REVISTA ABRIL

Salvador Sobral: “Sempre haberá xente que queira escoitar música doutro xeito que non sexa estar dez horas de pé nun festival”

O próximo sábado 25 de marzo Salvador Sobral retorna ao Auditorio Mar de Vigo para presentar o seu último traballo, bpm, e adiantar algúns dos temas nos que está a traballar nestes momentos. O artista portugués, famoso por gañar Eurovisión en 2017, continúa atraendo público grazas á calidez e a honestidade da súa música, afastada do mainstream. Falamos con el poucos meses despois do nacemento da súa primeira filla Aïda. Merca aquí as túas entradas.

Salvador Sobral cantando con paixón nun concerto do TerraCeo, en 2022 | P. Cermeño

Salvador Sobral aténdenos ao outro lado do teléfono e polo ruído de fondo supoñemos que se atopa nunha cafetería. Tan próximo e atento como sempre, o portugués admite non ser moi amigo das entrevistas promocionais: “Para min tocar non é un traballo; o traballo é a promoción e gravar discos”, afirma. Actualmente atópase finalizando o seu novo disco, polo que as mesturas e o deseño do propio ocupan gran parte dos seus pensamentos. Este estrés esvaece ao poñer un pé sobre as táboas: “Ao subir ao escenario son feliz, é puro desfrute”, resume.

Malia que continúa xirando para presentar o seu último traballo de 2021, bpm (xogo de palabras entre os beats per minute das cancións e os latexos do corazón), non ten problema en adiantarnos algunhas das claves do seu último disco: “Vai haber moita máis percusión e será menos jazzístico e máis folclórico. É un disco máis luminoso, máis tropical, onde hai menos solos e a miña voz adquire máis protagonismo”, explica. O nacemento da súa filla Aïda en decembro de 2022 tamén ten influencia nesta novas composicións: “É un álbum para celebrar a vida e a luz que nos aporta a miña filla”, resume. De feito, o ano pasado publicou un EP acústico titulado SAL no que un dos títulos vai dedicado á nova Sobral: ‘Canção para Aïda’.

REVISTA ABRIL

A victoria no concurso de Eurovisión en 2017, co tema composto pola súa irmá Luisa Sobral ‘Amar pelos dois’, situouno no mapa musical como un rara avis. Nun evento cargado de luces cegadoras e coreografías imposibles e traxes coloridos e demais brilli brilli, Sobral plantouse no centro do escenario cunha americana gris e un micrófono. Nada máis. Os seus xestos, a súa voz e a súa naturalidade encandearon a público e xurado. Despois diso, lonxe de convertirse nun xoguete roto da industria, Salvador continuou polo seu propio camiño, sen présas, ao ritmo sincopado dun standard de jazz: “Foi un escaparate no que todo o mundo me viu e a partir de aí fixen a música que me gusta e sempre tiven público, algo do que estou moi agradecido. É certo que ao principio había un público máis masivo que ía ver ao gañador de Eurovisión, pero ese xa non existe e agora queda o que lle gusta de verdade o que fago”, explica.

Luisa Sobral en Vigo en 2021, irmá de Salvador e autora da canción gañadora de Eurovisión | P. Vázquez

O éxito de público é palpable, pois o ano pasado encheu a terraza do Mar de Vigo co seu concerto xunto ao pianista galego Abe Rábade, nun verán cargado de propostas musicais; sen ir máis lonxe, ese mesmo día contraprogramaba no peirao de transatlánticos a primeira xornada do Festival Latitudes: “Ás veces a xente é pesimista e di que están a desaparecer os concertos en sitios pequenos, pero iso non é certo. Sempre haberá xente que queira escoitar música doutro xeito que non sexa estar dez horas de pé escoitando sete concertos nun festival cunha chea de po e un pésimo son”, comenta Sobral, incidindo moito na mala calidade acústica destes eventos. A súa irmá Luisa tamén encheu outro gran recinto, o Teatro Afundación, en 2021: “Creo que Vigo en xeral lle ten moito agarimo aos portugueses e á súa música e estamos moi agradecidos. Agora nos toca a nós adoptar a músicos galegos, escoitar a súa música e estar presentes na cultura galega”, teoriza o lisboeta.

Con todo, Sobral móstrase crítico co goberno do seu país en materia cultural, ao que culpa do descoñecemento que existe en España da música lusa: “O meu país, o meu goberno, non apoia para nada a cultura agás o fado, que é o único que exportamos. Ser artista en Portugal é unha profesión moi precaria, e infelizmente non vai a mellor. De feito, estou pensando en emigrar porque é un país moi limitado, e iso que eu son un privilexiado”, di con contundencia. Salvador non dubida en loubar o goberno catalán, do que di que valora a súa cultura e identidade propia, polo que Barcelona, cidade na que xa residiu en 2010, é a primeira opción que baralla o portugués para mudarse coa familia: “Alí fun moi feliz e creo que é un bo lugar para que medre a miña filla nunhas condicións que penso que son as que merece”, finaliza.

Abe Rábade e Salvador Sobral durante o seu concerto no Terraceo, en 2022 | P. Cermeño
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.