Cúmprense 20 anos do falecemento de Juan de Oliveira, autor dos cabalos de Praza España
O seu neto, o cineasta vigués Guillermo de Oliveira, lembrou a través dun fío de Twitter ao seu avó Juan de Oliveira, o escultor responsable dos cabalos de Praza España ou do Rapto de Europa, en Samil. Un artista cun estilo único que descubriu o seu talento aos 40 anos e por casualidade.
Os fíos de Twitter son cada vez más abundantes. En ocasións, tras un “Abro fío” atopamos material insustancial que ben podería ser resumido en dous chíos. Outras, por fortuna, atopamos historias cheas de emoción que te descubren cousas que descoñecías. É o caso do fío publicado por Guillermo de Oliveira, cineasta vigués autor do fantástico documental Desenterrando Sad Hill, o pasado 16 de abril, que xa suma máis de 3000 ‘gústames’. Nel lembra a figura de Juan de Oliveira quen, ademais de ser o seu avó, foi un fantástico escultor que deixou a súa pegada en Vigo.
Hoy se cumplen 20 años de la muerte de mi abuelo, Juan de Oliveira. Un hombre que navegó entre el éxito y el fracaso y que descubrió su talento casi por casualidad. Nunca he hablado de él por aquí pero su historia es alucinante y creo que os va a encantar.
— Guillermo de Oliveira (@goliveira) April 16, 2022
¡Dentro HILO! pic.twitter.com/2sln7LxoGl
A historia comeza en 1913, cando o tataravó de Guillermo, o lisboeta Benito de Oliveira, cofundou unha empresa de galletas en Tui, chamada La Peninsular. O negocio foi pasando de xeración en xeración ata chegar a Juan na década dos 50. A súa paixón eran os cabalos, pero a tradición familiar mandaba e dirixiu como puido a empresa. A cousa non foi ben e quebrou.
A sorte quixo que un artista local lle pedise ao malogrado Juan facer unha escultura tomando como modelo un dos seus cabalos. As súas habilidades non parecían ser as mellores, polo que Oliveira suxeriulle uns cambios que o escultor nunca foi quen de acadar. “El de arte sabería moito, pero eu de cabalos, despois de vivir tanto con eles, sabía máis”, comentou nunha entrevista Oliveira. Farto, o artista díxolle a Juan que fixese el a escultura, se tanto sabía. E vaia se sabía: fixo unha pequena pero fermosa peza de cera que simulaba un cabalo a galope, coa particularidade de que estaba apoiado só cunha pata dianteira.
A partir de aí sucédense as exposicións individuais e os recoñecementos. Deixou a súa pegada en numerosos lugares de Galicia e España: Tui, Lalín, Baiona, Madrid, Sanlúcar de Barrameda ou Menorca. Por suposto, en Vigo tamén. O rapto de Europa, situada nunha rotonda en Samil, ou Empuje e Hacia delante, que coroan o Teatro Afundación, son dous bos exemplos da súa obra. Pero, sen dúbida, a súa peza estrela son os cabalos de Praza España, unha escultura de bronce de 18 metros de alto e 10 toneladas de peso. Foi inaugurada en 1991 (ano no que tamén chegaron Os redeiros, O Sereo ou a Porta do Atlántico) como homenaxe a todos os cabalos que poblaban os montes de Vigo, incluído o Castro. Na actualidade é un dos monumentos máis famosos e representativos da cidade.
Os cabalos de Praza España | N. Míguez As esculturas de Oliveira no alto do Teatro Afundación | N. Míguez
Como curiosidade, o xornalista Eduardo Rolland contaba nun artigo que o Concello de Vigo fretou un autobús a Tui á casa de Oliveira, onde estaba a rematar a obra. Alí, entre lamprea, viño e chupitos, o escultou trouxo os metálicos testículos dos cabalos e lles pediu aos presentes (políticos e xornalistas) que os asinasen cun punzón. Polo tanto, aínda que non sexa recomendable pararse a observar este detalle co coche no medio da rotonda, as gónadas dos mamíferos teñen gravada a lembranza daquel día de celebración. José de Oliveira faleceu en Vigo o 16 de abril de 2002, pero deixou tras de si a mostra do seu enorme, e tardío, talento.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024