CASAACUNHA

Espacio Caffé, cociña latina de batalla

A parella de venezolanos formada por Carlos Molinares e Lisa Sierralta, coñecéronse en Maracaibo e quixeron trasladar ao seu negocio, Espacio Caffé, no Centro Comercial Camelias, toda a contundencia da gastronomía callejera daquela cidade, un concepto de comida rápida á caribeña na que os reis son a carne, os fritos e as salsas servidos en pratos abundantes sen descoidar a calidade.

En Spazio Caffé no Centro Comercial Camelias, ofrécenos unha carta ampla, con almorzos e merendas, hamburguesas e pratos venezolanos alén do convencional. Hai arepas fritidas, tequeños recheos de ingredientes doces e salgados, patacones e algo que só atoparemos neste restaurante: os cachapones, dúas tapas de masa de millo e queixo recheas de carne e máis queixo e coroadas con nata salgada.

Banner A Movidiña

Lisa, a cociñeira, está fondamente orgullosa de poder traer a Vigo a quintaesencia da súa querida Maracaibo en forma de pratos copiosos como a hamburguesa «Caracucha»: tenreira, polo, bacon, ovo, queixo, xamón, chourizo e maionesa. En poucas palabras, un quilo de comida en forma de desbordante hamburguesa que serven acompañada de patacas e boniato fritidos. Pero tranquilos, hainas tamén que caben na boca e non deixan indiferente, como a «Pichuchi», con carne de porco e caramelo salgado, ou a «Tex-Mex», con guacamole, fabas e queixo á prancha.

Caracucha é o nome que reciben os caraqueños que se asentan en Maracaibo. Ese foi o caso de Carlos e, xunto a Lisa, decidiron tomar este xentilicio para bautizar a súa próxima aventura gastronómica deste lado do Atlántico: un restaurante que abrirá as portas o mes que vén, continuando co empeño de transportarnos con cada bocado á comida venezolana a pé de rúa, desde o almorzo crioulo ata a cea. E para facer a dixestión, un café coidadosamente elaborado e presentado, unha das paixóns do xerente.

Planta baixa do Centro comercial Camelias | 986 29 22 75 | @espaciocaffe
Próxima apertura: Caracucha (sevilla, 2)

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.