CAMELIAS MASCOTAS

Chicho (Boyanka Kostova): “A música non é máis que sons que andan por aí ciscados.”

O dúo Boyanka Kostova formado por Chicho (Manuel González) e Cibrán García destaca no panorama musical por ser un dos pioneiros do trap galego, conseguindo xuntar a modernidade e o costumbrismo con refrentes como Ana Kiro, Os Resentidos ou Malandrómeda. O sábado 28 de agosto actúan na segunda edición do Festival Sons da Canteira, acompañados de grupos como Verto ou Pongo para ofrecer ao público unha experencia chea de bo rollo. Falamos con Chicho, partícipe tamén no dúo Esteban & Manuel e creador do proxecto Ortiga.

Con dous discos ata o momento, ‘Nova Canción Galega‘ (2019) e ‘Os dous de sempre‘ (2020), foi o tema ‘Muinheira De Interior‘ o que conseguiu alzar ao grupo no panorama musical galego, con novas voces, inquedanzas e formas de interpretar e traballar coa música. Con 300.000 escoitas en Spotify e outras tantas en Youtube, a canción acompañada dun potente vídeo que representa á comunidade galega con traxes e bailes populares. “Viamos que era unha canción con potencial, pero non esperabamos esta acollida. Sabiamos que ía gustar, pero non que lle fora gustar tanto á xente. Moi guai, é increíble”, sinala o músico.

Durante o 2021 realizaron varias colaboracións, ‘OG‘ con Dios Ke Te Crew e ‘Non Eres Ti‘ con Triángulo de Amor Bizarro. “O tema con Dios Ke Te Crew foi un proxecto a medias. Quedamos xuntos para traballar e pasamos un días marabillosos, tanto facendo a música como os vídeos. Foi a hostia”, confesa o artista. O videoclip, estreado en xullo, supón o primeiro video-sinxelo de adianto do vindeiro EP de Dios Ke Te Crew. A segunda colaboración, en cambio, foi máis independente. “O traballo con Amor Bizarro pertence a un grupo de remixes do seu último álbum. Nós eliximos unha canción para versionar e creamos un continente totalmente diferente”. O disco inclúe ata doce colaboracións con artistas como J (Los Planetas), Carolina Durante ou Sonic Boom.

REVISTA NOVEMBRO

A través do humor, pero tamén da retranca, Boyanka Kostova busca pasar un bo tempo creando música, con temas como ‘Abel The Knight’ que xoga coa imaxe do alcalde Abel Caballero e o dinoseto, pero tamén creando letras máis serias. “A través da música rap, somos dúas persoas que falan do seu día a día nas súas cancións e pouco máis. Sempre estamos a bromas creando temas humorísticos, pero tamén temos outro tipos de cancións. Unhas máis trap, outras rap. Ao final a música non é máis que música, sons que andan por aí ciscados.”

Además da presenza nas plataformas de música, as redes sociais e os concertos, o dúo leva feito varias actuacións na Televisión de Galicia en programas como Luar ou Quen anda aí?, ambos referentes da cultura galega e grandes medios para impusalsar os novos artistas musicais. “Sempre que sacamos música ou facemos algo novo, chámannos. Síntome moi ben alí. Estamos encantados de proporcionar un contido que lles interesa“, comenta o músico.

Nun futuro poderemos escoitar o seu novo álbum que teñen xa gravado e listo para saír. Mentres tanto, toca disfrutar dos seus concertos, como é o caso deste sábado no festival Sons da Canteira, en Porriño. As entradas xa están dispoñibles á venda desde a súa páxina web.