REVISTA ABRIL

Un ano correndo por Vigo

A Gala do Atletismo organizada onte polo Concello de Vigo no Auditorio Municipal, puxo o punto final ao Vigo Run Run 2023, un circuíto integrado por once carreiras en distintas partes da cidade. Tamara Novoa, directora d’A Movida, cóntanos en primeira persoa a experiencia de participar neste evento deportivo.

Animada pola miña amiga Marta, en xaneiro de 2023 propúxenme completar o circuíto de carreiras Vigo Run Run composto por once probas que se disputarían ao longo e ancho de toda a cidade. Un reto, non só a nivel deportivo, tamén no organizativo, pois supón ter que reservar entre un e dous domingos ao mes para participar nas diferentes carreiras populares que forman parte deste evento deportivo.

O circuíto arrancou o propio mes de xaneiro coa Subida ao Castro, unha proba curta pero esixente. Aínda sendo un percorrido que coñezo ben, nunca antes me animara a participar nesta carreira que en tan só tres quilómetros salva o desnivel que hai desde o Paseo das Avenidas ata o cumio do Monte do Castro. Unha vez completada, tiven claro que, a excepción dunha lesión, xa nada se interporía no me obxectivo, xa fixera o máis complicado! Despois do Castro tocou ir a percorrer as rúas do Calvario, teño un grato recordo do chocolate quente co que nos recibían á chegada; que importante é coidar estes pequenos detalles para que os corredores quedemos satisfeitos. Sen dúbida, a carreira que máis me sorpredeu foi a de Teis. Nun sube-baixa interminable de costas, descubrín lugares que me pareceron máxicos e nos que nunca antes estivera. En marzo disputouse unha das probas máis esixentes pero tamén máis emocionantes do circuíto: A Vig Bay. Non era a primeira vez que completaba os 21 quilómetros que separan a praia de Samil do parador de Baiona, pero iso non lle restou emoción, a medio maratón Vigo – Baiona é, sen dúbida, a proba máis multitudinaria e mellor organizada que temos na comarca. No mes de abril xogaba na casa, as cerdeiras en flor e os ánimos de amigos e familiares serviron para facer algo máis levadío as duras subidas da carreira de Beade. Ao mes seguinte tocou correr polo areal e o piñeiral de Samil, este trazado pareceume o máis orixinal e divertido de toda a competición. A proba máis rápida do Run Run é a de San Xoán, non só porque é máis curta (non chega aos oito quilómetros) senón porque é a única na que o desnivel é negativo, desde a praza do Rei ata o Berbés onde despois se celebra unha gran fogueira. Como apunte aos organizadores pregaríalles que en vindeiras ocasións desen prioridade aos corredores a hora de recoller as sardiñas que regalan coa inscrición, despois do esforzo ben merecemos ese pequeno privilexio! Despois do parón estival, o calendario de carreiras reactívouse coa carreira solidaria por antonomasia: Vigo contra el cáncer. O percorrido non é bonito; pero desde a organización móvense tanto para conseguir participación que é sempre un evento desbordante que deixa ver o mellor do ser humano. En novembro optei por facer os 10K de La 21 de Vigo porque a fin de semana seguinte viaxaba a San Sebastián para participar na Behobia (pero iso é outra historia). O máis destacable de La 21 é que ten o percorrido de 10 quilómetros máis plano de todo o circuito polo que, se as condicións meteorolóxicas acompañan, é posible facer marca. Penso que foi un acerto que ao cambiar de percorrido, a Érguete e Corre incorporase parte da Senda Verde, un dos espazos máis agradables para correr que a día de hoxe temos na cidade. Pechamos a Run Run, estreando o divertido percorrido da Vigo + 11, que este ano trasladouse ao barrio de Coia: se para o ano incorporan o avituallamiento sólido ao finalizar a carreira xa sería perfecto!

REVISTA ABRIL

Onte no Auditorio do Concello púxose o ramo a esta competición coa entrega de premios. Por ter completadas as once probas que compuñan o evento, recibín un suadoiro e unha medalla. Un bonito detalle de recordo que sería redondo de vir acompañado dun desconto para participar na edición de 2024. Un aliciente máis que merecido para que repitamos! Aínda que estou moi orgullosa e contenta de ter completado todas as probas, a experiencia valeume para ver que en aras de conseguir unha maior participación hai dúas cousas mellorables: o prezo e o número de carreiras. É caro completar o circuito. Agora mesmo de media a inscrición en cada unha das carreiras está entre os 10 e 12 € e máis do dobre no caso das medias maratóns , poder acceder a un abono con desconto ao comezo serviría de aliciente para participar e un alivio para os petos dos corredores. Doce son moitas probas. Ao longo de todo un ano, o máis probable é non poder participar en todas, ben por indisposición ou por compromisos. Sobre todo cando o calendario de carreiras anunciado a comezos de ano sufre cambios de última hora como aconteceu en tres ocasións este 2023. Penso que o máis xusto sería que cada corredor puidese descartar dúas carreiras e que só cóntase a puntuación obtida nas dez restantes.

Pero, sen dúbida, o mellor da Vigo Run Run é a parte social. Quedar cada domingo de carreira no punto de saída cos compañeiros e alongar a volta a casa repoñendo líquidos nun bar e comentando a xogada. Tamén coñecer a persoas coas que compartes esta rara afección de correr. Este domingo arranca unha nova edición no Castro; moito ánimo a todos os que vos animedes a asumir o reto este 2024. Vémonos queimando asfalto!

Consulta aquí o calendario do Vigo Run Run 2024.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.