REVISTA ABRIL

Pereira publica un calendario con doce receitas da dieta atlántica

Pereira publica o seu recetario para o Nadal 2020, que este ano toma a forma de calendario e homenaxea a dieta atlántica, presentando propostas arraigadas na cociña tradicional galega. O recetario gratuíto está comoposto por 12 pratos, un por cada mes do ano, que incluen fotografía, paso a paso e código QR para mercar os produtos. Nesta edición contouse coa colaboración de tres reputados nutricionistas que elaboraron catro recetas cada un: Amil López, Mario Ortiz e Victoria Fernández.

Como cada Nadal, a marca conserveira lanza os seus consellos para preparar os seus produtos do mar baixo o lema “Cocina de Abordo”. Este ano o lanzamento é en forma de almanaque e con 12 pratos inspirados na dieta atlántica e as ganas de comer saboroso e equilibrado “A dieta atlántica é a que dá a Galicia o seu caracter de potencia gastronómica”, explicou o representante da marca Ruy Andrade, en referencia a calidade dos peixes e mariscos que dan fama aos nosos pratos en toda a península.

A proposta de seguir a dieta atlántica está enmarcada dentro da loita contra a obesidade, un dos maiores lastres da saúde das persoas a nivel mundial, que afecta ao 25% da poboación española e cuxa solución pasa por evitar os produtos ultraprocesados e volver priorizar aquelas materias primas frescas e sen aditivos coas que cociñaban as nosas avoas galegas: as luras, a pescada, o peixe sapo ou o polbo, que brilan na compañía de patacas e hortalizas. Neste campo resaltouse o esforzo de Pereira por ofrecer produtos da cociña galega tradicional en novos formatos, que nos fagan a vida máis doada, como é o caso das patas de polbo xa limpas e cocidas no seu xugo en autoclave.

REVISTA ABRIL

Para explicar as cualidades nutricionais da cociña galega contouse coa doutora en famacia e nutrición Amil López, coñecida pola súa actividade nas redes sociais e a súa empresa Dieta Coherente, desde a que axuda ás persoas a comer mellor. Ela foi tamén a encargada de cociñar un dos seus pratos propostos: polbo e langostinos ao estilo de Mugardos, isto é, guisados con patacas, hortalizas e pemento moído. Unha receita de domingo que, cos produtos de Pereira, elaborou en tan só 20 minutos. A experta resaltou as bondades da dieta atlántica, afirmando que favorece a lonxevidade, a saúde cardivascular e a ausencia de diabetes de quen a practica.

Ademais das tres propostas de López, o calendario-recetario conta tamén coas aportacións do nutricionista onubense Mario Ortiz, quen é tamén entrenador persoal e creador de contido en redes sociais sobre saúde e deporte; e Victoria Fernández, autora do libro Perezosa Healthy, un valioso manual para todas as persoas que queren levar un estilo de vida saudable sen empregar moito tempo na cociña. Con esta escolla de influencers a marca quere achegar os beneficios da cociña de sempre ás xeracións máis novas.

A publicación pode conseguirse de xeito gratuíto en calquera dos establecementos de Pereira, en Beiramar e no Mercado do Progreso, así como descargar desde a súa web, onde tamén atoparemos os 19 volumes anteriores. Nel atoparemos propostas como a pescada en escabeche, as luras recheas ou as fabas con polbo.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.