REVISTA ABRIL

Ortiga: “Xa se sabe que Vigo é un sitio onde sempre naceron cousas guais”

Ortiga é unha das sensacións da música galega nos últimos anos. Escoitando outros dos seus proxectos como Esteban y Manuel ou Boyanka Kostova obervamos a total falta de prexuizos da súa música, que rescata o son máis latino das verbenas das aldeas: cumbia, salsa, bolero ou mambo bañados de autotune, un cóctel explosivo. O sábado fará doblete pola nosa zona: abrindo a tarde estará no Barbeira Season Fest e ao acabar virá ao barrio de Valadares para actuar no Revoltallo.

Comentabas que a túa música bebe directamente das orquestras que tocan nos pobos. Eras un asiduo deste tipo de verbenas cando eras máis novo? Estás a botalas de menos este verán?

As verbenas sempre son un lugar de reunión, xúbilo, alegría e felicidade. Teño ido moito e claro que as botei de menos este verán, aínda que desde que me dedico a tocar a poucas puiden ir. Gústanme e claro que fan falla.

A idade media do público neses casos tende a ser a oposta á dos teus concertos. Gustaríache actuar nalgunha? Cres que entraría ben a túa música?

Eu creo que si. Ao final a xente, sexa da idade que sexa, o que quere é pasalo ben, non creo que lle dea tanta importancia a esas cousas. Nós os músicos somos unha excusa para que a xente o pase ben. Veñen a vernos a nós pero tamén a pasar un rato a gusto.

Como estás a vivir estes concertos da nova normalidade co público sentado? A túa música xustamente provoca o efecto contrario, as ganas de levantarse e bailar. 

Tal e como está a cousa non me parece ningún drama. Eu noto a mesma ilusión e as mesmas ganas. A cousa é pasalo ben, sexa sentado ou de pé. Que non mola tanto? Que da outra forma sería mellor? Si, pero penso que é cousa dun ou dous anos. Nalgún momento volverá a ser como antes, ou bastante parecido. Estamos nun paréntese, e como estamos dentro faise longuísimo, pero dous anos dentro dunha vida tampoco son tantos.

Aproveitaches o período de confinamento para crear nova música?

Pois non. Adiantei algúns trámites que tiña por facer, pero o que é crear música desde cero non. Basicamente porque tes que estar máis atento a como vai ser a túa vida e como vas xestionar a que está a caer que a estar tranquilo facendo música. Aínda que esteas na casa non tes o ánimo de pasalo ben ou de rir porque estas rayado co maldito virus.

Imaxino que nada se compara á enerxía e á felicidade do directo, pero seguro que tamén debe ser moi divertido estar na casa gravando e xogar con todos eses instrumentos de vento e percusión.

Está guai pero a min ao final o que me mola é ir a sitios a tocar e que á peña lle guste o máximo posible. Este ano foi unha cortada de rollo terrible.

A pesar de que neste proxecto funcionas como home orquestra, comentabas nunha entrevista que non descartabas engadir a máis xente a tocar en directo contigo. Segues a ter esa idea en mente?

REVISTA ABRIL

De feito, nesta nova normalidade vou sempre cun guitarrista en formato dúo. Estou contentísimo porque podo estar moito máis liberado para levar mellor o bolo, e non teño que estar tan atento a cousas técnicas. Ademais Joao é dos mellores músicos que coñecín nunca e a nivel persoal é unha marabilla. Cando se suma tanto é difícil que non esteamos contentos. Ata novo aviso vai ser así.

O outro día na presentación do Barbeira Season Fest coincidiches con Basanta. Gústache algún grupo da zona do Vigo ou do sur de Galicia para colaborar con eles?

De feito teño algunhas cousas miradas con algunha xente. Todo o que sexa colaborar a tope. Ademais Vigo xa se sabe que é un sitio onde sempre naceron cousas guais,e agora está dani, que sacou un disco que me encanta, tamén está Kaixo, Kings of the Beach, High Paw... xente marabillosa coa que xa faremos algo, ou non, ou si… Eu con que sexamos amigos xa estou contento.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.