Bica galega, un doce que crea adicción
Desde o mesmo corazón de Galicia, enfornado na cociña de Pazo de Vilane, a marca galega que introduciu por primeira vez en España os ovos campeiros de galiñas criadas en liberdade, traemos esta exquisita e esponxosa bica, todo un clásico da repostería galega.

En 1996 naceu Pazo de Vilane con cincuenta galiñas e un soño: restaurar a casa que desde o século XVIII fora epicentro da vida rural na comarca da Ulloa, na provincia de Lugo, para lle dar unha nova vida como granxa de ovos campeiros baseada nun crecemento sostible. As galiñas andan en liberdade nos prados frescos do pazo. Máis de 25 anos despois, Pazo de Vilane segue producindo co máximo benestar animal, mantendo unha crianza respectuosa na que conviven animais e persoas. O resultado son uns ovos únicos, de consistencia densa, con xemas alaranxadas e o delicioso sabor dos ovos campeiros, os da casa.
Ingredientes
400 g de fariña
1 sobre de fermento en po
4 ovos campeiros Pazo de Vilane
200 g de manteiga
200 g de azucre
200 ml de nata líquida
Unha chisca de canela (opcional)
Elaboración
Antes de nada, prendemos o forno a 170 ºC, quecendo as partes superior e inferior. Mentres sobe a temperatura, barutamos a fariña co fermento en po. Logo batemos os ovos co azucre ata que a mestura quede ben escumosa. A continuación engadimos aos poucos a manteiga derretida ao baño maría. Deseguido incorporamos a nata líquida, amodo e sen parar de bater. Cando estea ben mesturado todo, incorporamos a fariña co fermento en dúas quendas. Vertemos a mestura nun molde untado previamente con manteiga e esparexido con fariña. O toque final consiste en ciscar a superficie da masa con azucre e canela ao gusto e cociñar a masa no forno entre 35 e 40 minutos.