CAMELIAS MASCOTAS

CEIP Igrexa-Candeán

O CEIP Igrexa-Candeán reúne a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade, cubrindo así as etapas de infantil e primaria. Defínese como unha escola aberta, dinámica e plural que busca o crecemento integral do alumnado, enfatizando na educación emocional e en valores. As suas ratios son baixas o que permite unha atención individualizada.

Ademais o Departamento de Orientación conta con especialistas sempre pendentes das necesidades do alumnado para fortalecer a atención á diversidade e a inclusión. Aplican programas de estimulación da linguaxe en infantil e atención ao talento en primaria. Nesta procura por unha educación de calidade, participan en numerosos proxectos e levan a cabo actividades sensoriais, manipulativas e dinámicas co alumnado para a mellor integración dos conceptos. Destacan o programa Activate de exercicio físico matinal, os corredores dinámicos con circuitos que facilitan o movemento ou a radio para traballar moi ben a comunicación en todos os seus aspectos.

Teñen ademais seccións bilingües nalgunhas materias e auxiliares de conversa en toda primaria. A maiores da Biblioteca xeral do centro, cada aula está provista co seu propio recuncho de lectura ao igual que outras zonas repartidas polas instalación fomentando así o bo vínculo cos libros e contos. Conta con plan madruga desde as 8:00, seguido da xornada lectiva que abrangue desde as 9:00 ata as 14:00, continuando co servizo de comedor mediante catering e extraescolares varias.

REVISTA NOVEMBRO

Un centro amplo, versátil, con moita luz natural. Entre as súas instalacións cabe destacar o ximnasio recén reformado e con rocódromo, patio cuberto, pista polideportiva, unha pista de educación vial, invernadoiro, horta e mesmo unha parede musical e outra de xogos verticais. O patio infantil é moi amplo dotado de casiñas, areeiro e circuito de patíns entre outros xogos. Por fortuna, ao estar emprazado nun entorno semirrural, preto do parque forestal do Monte Vixiador, dispón de amplas zonas verdes e espazos moi abertos. Para indagar un pouco mellor neste colexio público podemos realizar a visita virtual dispoñible na sua web ou acudir as xornadas de portas abertas que realizan os días 7, 14 e 28 ás 16.00. No caso de precisar outra quenda pódese concertar unha cita previa de luns a venres no teléfono 886 12 00 37.

Rúa San Cristovo 131
36317 Candeán-Vigo
www.edu.xunta.gal/centros/ceipigrexacandean/
redes: @ceipigrexacandean

Lourdes Tomé
Redactora

The following two tabs change content below.
Educadora Infantil e Educadora Certificada en Disciplina Positiva pola Asociación Española e Americana. É ademais nai de dous pequenos que, segundo di, son os que a fan medrar e aprender cada día. Encántalle a natureza e viaxar aínda que a súa maior paixón son os nenos e a infancia como demostra no seu blog Little Scaler, onde aposta pola crianza respectuosa e amosa que criar sen berros e sen castigos e posible.