UVIGO
FILLOAS

Unha viaxe cara á abstracción

Talvez Antía F. Van Weill non se vía no futuro como creadora de arte e música cando entrou no conservatorio aos catro anos ou cando se anotou a clases de pintura aos seis. Hai persoas teñen un don especial, e Antía é unha delas. Agora é baixista no grupo Bifannah, que acaba de sacar o seu segundo disco, Danças Líquidas, actividade que compaxina coa pintura dixital e a ilustración. Ademais, tamén se atreve coa pintura en formato físico e compón os cadros e outras creacións utilizando técnicas como a colaxe, o bosquexo (a lapis, pastel ou rotulador) como como obra en si mesma, e acrílico sobre papel. Como a música e a pintura conviven no imaxinario desta artista desde que ten uso de razón, van unidas no seu traballo, creando portadas de discos para grupos tan icónicos no panorama independente actual como Los Nastys ou Los Odio. E tamén se atreve co mundo da moda, prestando os seus deseños para firmas téxtiles como como Wild Pony ou Zadig & Voltaire.

O tema da súa pintura adoita ser introspectivo e, baixo unha marcada abstracción de trazos simples e orgánicos, explora temas como o corpo feminino e a simboloxía da muller. Entre os trazos curvilíneos aparecen flores e plantas, materia viva que nace, que crece, que se transforma; que vive e que murcha. A representación destes motivos naturais é fundamental na obra da artista e marca o seu selo de identidade. Se seguimos afondando e reparmos nas sinuosas formas do pincel de Antía, seguramente  recoñezamos axiña as ondas do mar porque ela, como moitos outros, emigrou a Madrid e bota en falta o cheiro a salitre, tan propio da súa infancia como da de calquera de nós.

Quedaches a pasmar con todos os elementos sensoriais que enchen de colorido estas obras e queres darlle o teu propio significado concreto ao abstracto? Pois para que o que aquí propoñemos non che saiba a pouco, suxerimos que visites a @antiavanweill en Instagram, para poder ser partícipe dese seu mundo tan marabilloso.

Por Estela Gómez

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de decembro de 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

CAMELIAS NADAL
The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)