VIALIA
CAMELIAS NADAL

Bilingüismo, si ou non?

Parece que todo o mundo ve positivo que a rapazada aprendan castelán e inglés e abofé que o é. Pero que pasa cando o concepto do bilingüismo parte desde as linguas da nosa comunidade autónoma? Para algúns, o ensino en galego e castelán non teñen o mesmo valor. Ás veces, as familias non saben ou renegan de empregar a nosa lingua, talvez por seren educados en castelán ou talvez por prexuízos ideolóxicos. Nestes casos, a presenza do galego vese reducida ás poucas horas lectivas en que o noso idioma se converte nunha lingua obrigatoria para algunhas materias, e é aí onde hai que fomentar o valor que merece como parte da nosa identidade, da nosa cultura e das nosas tradicións.

Honestamente, hai palabras e expresións que se non son en galego, non son nada: colo, fozar, morriña, orballo, trapallada, xeito… É imposible traducir estas cousas! Pero, como aceptan os máis pequenos o feito de vivir entre dúas linguas? É certo iso de que poden tolear se lles falamos en galego e castelán ao mesmo tempo? Non, os pequerrechos non se volven tolos. De feito, ata os 4 anos é totalmente normal que mesturen as linguas dun ou doutro idioma co que convivan, dependendo o que nese momento lles resulte máis adecuado. Non é necesario corrixilos nestes casos. Pouco a pouco irán tomando consciencia de que se están a defender en dous idiomas, algo marabilloso. En materia escolar, non importa se os libros de texto están nun idioma e a clase se imparte noutro. Esa convivencia mesmo pode ser beneficiosa para eles, xa que fomenta a facilidade para aprender novas linguas, maior flexibilidade mental, máis atención selectiva, un vocabulario máis extenso e unha riqueza expresiva ampla. Por fortuna, os nenos complican moito menos as cousas que os adultos. Para eles o importante é que nos entendamos. A diversidade non é un problema para eles, algo do que os adultos deberíamos tomar exemplo. Nun mesmo grupo pode haber nenos de diferentes culturas, nacionalidades e idiomas, e isto só servirá para que, xuntos, melloren a súa capacidade de adaptación, se críen no respecto e teñan interese por aprender e descubrir.

CAMELIAS NADAL

De modo que non consideremos a nosa propia lingua como algo inferior ou alleo, porque estaremos a renunciar a unha gran riqueza. Ensinemos con sentidiño, non vaia ser o demo…

Lourdes Tomé
Redactora

Podes ler máis en…

The following two tabs change content below.
Educadora Infantil e Educadora Certificada en Disciplina Positiva pola Asociación Española e Americana. É ademais nai de dous pequenos que, segundo di, son os que a fan medrar e aprender cada día. Encántalle a natureza e viaxar aínda que a súa maior paixón son os nenos e a infancia como demostra no seu blog Little Scaler, onde aposta pola crianza respectuosa e amosa que criar sen berros e sen castigos e posible.