facer esta película foi moi necesario todo o equipo da película, que ten que cobrar. O cine en é unha arte colectiva, pero eu sinto que este proxecto o foi especialmente coral, porque cada persoa implicada aportou moito. Síntome moi agradecido por iso, de modo que con menos cartos e, xa que logo, con menos xente, sería moi difícil de facer.

Sería un pouco arrogante dicir que é complicadísimo, porque eu tiven a sorte de que ao acabar a carreira pedín unha axuda para facer unha película e déronma. Son consciente do privilexio que tiven, tamén en parte de que a historia que eu quería contar tivese que ver cunha figura pública de actualidade no momento. Se a miña tía non fose Xela Arias, igual non me daban a axuda. Alén diso, paréceme moi complicado, pero non creo que sexa imposible. Co Mestre Mateo tamén tiven a percepción de que hai consciencia de que as persoas máis novas podemos facer cousas interesantes a un nivel moi bo, e que á xente lle pode gustar o que facemos.

Creo que a cultura en xeral nunca ten financiamento dabondo. É algo moi difícil de facer e é resulta complicado sacar adiante proxectos culturais a través da iniciativa privada, porque moitas veces non resulta rendible. Penso que precisamente os organismos públicos deberían ter en conta que a cultura é un ben en si mesmo, que non ten por que resultar rendible, que non ten que haber un retorno económico para que un investimento en cultura sexa necesario. Por suposto que hai subvencións, pero nunca son suficientes, porque hai moitas cousas que contar. Que se promovan novos relatos e novas formas de entender a cultura é bo de por si.

Depende. Aqueles que queremos facer cultura máis alá do que marca a industria temos que atopar os nosos espazos para o que queremos. Vimos varias veces como un cambio de goberno implicaba eliminar departamentos, financiamentos, proxectos en curso… Iso non pode ser así. Pero, ao mesmo tempo, temos que ir construíndo espazos de acubillo para cando pasen ese tipo de cousas. Creo que iso é o que vai permitir establecer unha industria en Galicia que favoreza que a xente se poida dedicar a isto e facer aquí o traballo que moitas veces ten que facer fóra.

A xente decátase de que unha película en lingua galega pode ser boa. Por iso sinto que temos o deber de esforzarnos máis e facer as cousas aínda mellor e desde as entrañas, que é desde onde mellor saen as cousas, para conseguir ter unha cinematografía suficientemente sólida.

Por ser finalista dos Premios Mestre Mateo, a Academia Galega do Audiovisual ten prevista unha serie de pases en diferentes lugares dentro e fóra de Galicia. Tamén estamos á espera de ver se nos confirman a presenza en algún festival, e temos a intención de facer unha estrea máis ou menos grande en en Vigo. Teño o compromiso do meu produtor de que imos vir para que amigos, familiares e xente de aquí con interese na película a poidan ver en condicións durante un evento chulo.

Si, desde Memoria e Cinema estamos traballando nunha curta titulada Canción 37, que fixemos dentro do Chanfaina Lab, que é un laboratorio audiovisual que se fai no concello de San Sadurniño. A nivel máis persoal, estou pensando cousas, que xa lle chega. Que se che ocorran as cousas para arrancar un proxecto de longametraxe que esteas convencido que podes sacar adiante é xa moito traballo.

Tamara Novoa
Editora

Pablo Vázquez
Fotógrafo

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.