CASAACUNHA

Unha volta cara ao verde

Se de algo serviu a Gran Recensión foi para poñer o foco na sostibilidade. Demostrouse que a moda de usar e tirar, o consumismo exacerbado e o espolio de moita xente para o beneficio duns poucos, son modelos que caen polo seu propio peso. Serviu para que o cambio climático e a desigualdade social fosen postas nas axendas políticas.

No ano 2015, os principais líderes mundiais acordaron un conxunto de obxectivos para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade a nivel internacional. Son os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), un gran marco para que todos poidamos camiñar xuntos cara a un mundo mellor. A gran novidade deste acordo é que desde a Organización das Nacións Unidas se establece un marco de actuación dirixido tamén ás empresas privadas. Josefa de León, voceira do Comité Executivo da Rede Española do Pacto Mundial da ONU, asegura que o grande éxito deste programa é que «por primeira vez todo o planeta: asociacións, empresas, gobernos e sociedade civil temos unha folla de ruta cunha meta común». En total, son 17 obxectivos e, aínda que de entrada nos poida parecer un exceso de tarefas, Josefa anímanos a ir facendo os cambios paseniñamente: «Non hai que pensar que temos que ser perfectos dun día para o outro; con tal de que fagamos un cambio neste senso, o que sexa, e cando o resultado desa mudanza se consolide, vaiamos por outro, xa está ben. Calquera cambio, por pequeno que sexa, é importante».

Na Asociación Vida Sana, que o ano que vén fará 40 anos fomentando a agroecoloxía e o consumo responsable, vese con optimismo que, por fin, as políticas medioambientais estean no centro do debate. «Cando nosoutros empezamos falar de alimentación ecolóxica, era como predicar no deserto, pero eramos moi novos e teimudos e tiñamos as ideas moi claras verbo da da importancia de mudar as nosas formas de produción para mellorar a saúde, non só a da humanidade, senón a de todo planeta», explica Ángeles Parra, presidenta da amentada asociación. […] Un dos obxectivos de Vida Sana é conseguir que toda a cidadanía teña acceso a unha boa alimentación: «Unha alimentación ecolóxica e de proximidade arrefría o clima desde diversos prismas: máis biodiversidade, máis protección contra a desertización, menos combustibles fósiles e pesticidas, máis xente vivindo nas zonas rurais. E ademais supón unha mellora de saúde na poboación, o que aminora o gasto sanitario, que agora mesmo está disparado», explica Parra.

BioCultura volve a Galicia

Pola man da Asociación Vida Sana, a Feira de Produtos Ecolóxicos e Consumo Responsable BioCultura, do 28 deste mes ao 1 de marzo —lembremos estamos en ano bisesto, polo que febreiro leva 29 días—, regresa á súa cita bienal con Galicia na cidade da Coruña. Unha visita a esta feira pode axudarnos a explorar maneiras de poñer en práctica os ODS, adoptando unha forma de vida máis respectuosa co planeta. «BioCultura é un manual práctico para o cambio. Contribúe a que sexamos máis autónomos como cidadáns, sabendo que a nosa actitude e os nosos hábitos de consumo son decisivos para dar un xiro de 180º», explican desde a organización. No recinto feiral ExpoCoruña cítanse para a ocasión máis de 200 expositores con toda sorte de de alimentos ecolóxicos, cosmética natural, moda sostible… e moitas ideas e solucións para cambiar os nosos ámbitos de consumo. En paralelo á exposición, desenvólvense catas de alimentos, conferencias, obradoiros, demostracións culinarias, actividades para os pequenos dentro do proxecto MamaTerraÁngeles Parra destaca as conferencias do doutor Nicolás Olea, experto en contaminación química e a da doutora Mª Dolores Raigón, da Universitat de València, que explicará por que os alimentos orgánicos son nutricionalmente superiores e máis saudables que os convencionais. BioCultura é unha boa oportunidade para coñecer de cerca o traballo que moita xente está a levar a cabo no sector ecolóxico. Aquí contámosvos máis sobre proxectos que se achegan á sostibilidade desde diferentes ámbitos.

Bioconstruir

Xulio Fernández, arquitecto técnico e enxeñeiro de edificación, e o seu equipo son pioneiros en arquitectura sostible. Bioconstruir é un estudio de arquitectura que naceu como un proxecto de final de carreira hai 25 anos, pero foi en 2002 cando decidiron retomalo con forza; nos últimos sete anos veñen notando un importante aumento na demanda: «Produciuse un cambio de conciencia social. A xente empezou a preocuparse polo que comía, e pouco a pouco ese coidado foise levando a outros ámbitos, coma o da vivenda», explica Xulio. Na actualidade, arredor dun 80 % dos proxectos que desenvolven son baixo criterios de sostibilidade. Os piares sobre os que constrúen as súas vivendas son basicamente dous: velar pola saúde das persoas que as van habitar e que a construción quede integrada no medio, xerando un baixo impacto visual. Traballan só con materiais naturais (pedra, madeira, cal, arxila e aceites naturais son os seus preferidos), combinándoos con audacia para acadar a maior eficiencia posible porque, tal como explica Fernández, «a mellor calefacción é a calor que non se perde». […] Ademais, preocúpanse por ofrecer algo acorde coa economía das familias: «construír segundo criterios ecolóxicos non implica que sexa máis caro».

986 09 09 68 | Rúa das Teixugueiras (PAU de Navia), 29, portal 3, oficina 5 | xestion@bioconstruir.es | [Facebook] @bioconstruir.es | [Instagram] @bioconstruir

Corisca

Natalia Rodríguez herdou o saber do mundo do viño de seu pai, viticultor. En 2005 tomaron a remuda do negocio paterno, reconverténdoo en ecolóxico. […] Lanzou Corisca en 2009, sendo o primeiro albariño ecolóxico do mercado, coa D.O. Rías Baixas. Levoulle tres anos adaptar aos criterios ecolóxicos as dúas hectáreas e media de terreo. Ademais mercou unha leira cunha casa que rehabilitou e converteu en bodega. A estes terreos foi engadindo outras parcelas dos arredores, nun proceso de recuperación de terras abandonadas. No trata as súas vides con ningún produto químico; empregando tratamentos naturais de contacto cando cómpre, pero Natalia explica que sobre todo o que fan é moito máis traballo de prevención. Na bodega celebran todo tipo de eventos e, por só dez euros, tamén se pode coñecer todo o proceso de elaboración do viño nunha visita que culmina coa cata dos dous caldos que elaboran, coa maridaxe dun petisco ecolóxico. Ademais, a partir do mes que vén, a segunda fin de semana de cada mes van organizar unhas rutas de sendeirismo que concluirán cunha cata na bodega.

615 43 02 96 | Barrio de Corisca (Entenza), 5 (Salceda de Caselas) | bodegacorisca.com | info@bodegascorisca.com | [Facebook] Bodega Corisca | [Instagram] @bodegacorisca

Daterra

O campo estaba no seu ADN polo que, despois de estudar Ciencias Químicas e traballar nun laboratorio, Cristina Bañobre decidiu facer diso o seu modelo de negocio. Quizais influída polo mimo que a súa avoa poñía no coidado das verduras que logo vendía no mercado local, Cristina apostou por cultivar produtos saudables. Primeiro empregando a agricultura integrada e logo poñendo en marcha o seu proxecto en ecolóxico: Daterra. Cebolas chatas, grelos de Monfero e patacas Kennebec son as tres variedades que cultiva na súa horta, buscando sempre a excelencia. […] «O campo non pode ser un complemento para as familias, cómpre enfocalo como un negocio. E para iso hai que formarse e tomar contacto co mercado. Nós temos o orgullo de conseguir que a Galicia xa non teñan que vir patacas ecolóxicas de Almería». Esta empresaria miñense asegura que, a pesar de estar no litoral, hai moito terreo abandonado e o mercado demanda os produtos da nosa terra, polo que asegura que aquí hai unha boa oportunidade de negocio.

657 96 11 16 | Miranda de Fondal, 73 (Miño, A Coruña) | info@daterradopais.com | daterradopais.com | [Facebook] Daterra Do País

Lembranza Box

Coa crise económica, Carolina Abalde perdeu o seu traballo como técnica de laboratorio e decidiu reinventarse. Unindo dúas das súas paixóns, a natureza e os produtos galegos, creou Lembranza Box. Trátase dunhas caixas que reúnen entre tres e sete produtos da terra, ecolóxicos e sostibles. A intención de Carol, como é máis coñecida esta emprendedora, é a de achegar aos galegos na diáspora os mellores produtos do país, aínda que tamén ten clientes aquí. […] A través deste proxecto, Carol quere exercer de escaparate para os pequenos produtores: «Moitas veces teñen proxectos pequeniños e decote están moi centrados en producir, polo que non teñen tempo para dedicarse á mercadotecnia. A través destas caixas quero amosar o traballo que fai esta xente, hai proxectos moi interesantes», explica a viguesa […] Entre os produtos seleccionados, atopamos as pastas ecolóxicas Bubela Artesá, elaboradas en Lugo a partir de fariña de centeo, millo ou espelta e combinadas con cúrcuma, algas ou castañas. Tamén as marmeladas e cervexas da marca Carabuñas, de Vilar de Santos, que vén de lanzar un licor de sabugueiro, arbusto deostado durante moitos anos, que  grazas a isto se está a poñer en valor.

678 61 37 94 | Rúa da Ponte da Veiga, 1 | lembranzabox.com | info@lembranzabox.com | [Facebook] @lembranzabox | [Instagram] @lembranzabox

Agroma a oferta ecolóxica local

Nun pequeno paseo pola nosa cidade podémonos dar conta de que cada vez son máis os locais que ofrecen produtos e servizos que nos axudan a levar unha vida máis saudable e coidadosa co medio ambiente.

Calona Varela

Botamos andar pola Ronda de Don Bosco, onde hai uns meses que Carolina Varela abriu Jade, unha tenda de cosmética natural. A rexente comenta que aquí podemos atopar todos os produtos de cosmética que precisamos para o coidado persoal exterior: «A xente chega aquí con peles moi magoadas e doenzas preocupantes. Todos os produtos que distribúo son de empresas pequenas do Estado, que sei como traballan e coas que comparto valores. Á parte, teño unha liña de cosmética āyurveda que vén da India». Carolina convídanos a reducir o uso dos tóxicos que poñemos na pel […] tamén ofrece un servizo de terapias para aquelas persoas que queiran afondar neste estilo de vide e mudar de hábitos de acordo con isto.

Adrián Román e Óscar Márquez

En dous pasos chegamos a Urbanic, a tenda de produtos ecolóxicos que Adrián Román e mais Óscar Márquez abriron hai xusto agora catro anos. Ao primeiro dedicábanse en exclusiva á venda de produtos de alimentación, pero agora nas baldas desta tenda tamén atopamos produtos para o coidado persoal e para a limpeza do fogar. […] Botaban en falta atopar produtos de proximidade «ademais de ecolóxicos, para nós é importante que os produtos sexan quilómetro cero, para que sexan sostibles de verdade», explica Adrián. Entenden o negocio como o seu proxecto de vida, destinando moito tempo a seleccionar os produtos cos que traballan; introducindo na tenda só aqueles que meterían nas súas propias casas, pensando sempre nos gustos e nas preferencias dos clientes.

Bianca Broullón

Baixando pola rúa de Eduardo Iglesias podemos coñecer á Srta. B, un salón de peiteado que só emprega produtos orgánicos nun espazo amplo, luminoso e de liñas agradables, no que se coida cada detalle. Aquí tamén se repara na música e, desde logo, no trato, que tamén é de proximidade: «Para min é importante escoitar como é o día a día das miñas clientas, para saber cales son as súas necesidades e que é o que mellor vai ir para cada unha delas. […]», explica Bianca Broullón, que se decidiu hai tres anos a montar o seu propio negocio, despois de traballar durante moitos anos para terceiros. Asegura que os seus clientes deseguida notan a diferenza: «O cabelo gaña moita forza e luminosidade ao ser tratado con estes produtos que, ao seren naturais, as persoas con doenzas coma o cancro poden aplicar sen problema».

Loli Carballa

 Un dos negocios máis novos que atopamos neste paseo é a primeira lavandería de autoservizo ecolóxica da cidade. Inaugurada o ano pasado na parte alta da rúa de Venezuela, Lavagreen ofrece un xeito económico e eficiente de lavar a roupa, segundo nos explica a súa xerente, Loli Carballa: «As nosas máquinas están feitas en España e teñen un sistema de aforro de auga e de enerxía. Os xabóns son ecolóxicos e na lavandería non hai rastro de plásticos». A súa implicación persoal co ecoloxismo fixo que desde o inicio valorase o negocio en termos de sostibilidade […]. Por aforro, polo planeta e por comodidade, asegúranos que é a mellor opción para facer a coada semanal, se o desexamos, na compaña das nosas mascotas.

Banner A Movidiña
Paz Núñez

 No descanso para o xantar podémonos achegar a La tienda de Paz, para degustar o menú ecolóxico, que se elabora a diario con esmero a base de produtos ecolóxicos e de proximidade. Se levamos présa podemos pedilo para levar, pero se imos con tempo seguro que presta desfrutar del comodamente nesta tenda onde podemos aproveitar para facer a compra. Ademais, nas fins de semana organízanse aquí obradoiros de receitas saudables, ecolóxicas… e deliciosas.

Por Tamara Novoa

[ Podes ler a reportaxe íntegra na revista A movida de febreiro. Faite con ela de forma gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER ]

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.