VIALIA
bannerPicnicSesions

Guillermo de Oliveira, o director vigués que está nominado aos Goya

Con seguridade Guillermo de Oliveira non se vai esquecer con facilidade deste decembro de 2018. O seu filme Desenterrando Sad Hill, o proxecto no que leva embarcado os últimos tres anos, foi nominado á categoría de Mellor Documental para os Premios Goya, que se celebrarán en Sevilla o próximo 2 de febreiro. Por se fora pouco, desde a semana pasada a súa película atópase no catálogo de Netflix, a plataforma de vídeo baixo demanda máis importante do mundo. Falamos co realizador vigués sobre estas boas novas e outros moitos temas relacionados co seu filme e a súa traxectoria.

Guillermo de Oliveira (esq.) con James Hetfield, cantante de Metallica

Mes cargado de emocións. O teu documental en Netflix e nomeamento aos Goya. Agardabas algo así?

Non, home! Se mentres o estaba a facer eu pensaba que estaba a rodar unha curta. Foi cando tiña case todas as entrevistas gravadas cando xa me din conta de que a historia que tiña era para unha longametraxe. Entón todo o que sucedeu despois pois non o podería nin imaxinar, nin sequera coa película rematada, porque a estreamos fai ano e medio en Tokio e custounos moitísimo traela a España. Parece que os planetas acaban de alinearse e os dous últimos meses foron unha montaña rusa.

Como consegues que unha plataforma como Netflix se interese no teu documental?

Intentamos ir directamente a eles pero… xa sabes, calquera persoa que remata unha película trata de chamar á porta de Netflix, e é moi difícil que fagan caso. Foi grazas a un axente de ventas internacional que foi o que se interesou polo docu e viu o seu potencial. A pesar de ser moi local, porque fala dun pobo de Burgos, trata tamén temas universais e saen persoas recoñecidas internacionalmente, como Clint Eastwood. Nós cando o estabamos a facer pensabamos que Netflix sería o lugar ideal para o docu, porque hoxe en día non hai moita cultura de ir ao cine a ver documentais. Ademais é un tema moi de nicho, dos frikis de El bueno, el feo y el malo, pois que mellor que unha plataforma como Netflix, con máis de 120 millóns de usuarios. Isto facilítanos moito a distribución, xa que somos unha produtora moi pequena que non ten capacidade de distribuir a película en cada país. Con Netflix, da noite á mañá estás en 190 países.

Falabas da dualidade do local e do universal no teu filme. Que tal o está a recibir a xente?

A verdade é que non hai ningún sitio no que digamos que a recepción fose tibia. A min o que máis ilusión me fai é que a xente que non viu El bueno, el feo y el malo ou que non sexa moi fan do spaghetti western diga que o documental lle emocionou e que se sentiu identificada cos protagonistas. Que a pesar de ter outros referentes entende perfectamente a esas persoas.

Como descubriches todo este proxecto de desenterrar Sad Hill?

Eu entereime por un amigo que o escoitou na radio en novembro de 2014 e el sabía que a min encántame todo isto das localizacións de cine. Cando mo contou púxenme en contacto coa asociación, fun ver o cemiterio e quedei namorado do sitio. Seguinlles a pista durante nove meses ata que publicaron que tiñan os permisos da Junta de Castilla y León para poder cavar alí.

Polo que se pode ver na película, a rodaxe durou mínimo ano e medio. Canto tempo en total levas con este proxecto?

Pois desde setembro de 2015 ata o verán do 2017, así que case dous anos. Sobre todo no 2016 foi cando máis gravamos, porque foi cando se levou a cabo a maior parte da reconstrucción. A posteriori, case co docu rematado, gravamos as entrevistas de Joe Dante e a dun crítico de cine, que funcionaron como cemento entre os bloques. Xa que non hai voz en off nin apenas grafismos, axudounos a que fluíse. Se en setembro de 2015 me dis que vou estar 3 anos co proxecto, posiblemente non volvería (risos). Pero vaia, bendito problema.

Como consegues contactar e entrevistar a figuras do nivel de Clint Eastwood, James Hetfield e Ennio Morricone? Foi sinxelo?

Nós somos unha produtora moi pequena, de feito esta é a nosa primeira película. Nós facemos publicidade sobre todo e tamén temos algúns cortos nos que adaptabamos videoxogos subidos a YouTube. Non temos nin unha soa persoa de contacto para chegar a Clint Eastwood. Fixemos o que faría calquera outro, buscamos en Google “Clint Easwood contact information” e aí saían teléfonos de Warner Bros. ou Malpaso Productions. Chámaslles e lles contas todo o rollo. Ou colgan o teléfono ou derívanche a unha extensión na que non hai ninguén. E así segues unhas semanas ata que abres unha vía e chegas a alguén que teña algo de poder. E che di que non. Entón dedícaste a insistirlle a esa persoa os próximos nove meses ata que con tal de quitarte do medio pois fala con Clint, a este lle interesa o tema e che di que si. É un exercicio de paciencia. Ademais sénteste un pouco idiota chamando á Warner dicindo que eres Guillermo de Vigo e queres entrevistar a Clint Eastwood. Ademais non falos de vellas glorias que vivan de rentas, senón que tanto Clint como Ennio Morricone seguen a traballar a día de hoxe. Eastwood fixo tres películas no tempo non que nós fixemos o documental (risos).

Tivechedes que desplazarvos moito para realizar estas entrevistas?

Pois si. Como son megaestrelas pois vas a onde eles mandan. O único co que non estivemos en persoa foi con Clint Eastwood, que tras meses insistindo dixéronnos que lles enviásemos as preguntas e que xa llas facían eles. Para entrevistar a James Hetfield (líder de Metallica) tivémonos que ir á Baía de San Rafael, en San Francisco, onde ten o estudio a banda. Con Ennio quedamos na súa casa en Roma e con Dante nos seus estudios en Los Ángeles. Ese foi o principal gasto na parte da rodaxe, porque na parte do cemiterio iamos un equipo moi reducido. A parte dos dereitos foi máis complicada…

Xa que falas dos dereitos, foivos imposible poder utilizar fragmentos de El Bueno, el feo y el malo ou decidistes vós a utilización de fotografías da rodaxe?

Utilizamos principalmente fotos porque era máis barato, xa que os fragmentos da película custan como sangue de unicornio. Só puidemos permitirnos un minuto da metraxe. Ademais, as fotos gustábanme máis porque aportaban algo inédito. Moitas delas levaban caso 50 anos soterradas en caixóns da cineteca de Bolonia e penso que para o público ten máis valor iso que ver imaxes que xa podes ver nun DVD.

Falando das fotografías, gustoume especialmente esas sutís animacións, dándolle moito máis dinamismo a unha imaxe fixa. 

Xa que tiñamos ese hándicap, tratamos de darlle esa vidilla para que non se percivise como algo inanimado. Foi un traballazo da xente de grafismos, que se tiraron meses animando fotos.

Tamén chamoume moito a atención o fío condutor que trazas co concerto de Metallica, que no caso de que non sexas seguidor da banda é algo que che colle bastante por sorpresa.

A xente que non o sabe indígnase bastante durante o documental ata que ven o final, claro. Gustábame empezar desa forma, descolocándote, porque pensas que vas ver un documental sobre o cemiterio de El bueno, el feo y el malo e aparece iso. Dalgunha forma lanza preguntas ao espectador, que pensa que nalgún momento da historia obterá unha resposta, e iso anímate a seguir vendo. Por outro lado iso permitíanos universalizar a mensaxe. O que estamos a contar non vai só sobre El bueno, el feo y el malo, podería ser sobre calquera outra película ou forma de arte. Ves que a xente que vai ver a Metallica o vive coa mesma paixón que os protagonistas do filme. Tamén nos permitía rematar o documental moi arriba, xa que durante a metraxe fálase dunha escena que aínda non se viu e dunha música que aínda non se escoitou, e todo iso resólvese nos 3 últimos minutos. Desde o punto de vista dos dereitos foi o máis caro do documental, xa que tes as imaxes do concerto, a música de Metallica, a música de Morricone e as imaxes da película. Cada cousa pertence a entidades diferentes e tes que licencialas por separado. E despois que cada país ten un titular diferente para a película. Un ano estivemos con todo ese proceso.

Tiñas claro antes de empezar a gravar que querías trazar o discurso a través das voces dos entrevistados, sen utilizar voz en off?

Si. Nalgún momento cheguei a pensar “se Tarantino nos fai unha voz en off sería incrible” (risos). Normalmente prefiro non utilizar voz en off salvo que sexa de alguén que teña conexión coa historia. Que non sexa unha comodidade do editor, vaia. Estivemos a rompernos os cornos para que todo encaixase.

Hai 3 anos fixeches a curtametraxe Seth’ s Gold, baseada no videoxogo Red Dead Redemption. Cando naceu a túa paixón polo western?

Pois bastante tarde, con vinte e tantos. Quizais é con Leone co que comeza a miña paixón polo western. Había películas de xénero concretas que me gustaban, pero lembro estar estudando en Los Angeles e que un profesor non puxera os primeiros minutos de Hasta que llegó su hora (1968), a escena do tren. E aí pensei “isto é unha loucura… isto é Leone?”. Eu pensaba que era cine palomiteiro dos anos 60, e era cine de autor. Despois volvín a España, vin a triloxía completa e outras moitas películas de spaghetti western. Pero bueno, aínda me queda moitísimo do xénero por descubrir.

Tamén fixeches outras curtametraxes sobre videoxogos como Max Payne ou Call of Duty: Modern Warfare. O eterno debate: é sinxelo adaptar un videoxogo, ou parte del, ao cinema?

REVISTA ABRIL

Eu creo que do que máis se queixa a xente é que os directores encargados destas adaptacións non xogaron nunca a videoxogos, entón non entenden os códigos ou a narrativa. Acaban por converterse en directores por encargo que fan o mellor traballo posible co seu coñecemento da obra. A xente cando ve as nosas curtas si que nos di que nótase que nós si que xogamos a videoxogos, que capturamos a súa esencia. E por iso funcionaron de marabilla, e ademais ao rodalos en inglés son internacionais. O de Red Dead Redemption, coa saída do novo videoxogo da saga, está preto do millón de visitas en YouTube.

Entón non descartas facer nun futuro facer outra adaptación, incluso nunha longametraxe?

O que pasa é que para adaptar videoxogos precisas os dereitos, e son moi difíciles de conseguir. Nunha curta non hai demasiado problema porque a sobes a YouTube sen ánimo de lucro. Para nós é unha gran escola para practicas e ademais tes unha audiencia que se conta por milleiros, e global. Pero para unha longa non dispós nin do presuposto nin da autorización. Se algún día Rockstar Games ve Seth’s Gold e nos propón facer unha longa… pero por agora penso que aínda queda moito. O que si que me gustaría é facer unha longa de ficción. Impoñíame moito a idea de facer unha longa, pensaba que non estaba preparado. Pero agora que o fixemos e saíu ben, gustaríame facer outra pero esta vez ficción, non documental. É o reto máis difícil. Un docu podes facelo ti só, pouco a pouco e con poucos cartos. Unha de ficción xa é algo máis serio. Todas as curtas que fixen ata agora eran de ficción e quero seguir por aí. Ademais unha historia como a de Sad Hill é un doce deses cos que te atopas dúas ou tres veces na túa vida. Se me atopo con outro igual farei un documental, pero a miña seguinte meta é a ficción.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.