REVISTA ABRIL

Nicolás Pastoriza: “Non preciso máis que facer música ata o día que morra”

Con motivo do concerto presentación do seu último traballo este venres en La Fábrica de Chocolate (22:00 horas), o músico Nicolás Pastoriza atendeunos e acolleunos amablemente no seu céntrico piso en Vigo, onde se xestaron e gravaron todas as cancións do disco. Cunha ‘milnove’ na man, falamos durante case unha hora sobre ‘Pyme’, o concerto do sábado e outros moitos temas. Sempre coa música como eixo central.

Que podemos esperar do concerto deste venres?

Pois basicamente a min tocando con banda, xa que nos últimos dous anos sempre toquei en formatos pequenos, porque os discos eran moito máis intimistas. Este é un pouco máis combinadillo, ten esa zona máis núa e íntima, pero tamén esa parte de banda. Ao ser un disco dobre ten que haber de aquí e de alá. Ademais coñecín xente nova coa que tocar, e está moi ben tocar con rapaces que poderían ser os teus fillos. (risas)

Falando de xente nova, como ves as novas xeracións de músicos locais?

Gústame moito como soan un montón de músicos novos, a súa musicalidade, interpoñendo a canción, a historia da canción, a súa maneira de tocar. Os que máis me gustan son os que saben interpretar o tema e poñen o seu instrumento ao servizo da historia que estás contando, maís que da súa propia destreza, e é o que me pasa con Brais [Iriarte, guitarra] e Sergio [Martínez, batería]. Non noto a diferenza de idade, noto a enerxía, a pulsión. Son xente terriblemente seria e profesional.

“Non preciso tocar para vivir, pero si gravar para vivir”

Teño a sensación de que ti es un artista que prefire o estudio ao directo, é así?

Si, totalmente. A ver, gústame o directo moitísimo, no  momento desde que te sobes ao escenario ata que baixas. Tocar diante da xente, ver as súas reaccións. Pero non me gusta todo o que hai antes e despois. O de tocar por tocar, ou meterme en expedicións  só polo feito de tocar… xa o fixen toda a miña vida, moitas veces. Non preciso tocar para vivir, pero si gravar para vivir.

Sinceramente, non son un gran cantante, non teño un gran show, non son ese tipo de cantante pop. O que realmente son é un compositor. Non teño necesidades de xiras, promotores, managers… De feito, remato un disco e xa estou pensando no seguinte. Levo enriba dun escenario desde mediados dos 80: fixen cousas para pouco público, para inmenso público… un maremagnum de contrastes. O que máis me atrae é o proceso de composición e de gravación. Gravar en casa é un pracer: poden ser as 3 da mañá, que se te ocorre algo, enchufas a guitarra, tocas baixiño e o podes gravar.

As influencia de grupos como Beatles ou Blur están moi presentes no disco, é algo buscado ou inconsciente?

Si, é buscado.  Eu levo escoitando aos Beatles desde cativo, e sigo facéndoo, e creo que os 8 anos que tocaron xuntos encerran todo o que é a música pop. Son como Cervantes ou Shakespeare. Eles inventaron isto.

A cadena que máis me inspirou á hora de facer música vai dende os Kinks e os Beatles ata os Arctic Monkeys, por exemplo, e pasando por Bowie, The Clash,  Sex Pistols, The Smiths, Paul Weller, Oasis, Blur e moitos máis. Gústanme as historias que contan nas súas cancións. De feito, eu comecei a estudar filoloxía inglesa, aínda que despois a abandonei, só para poder traducir as súas letras. A música que máis me influíu a min foi a inglesa. E si, quero que me inflúa e quero que quede patente que me inflúe.

Non te plantexarías nunca escribir en inglés?

Non, salvo que me mude a Inglaterra e viva alí. E entendo que se hai un tío como Calamaro, que logrou levar a Dylan ao castelán e con acento arxentino, soando auténtico e nada ortopédico, eu tamén podo facelo coas miñas influencias.

O novo disco destaca tanto polas súas letras como polas melodías. Daslle preferencia a algunha destas partes á hora de compoñer?

Non, a mesma. Se tes unha melodía que cres que é moi boa, e tes unha letra que non te acaba de convencer, pensas “non estarei desperdiciando esta melodía con esta merda de letra?”. E viceversa. Tamén podes chegar á conclusión de que se esa letra está aí é por algo. Eu primeiro traballo moito na música e despois, segundo a atmosfera da canción, por onde te leva, vaite suxerindo unha serie de cousas que despois as plasmas no papel.  Coñezo xente que incluso termina o disco e ao acabar ponse coas letras. Eu a iso tampouco chego, é demasiado.

“Ninguén no seu san xuízo poñería a declaración do IVE como portada”

Fálanos un pouco do nome do disco e da súa curiosa portada.

Eu quería levar un concepto pop a un lugar onde nunca sairía. Ninguén no seu san xuízo poñería a declaración do IVE como portada, e pareceume ata certo punto warholiano. Ten un fin sarcástico tamén, tal e como está agora o IVE cultural. Cada vez tiña máis razóns para poñela.

Sobre o título, se te fixas nas siglas, ademais de Pequena e Mediana Empresa, tamén poden significar Paranormal e Municipal Española. Cando tes unha idea é tes demasiadas liñas que te levan a mesma dirección, é así, ten que ser ese o nome do disco.

A que se debe que só se poda mercar en dixital e vinilo, e non en CD?

Porque me parece un paso intermedio absurdo. Non aporta nada máis que o feito de collelo e metelo no reprodutor. Gran parte da xente colle o CD e o transforma en mp3 para metelo no móbil. A maioría acaban como posavasos  ou para espantar as gaivotas se os colgas na terraza. Podes facer máis ou menos bonita a caixa, pero non deixa de ser un formato feo.

REVISTA ABRIL

‘Pyme’ xa leva un tempo no mercado, que tal está respondendo a xente?

Ben, pero eu intento levar a miña música pola miña propia canle.  Non creo que sexa nada positivo para ningún músico facerse demasiadas ilusións, tal e como están as cousas.

Estou encantado coa vida que teño, teño meu estudo onde fago as miñas cancións, uns rapaces encantadores que tocan comigo, colaborei cos mellores músicos da miña xeración e das seguintes… Ademais, xa se encargaron máis da metade da remesa dos vinilos de ‘Pyme’, e estou encantado, non podo ser máis feliz. A miña única ambición son as cancións. Non pretendo moito máis que iso, que seguir facendo cancións ata o día que morra. E para min isto é o éxito.

(GMT+01:00) La Fábrica de Chocolate

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.