CASAACUNHA

Contar a morte

Cando a un neno lle toca vivir de preto a morte dun ser querido, non entende moitas cousas e os adultos debemos dar respostas ás preguntas que empezan a roldar nesa cabeciña pequena. É importante explicar sempre a verdade, con delicadeza, utilizando palabras sinxelas e facer as pausas precisas para dar tempo a asimilar o que se lle conta. Cada pequeno reacciona de forma diferente ante a perda dun ser querido. Uns choran, moitos fan preguntas e outros case nin se inmutan. Pero calquera destas reaccións é normal e non está mal. Ás veces, os rapaces máis cativos, cústalles expresar o que senten, por iso é importante poñerlles nome ás emocións, preguntar como se senten, se están tristes, asustados ou mesmo contándolles como nos atopamos os adultos para empatizar con eles.

Algo que nos pode axudar á hora de abordar este tema son os libros e os contos. Podemos recomendar o conto Para siempre, autoeditado por Camino García e inspirado no método Montessori, na liña da crianza respectuosa; ou El árbol de los recuerdos, da autora alemá Britta Teckentrup, editado por Nubeocho. Se o proceso de dó que estamos a pasar é o dun animal de compañía, podemos facernos cun exemplar de Yo siempre te querré, do tamén alemán Hans Wilhelm, editado por Juventud, onde un neno e mais un can que se criaron xuntos son os protagonistas. Na nosa lingua e de editoriais patrias, temos diversos contos como os da serie Os Minimortos, de Ledicia Costas (a partir dos 8 anos) ou Para onde imos cando desaparecemos, da autora portuguesa Isabel Minhós Martins (dos 8 anos para abaixo), os dous editados por Xerais, ou A avoa e mais eu, do alemán Achim Bröger traducido por Amelia Rodríguez San Martín para Galaxia. Falar da morte non é doado, pero é a outra cara da vida, algo que debemos afrontar. E se a literatura bota unha man, que mellor?

Lourdes Tomé
Redactora

The following two tabs change content below.
Educadora Infantil e Educadora Certificada en Disciplina Positiva pola Asociación Española e Americana. É ademais nai de dous pequenos que, segundo di, son os que a fan medrar e aprender cada día. Encántalle a natureza e viaxar aínda que a súa maior paixón son os nenos e a infancia como demostra no seu blog Little Scaler, onde aposta pola crianza respectuosa e amosa que criar sen berros e sen castigos e posible.