Cara á cima
A escalada estréase como deporte olímpico nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020, que se celebrarán os dous meses vindeiros. O anuncio supuxo un pulo importante para unha actividade que xa contaba con moitos adeptos na montaña e outros tantos na modalidade urbana cos rocódromos. Non é preciso ter pretensións profesionais para gozar da adrenalina por alcanzar a cima.
Carmen Pérez é presidenta de Montañeiros Celtas, o club con máis anos (79) e máis socios do montañismo galego. Está de acordo en que a escalada está a vivir un momento doce, pero lembra que a primeira onda de popularidade do deporte chegou nos anos setenta, a década en que o club abriu un refuxio ao pé do monte Galiñeiro para practicar este deporte. «Nese momento tiñamos un concepto de escalada moito máis vencellado ao alpinismo, que era era unha das opcións para desfrutar dos outeiros, xunto con outras prácticas deportivas coma o barranquismo, o ciclismo de montaña, a espeleoloxía, o esquí ou o montañismo. Case todos practicabamos máis dunha disciplina nas fins de semana». Desde o refuxio dos Celtas tocaron o ceo por primeira vez escaladores que hoxe teñen renome, Chus Lago ou Secho López. Na devandita década, o Club Peña Trevinca instalou a súa propia gorida no Faro de Budiño, unha xiba rochosa que desobedece o propio nome que ten, no veciño concello do Porriño, onde se atopan algunhas das vías máis coñecidas da nosa provincia.
Ambos os dous clubs contan agora cun rocódromo para socios e imparten cursos para a rapazada no pavillón polideportivo das Travesas e no campus universitario de Vigo, respectivamente, entre outubro e maio. Desde o Peña Trevinca, o presidente Carlos Garrido explica que o anuncio do Comité Olímpico Español (COE) os pillou preparados, e algúns dos seus alumnos forman agora parte do Equipo de Tecnificación de Escalada. Un exemplo é Araceli Vale, campioa galega de dificultade en categoría absoluta con só 16 anos. O presidente tamén sinala a falta de instalacións axeitadas para o adestramento profesional, coas que si contan cidades como as de Lugo ou Santiago. Na última década, fomos vendo como a escalada pasou de ser o pasatempo dun grupo moi específico de persoas a unha alternativa ao ximnasio con máis discípulos cada día. Para Garrido, «a escalada xa non é cousa de montañeiros, agora é unha actividade deportiva máis», que engancha «pola oportunidade de superarse» para quen afronta unha vía por vez primeira ou sucesiva.
Mapache, refuxio de escaladores na cidade
Media ducia de persoas calzadas en pés de gato buscan coa mirada o próximo agarre nas paredes verticais de Mapache, o boulder máis grande e o único de carácter comercial que dispoñemos na cidade. Catro muros verticais, de 4,5 m de altura, lixeiramente inclinados cara a adiante, invítannos a desafiar a gravidade seguindo os agarres ancorados nas paredes. Cadaquén elixe a cor dos seus agarres, que se corresponderá cunha graduación específica internacional: de 3 ata 8a.
Este centro de subida vertical é o proxecto persoal de Raúl Refojos que, tras 15 anos escalando en diferentes partes do mundo, hai cousa dun ano decidiu retornar á súa cidade natal para montar aquí un centro no que reflectir todo o aprendido, motivado polo anuncio do COE e a crecente sona dos rocódromos. Canda el está Begoña Rodríguez, socia que se encarga da burocracia do negocio. En referencia ao funcionamento do local, o dono explica que «Mapache é un ximnasio centrado no mundo da escalada» no que, a diferenza dos demais que existen en Vigo, non é preciso ser membro dunha asociación nin estar federado para poder trepar polas súas paredes. O que si é recomendable para empezar é asesorarse por un profesional, polo que o propio Raúl imparte cada mes un curso de iniciación de dous días, nos que adquirir os coñecementos básicos cos que enfrontarse ao muro. A partir de aí, a práctica fai ao mestre.
Unha das principais vantaxes da escalada en boulder fronte á escalada en rocha é que o primeiro pode practicarse sen compañía, pois non son necesarias as cordas e os riscos minimízanse moito, así como a loxística precisa. Isto tamén implica que non é preciso contar con moito material, abonda con roupa deportiva e un calzado especial, os xa amentados pés de gato, que tamén é posible alugar en Mapache. Por outra banda, Refojos explica que a este centro acoden moitas persoas que despois acaban saíndo á montaña. «É o xeito de manterse en forma nos meses de chuvia, pois a escalada é un deporte moi explosivo e demandante, require unha práctica constante». Para o dono de Mapache, o aumento do interese na escalada xorde das pequenas satisfaccións que esta práctica ofrece. «A escalada ponte todo o tempo en apuros, pero dáche a posibilidade de saír deles; por iso é tan motivadora».
Ricardo Mella, 123 | 666 16 23 36 | mapacheclimbing.com | @mapacheclimbing
Paula Cermeño
Redactora e fotógrafa
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024