UVIGO
FILLOAS

O musical ‘Antoine’ achéganos a vida e obra do autor de ‘O principiño’

A obra musical Antoine chega a Vigo dentro da súa xira nacional con dúas representacións no Auditorio Mar de Vigo os días 29 e 30 de decembro, na que será a única cita en Galicia. A peza conta a incrible historia do creador de O principiño e representa a unión que existiu entre o seu autor e o seu principal personaxe. Podes mercar aquí a túa entrada.

Fotografía durante unha representación da obra | Cedida

O musical Antoine aterra en Vigo para dar a coñecer o que nunca nos contaron da historia de Antoine de Saint-Exupéry, creador de O principiño, obra universalmente coñecida e segundo libro máis traducido no mundo despois da Biblia. O espectáculo representa a unión que existiu entre o seu autor e o seu principal personaxe e reflicte unha vida enteira marcada pola aventura, onde se enxalza a grandeza do ser humano por enriba do individualismo. Trátase dunha desas historias que merece ser contada. Antoine foi un adiantado ao seu tempo que levou a súa paixón por coñecer o mundo onde ninguén antes imaxinara e nesta obra convídase o espectador a reflexionar sobre os aspectos máis relevantes da vida, mesmo a entender aquilo que é invisible aos ollos.

A peza está dirixida a un público adulto, ou máis ben a ese neno que todos levamos dentro, malia que os máis pequenos tamén desfruten abondo da experiencia escénica. Desde a organización recalcan que a principal virtude de Antoine é a súa sorpresa, pois o público entra ao auditorio sen unha idea clara do que vai ver e sae abraiado, con ganas de repetir. Ao revés que moitos outros musicais, a súa maxia reside nas interpretacións e na intimidade da súa historia e non tanto nunha esconografía monumental. O apartado musical corre ao cargo da banda catalana Elefantes, que nos últimos anos visitaron un par de veces a nosa cidade.

CAMELIAS NADAL

O musical foi gañador das categorías ‘Mellor espectáculo revelación’ e nomeado a ‘Mellor composición musical para espectáculo escénico’ nos premios MAX das artes escénicas, os prestixiosos galardóns teatrais que outorga a Fundación SGAE.