Cúrcuma, cociña vexetal para comensais omnívoros
Cúrcuma é o restaurante decano dos vexetarianos vigueses e a súa veteranía débese a unha boa razón: aquí é posible atopar cociña tradicional e pratos sorprendetes nun mesmo menú. Un local de comida caseira, con ingredientes de proximidade e que cambia segundo as estacións, capaz de convencer ao máis carnaca de que a cociña vexetal é deliciosa e saciante.
En 1996 pouca xente, alén dos seus practicantes, escoitaran falar de veganismo ou entendían de que se trataba. Ainda así, Mindo e os seus dous socios apostaron por abrir un restaurante no que os vexetais fosen os reis da mesa e as carnes estivesen desterradas do menú. Foron os segundos en atrevese a facelo, despois do Gálgala, que botou o peche recentemente, polo que estamos ante o decano dos vexetarianos vigueses. O camiño non foi doado, pero un cuarto de século despois poden presumir de ser a opción de confianza para os que buscan pratos vexetais ben cociñados e un trato familiar e cercano, con persoal sempre disposto a resolver dúbidas e ofrecer recomendacións.
A carta é ampla, pero sinxela. Sen artificios. Demostran que a cociña vexetariana tamén pode ser cociña tradicional, afastada dos ultraprocesados, as últimas tendencias e os ingredientes raros e esforzándose en sacar o mellor do produto local. A oferta cambia segundo a estación, tornándose máis fresca no verán, con produtos de tempada que lles prové unha horta local ecolóxica. No outono, volven os pratos de culler e ao forno e mais as comidas contundentes. Tamén contan a diario con pratos fóra de carta, unha garanttía de cociña de mercado, adaptada aos produtos de tempada.
En canto á clientela, Mindo conta que a maioría dos que acuden a Cúrcuma son omnívoros e deciden comer nun vexetariano por diferentes motivos, desde os que procuran alternativas lixeiras e saudables para os menús do seu día a día (e habitualmente botan de menos maior proporción verde nos menús do día dos restaurantes), ata os curiosos que queren probar algo diferente. “Hai xente que aínda se soprende de saír satisfeita dun restaurante vexetariano, pero para iso estamos”, comenta Mindo, en referncia á creencia trasnochada de que unha comida non é completa sen proteina animal.
Non marches sen probar: Mindo conta que o entrante máis pedido no Cúrcuma son as croquetas de setas “son moi socorridas e están riquísimas”. De segundo recomenda a mousska, un prato grego parecido a lasaña que se prepara con berenxenas, “carne” de soia e cebola caramelizada. Para beber, o hostaleiro suxire un Ribera del Duero ecolóxico ou un zume natural.
Rúa Brasil, 4
986 41 11 27
curcumavigo.com
@curcumavigo
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024